Por Galicia Confidencial | Lorient | 12/08/2018 | Actualizada ás 14:23
A Selección Galega de fútbol gaélico masculino proclamouse subcampioa no primeiro Europeo deste deporte, que se celebra no marco da programación do Festival Intercéltico de Lorient. Tras superar a fase previa invictos e primeiros, con tres vitorias e un empate, os galegos caeron na final ante Francia por 15-10.
O partido foi moi igualado e apaixoante, cun empate 5-5 ao descanso no campo de Moustoir, logo duns primeiros 30 minutos de xogo moi tácticos por parte de ambos os dous equipos. Pero na segunda parte, o partido decantouse a prol dos franceses nos últimos 10 minutos, canso se puxeron por diante 10-9 a falta de 10 minutos. A inoportuna lesión do porteiro galego, Mancu, e a falta de fortuna nos últimos minutos, decantaron o resultado para a Selección Francesa, que finalmente gañou 15-9.
Os rapaces pecharon así un campionato histórico, con vitorias na fase previa sobre a selección de Gascuña (14-4), Francia (16-9) —nun partidazo dos galegos contra os grandes favoritos e, á postre, campións—, ademais da exhibición fronte Alemaña (44-5). O pase á final chegou tralo empate a 9 coa Bretaña, pasando á final tamén coma primeiros de grupo. E, de novo fronte a todopoderosa Francia, Galicia coroouse como a subcampioa de Europa.
Pola súa banda, a selección feminina xoga a final do Europeo, tamén contra Francia, a partir das 15.00 horas deste domingo, tras clasificarse como primeiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.