O Consello de Contas impulsa un Comité de Ética para previr casos de corrupción

Entre as accións previstas está apercibir ao seu persoal de accións incorrectas, abrirlle expediente ou, mesmo, remitir a denuncia ao Ministerio fiscal cando existan indicios de infracción penal.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Consello de Contas de Galicia xa conta co seu propio Comité de ética. O DOG publicaba este luns o acordo desta institución do pasado 26 de xullo polo que se aproban as normas de funcionamento deste comité e a canle de queixas e denuncias.

Segundo apunta o propio Consello de Contas, a súa aprobación enmárcase na "crecente preocupación social pola calidade e a transparencia das institucións públicas e pola prevención e loita contra a corrupción". Así, lembra que entre as súas funcións entán o fomento dunha "cultura cívica a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público". Por iso, quere asumir un papel de "liderazgo ético" que "se debe corresponder cun comportamento exemplarizante da Institución, cuxas actuacións non poden ser percibidas como incoherentes cos principios e valores éticos que defende".

Deste xeito, o código establece os principios e valores, así como as responsabilidades e compromisos éticos dos empregados da institución para alcanzar os obxectivos institucionais e fai un particular fincapé na exemplaridade da conduta e no óptimo desempeño dos seus membros e do persoal ao seu servizo. Nace, ademais, como complemento para "mellorar os seus estándares técnicos e a  independencia, imparcialidade e competencia do persoal da Institución".

COMPORTAMENTO INTERNO

O Código ten como obxectivos desenvolver modelos e pautas de conduta ética e responsable de todo o persoal do Consello de Contas, prever a comisión de comportamentos inadecuados e stablecer os mecanismos de seguimento e control necesarios para garantir o seu cumprimento.

Por iso, creouse un Comité de Ética responsable de velar polo seu cumprimento, e ponse a disposición de todo o persoal unha canle de comunicación que garante a confidencialidade de quen desexe utilizala para realizar consultas e suxestións, ou ben para informar sobre posibles vulneracións ou incumprimentos do Código.

Ademais, a institución puxo en marcha unha canle de comunicación electrónica para que calquera empregado do Consello ou calquera outra persoa lle poida comunicar ao Comité de Ética as accións ou omisións que supoñan o incumprimento dos valores, principios e regras recollidos no Código ético. Esta canle garantirá a confidencialidade e, de ser o caso, o anonimato das comunicacións presentadas. De forma complementaria, ponse á disposición dos interesados unha caixa de correo física para que poidan formular queixas ou denuncias en formato papel.

INVESTIGACIÓN

Recibida a comunicación, a persoa que exerza a presidencia do Comité trasladaraa no prazo máximo de dez días a todos os membros do Comité para a súa análise e convocará unha sesión do Comité onde se resolverá sobre a súa admisión a trámite.

Admitiranse aquelas comunicacións que conteñan unha descrición dos feitos que resulte verosímil e que permita identificar a conduta denunciada. Non se admitirán aquelas que describan feitos que resulten faltos de fundamento ou notoriamente falsos. O Comité comisionará un dos seus membros para realizar a comprobación dos feitos mediante as tarefas que sexan procedentes.

Unha vez finalizada a comprobación dos feitos, o comisionado elaborará un informe final dirixido ao Comité de Ética que conterá o detalle dos feitos comunicados, as tarefas de comprobación realizadas, a proposta de decisión que se van adoptar, e, de ser o caso, as accións de resposta para corrixir ou previr que o citado incumprimento se volva producir. Entre as accións previstas; apercibimento ao denunciado de cesamento das actuación, proposta de incoación de expediente, remisión ao Ministerio fiscal cando existan indicios de infracción penal ou arquivamento das actuacións.

Desde o pasado 19 de febreiro exercen como membros deste comité Ana María Otero López, conselleira da Área do Sergas; Beatriz Rodríguez Fraga, conselleira da Área de Institucional; Luís Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela e Esperanza Rodríguez Boente, profesora contratada-doutora de Filosofía do Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.

Comisión do Consello de Contas
Comisión do Consello de Contas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Podería alguén localizar onde se atopa o vídeo desta Comisión do Consello de Contas...? Non o dou atopado na mediateca do Parlamento de Galicia ! http://mediateca.parlamentodegalici...

2 Gamela

Para continuar denunciando como se van os cartos públicos ao petos privados, sería ben analisar ata que punto é lóxica unha axuda de 260.000 € para a celebración dunha Festa Gastronómica organizada polos Armadores de Vigo (ARVI) ? // Acaso son POBRES os Armadores de Pesca de Vigo? O Alcalde firma 105.000 € https://sede.vigo.org/expedientes/a... A Deputación, Carmela Silva e o Alcalde asinan outros 155.000 € https://sede.vigo.org/expedientes/a... Coma parvos asistimos ao FESTIVAL DO MAR DE VIGO - VIGO SEAFEST sen saber que as delicatessen de peixe que ofrecen ESTÁN PAGADAS ABONDO !!!

1 Gamela

Se alguén sabe como facelo (?) ben podían comezar por ACLARAR se o alcalde de Vigo PAGA ou Non Paga polo seu programa de televisión "Vigo de Cerca" que emite dúas veces á semana a TDT Localia Vigo (?) Se paga o PSOE supoño que sería correcto o gasto, pero se emprega diñeiro público do Concello ou da Deputación non sei por que non está na Fiscalía ?