Abre o prazo para solicitar axudas destinadas á recuperación das terras lucenses abandonadas

O Executivo Provincial recupera unha "medida pioneira" que nos anos 2014 e 2015 serviu para que 178 agricultores e gandeiros lucenses a recuperaran para a produción 1.200 hectáreas de terreo na provincia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/08/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Co obxectivo de recuperar as terras abandonadas da provincia, a Deputación de Lugo abre este luns o prazo de solicitudes para que os agricultores e gandeiros lucenses poidan recibir unha axuda e así reactivar a produción. Unha "medida pioneira" segundo o Executivo Provincial, que explicou que esta iniciativa serviu, nos anos 2014 e 2015, para que 178 agricultores lucenses recuperasen 1.200 hectáreas de terreos baldíos na provincia. Nesta ocasión, a Deputación investirá 300.000 euros na medida. 

O alcalde de Cortegada na aldea abandonada de A Barca
O alcalde de Cortegada na aldea abandonada de A Barca

Dende a Deputación, explican que poderán solicitar estas axudas gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie, ben en réxime de propiedade, aluguer, ou froito dunha cesión ou doazón.

As terras beneficiadas terán que destinarse a actividades agrícolas ou gandeiras. Queda fóra, polo tanto, a explotación forestal. A subvención por hectárea é de 500 euros e cada beneficiario poderá recibir un máximo de 9.000 euros. O Executivo Provincial sinala que esta medida responde as demandas dos propios gandeiros e agricultores e "demostra con feitos o seu compromiso co rural da provincia". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta