Xulio L. Valcárcel, poeta extraordinario

alicia é terra de grandes escritores e, sobre todo, de excelentes poetas. Entre estes destaca de xeito especial, ao meu ver, Xulio L. Valcárcel.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 07/05/2011

Comparte esta noticia

Este home cordial posúe, ademais, o don da palabra exacta, a que serve para nomear o esencial, o que importa realmente nesta vida: o amor, a morte, as ausencias, a infancia perdida, a vida que pasa. Os títulos dos seus libros reflicten os seus centros de interese: Véspera do día, Memoria de agosto, Casa última, A melancolía dos corpos...

Xulio non se adorna, non rebusca no dicionario verbas ampulosas nin elabora metáforas escuras; pola contra, deixa os seus versos limpos de toda retórica innecesaria, plenos de emoción auténtica e transparentes como as augas do río. Luciano Rodríguez escribiu sobre a poesía de Xulio e destacou "a música das palabras que nos falan en voz baixa, máis que callan no ser, deixando unha marca indeleble". Ramiro Fonte deixou escrito que "os versos que necesitamos revelan parcelas de vida ou non revelan nada". Desa clase son os poemas de Xulio Valcárcel.

Coñecín ao poeta hai uns anos por mediación de Fernán Vello. Aceptou escribir o prólogo dun libro meu de relatos e acompañoume na presentación pública do mesmo. Comparto plenamente a afirmación de Darío X. Cabana: "Xulio é unha boísima persoa, un home cariñoso e tenro que suscita en nós un desexo irrefreable de sérmolo tamén".

Teño certa proximidade persoal con este autor pois na miña biografía hai alguns paralelismos coa súa vida: os dous procedemos do rural, estudamos en Santiago, vivimos no mesmo barrio na cidade da Coruña, sentimos paixón pola literatura e unha grande afección polo fútbol (el foi moitos anos tertuliano deportivo en Radio Coruña). Aquí acaban as semellanzas: Xulio é un poeta enorme, de proxección planetaria, que está xa na historia da literatura galega como figura principal. É, ademais, un home sinxelo, que nunca esqueceu as súas orixes e non renunciou ás conviccións importantes da vida.

Entre os seus libros sinto predilección por Casa última. Desta obra escribiu Dario X. Cabana: "Non é realmente un libro senón un mundo perdido, un río de innumerables sensacións que cunha saudade turbadora nos pon o corazón en carne viva". Nestes poemas recorda a casa onde naceu e aprendeu a vivir. Recorda olores, sons e ausencias. Fala dun mundo antigo que o axudou a ser o home que agora é: unha boa persoa e un poeta extraordinario..

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.