Temas: ANISAKIS XUNTA MAR

A Xunta iniciará unha campaña informativa fronte a "alarma xerada" polo anisakis

O pleno do Consello Galego de Pesca aproba un documento para pedir á UE unha flexibilización nas posibilidades de pesca para Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2018 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar iniciará a próxima semana unha campaña informativa sobre o anisakis co fin de mandar unha mensaxe de tranquilidade fronte á "alarma xerada". Este luns, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou esta iniciativa ante os membros do pleno do Consello Galego de Pesca en Santiago, após as queixas do sector acerca da repercusión do anisakis no descenso de consumo de peixe, en especial da pescada.

Peixe á venda.
Peixe á venda.

Respecto diso, o Goberno galego lembra que a presenza deste parasito non supón ningunha novidade, mentres que na Comunidade sempre se consumiu peixe coa aplicación da normativa de manipulación con todas as garantías. Así, Quintana sinala que esta campaña se centrará en informar os modos de evitar riscos e contará con mensaxes de tranquilidade para facer fincapé en que o consumo de peixe é seguro sempre que se compre polas canles legais de comercialización. Para iso, propúxose ao Ministerio de Pesca e a outras comunidades a facer unha campaña en conxunto, que "foi ben acollida" e que se abordará no mes de setembro.

POSIBILIDADES DE PESCA PARA 2019

Neste pleno aprobouse o ditame para remitir á UE e ao Ministerio sobre a consulta das posibilidades de pesca para 2019, no que Galicia demanda unha flexibilización do rendemento máximo sustentable até 2020. Neste documento constátase "o bo estado" dos caladoiros nos que faena a frota galega co fin de incrementar as posibilidades de pesca. Ademais, presentouse o ditame de Galicia sobre a proposta de regulamento do Parlamento Europeo e do Consello en materia de control de pesca, que recollen as demandas do sector galego para mellorar o sistema.

Xunto a isto, abordouse a proposta de traballo para a redacción do regulamento que desenvolverá a lei de portos, co obxectivo de asegurar a correcta prestación de servizos e operacións polo uso de instalacións. Noutra orde de cousas, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a convocatoria de catro bolsas de formación dirixidas á titulados en ciclos formativos en acuicultura para facilitar a súa especialización e incorporación á vida laboral.

Temas: ANISAKIS XUNTA MAR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta