Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/08/2018 | Actualizada ás 13:04
O Bierzo é un chisco máis galego. O colectivo cultural Fala Ceibe comezou o envío de léxico en lingua galega ao Consello Comarcal do Bierzo para facilitar a súa incorporación ao portal dixital do ente comarcal na sección Cultura e Patrimonio.
O Consello Comarcal ten a obriga legal de protexer a lingua galega que se fala nunha parte do seu territorio, segundo determinan o Estatuto de Autonomía de Castela e León e a Lei autonómica de creación da Comarca. Porén, carece de medios para asegurar a presenza institucional do galego. É por isto que foron os propios galegofalantes bercianos os que tomaron a iniciativa.
Os léxicos que presentan servirán para que diversos entes (Consello Comarcal, concellos e pedanías) teñan de balde materiais en galego para promocionar esta lingua. Estes léxicos serán remitidos periodicamente aos entes locais bercianos e a todo tipo de colectivos (asociacións culturais, equipos deportivos, asociacións de veciños, etc).
"Comprometémonos a enviar periodicamente diversos documentos con léxico galego tradicional, referidos aos ámbitos urbano, agrario, gandeiro, vías de comunicación, toponimias locais, orografía, animais, árbores, hídrico, etc.", explicou Fala Ceibe nun comunicado.
O primeiro léxico achegado por este colectivo ao Consello inclúe palabras referidas ao ámbito urbano de vilas, cidades e localidades. O segundo relaciónase co ámbito agrario e a ordenación histórica do territorio rural. A terceira recompilación de léxico afecta o mundo gandeiro do Bierzo, con referencia ás peculiares explotacións gandeiras de tipo comunal, caso das veceiras.
Así pois, o galego comeza a ter presenza institucional no Bierzo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.