Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/04/2011 | Actualizada ás 13:05
A Real Academia Galega sempre foi moi comedida nos seus pronunciamentos públicos. Con todo, onte criticou abertamente e por iniciativa propia a lentitude do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Este tribunal acaba de admitir a trámite o recurso contencioso-administrativo interposto pola RAG contra o decreto 79/2010. Trátase da polémica norma da Xunta do PP, que baixou o número de horas obligatorias en galego asemade que tenta impor un modelo de ensino trilingüe.
"Sorprende, en medios xurídicos, a tandanza coa que o Tribunal Superior tomou este acordo", indica a RAG. A oposición da RAG é moi relevante, por ser o ente que o Estatuto fixa como regulador do idioma.
A lei para acabar coa suposta imposición do galego no ensino durante o bipartito aprobouse no DOG na primavera de 2010. Inmediatamente foi recorrida por diversas entidades, incluída a Real Academia. Malia a evidente relevancia social da polémica, os xuíces tardaron case un ano en determinar se consideraban ou non a denuncia dos académicos.
Este mes tamén se coñeceu que o TSXG admitía a trámite outro recurso, presentado polo STEG, un dos sindicatos do ensino próximos ao nacionalismo.
En todo caso, expertos xurídicos consultados por GC descartan unha resolución definitiva do preito a curto ou medio prazo. Sexa cal for o ditame do TSXG, é moi probable que a lea xudicial se prolongue até o Tribunal Constitucional.
Non haberá sentencia definitiva esta lexislatura
Noutras palabras, cando a Xustiza se pronuncie definitivamente en San Caetano haberá outro goberno diferente ao que aprobou o decreto e, polo tanto, é posible que unha nova norma en vigor.
Malia as críticas pola tardanza dos xuíces, a institución que dirixe o escritor Méndez Ferrín "considera positiva esta resolución".
O comunicado da RAG critica entre liñas a crispación desatada pola norma da Xunta. Así, a RAG "mantén a esperanza de que esta vía que se abre poida restablecer no futuro o consenso necesario que durante tantos anos posibilitou un clima docente aceptable nas aulas de Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.