A Xunta asina acordos con 19 concellos para financiar a compra de tractores para previr incendios

A consellería financiará a compra da maquinaria por parte dos municipios beneficiados por un importe máximo de 85.000 euros en cada caso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2018 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou este venres con 19 alcaldes de distintas localidades galegas os convenios para a adquisición doutros tantos tractores para a roza, que serán utilizados na prevención de incendios forestais nestes municipios. Diso informou a Xunta nun comunicado, no que explica que con esta medida busca facilitar os traballos de limpeza de matogueiras no ámbito das competencias das entidades locais.

Medio Rural asina acordos con 19 concellos. XUNTA
Medio Rural asina acordos con 19 concellos. XUNTA | Fonte: Europa Press

En concreto, os municipios cos que Medio Rural asinou este venres acordos foron Mazaricos, As Somozas, Vedra, Vimianzo e Zas, na provincia da Coruña; Abadín, Baralla, Mondoñedo, Navia de Suarna e O Valadouro, na de Lugo; Bande, Cartelle, Maceda, A Veiga e Xinzo de Limia, na de Ourense; e Cuntis, Dozón, Portas e Ribadumia, na de Pontevedra.

En virtude destes convenios, a consellería financiará a compra da maquinaria por parte dos municipios beneficiados por un importe máximo de 85.000 euros en cada caso. A axuda destinarase á adquisición dun tractor e dous apeiros de roza (un de arrastre e outro de brazo). O IVE correspondente abonarao cada consistorio.

TOTAL DE AXUDAS

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez destacou que continuará con esta iniciativa e, en breve, proseguirá achegando financiamento, por un importe total de 3,2 millóns de euros este ano, para a adquisición de novos tractores, até chegar a 35 neste exercicio. Estes vehículos sumaranse aos 35 subvencionados en 2017, co que xa serán 70 os apeiros financiados, que prestarán servizo a un total de 81 entidades locais.

A Xunta destacou que, a través de distintas vías de colaboración, facilita aos concellos o cumprimento das súas obrigacións en canto á execución de rozas e ao mantemento das vías municipais.

Así, a estas axudas, sinalou que se suman outras como as destinadas a subvencionar rozas, dispor de montobombas e brigadas municipais. Ademais, tamén se referiu ao acordo coa Fegamp no que Medio Rural investirá máis de 28 millóns até 2021 para pór en marcha un sistema público de xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta