Dez anos de Gaspar, o arroaz que navegaba as nosas rías entre "tolerías, anécdotas e encontros"

A historia de Gaspar é a historia do golfiño que costeaba Galicia de punta a punta e non quería deixar de navegar entre os barcos. A historia dun animal salvaxe que, procurando contacto humano, se topou cunha chea de amigos pero tamén cunha "lenda negra" que lle quixeron construír. Alfredo López, da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, conta para GC a historia de Gaspar. Porque "se hai un intruso no mar, somos nós".

Por Alicia Casas | Santiago de Compostela | 05/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Probablemente marchou de Francia por medo e de Galicia por indiferenza. Arroaz solitario, embaixador de Ribeira, con cicatriz na boca. Puxéronlle Gaspar porque chegou á costa galega pouco antes do Día de Reis, en decembro de 2007. E chegou costeando e costeaba cada día: se pola mañá aparecía na Ría de Vigo, pola tarde aparecía en Fisterra. Se quería norte, chegaba ata Avilés. Se quería sur, ata Aveiro. Se a de Gaspar é a historia do arroaz que navegaba entre os barcos e os muros dos portos, tamén é a historia dunha "serie de bobadas impresionantes que o único que facían era dano a un animal”.

O arroaz Gaspar nun porto
O arroaz Gaspar nun porto | Fonte: CEMMA

É a historia dun arroaz que tiña informe propio repousando na mesa do ministro de Defensa de Francia. Máis de 500 páxinas. Porque Gaspar foi primeiro Jean Floc'h, o arroaz que navegaba pola Bretaña francesa e do que "andiveron detrás a tiros e bombazos". Un caso soado: "fixéronlle de todo e el tamén fixo moitas máis cousas das que fixo aquí". Diso é do que nos fala Alfredo López, da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), de cando chamou a Policía Local de Cangas "porque había un arroaz alí no porto".

"Arroaces hai moitos", di. Pero de aí a uns días apareceu en Ribeira e non quería deixar de navegar entre os barcos. Non quería saír para fóra. Pensaron que estaba ferido, pero non era tal. Daba comezo a historia: "Mantivemos contacto co grupo que estaba facendo seguimento en Francia e xa nos deron un dossier e unha serie de advertencias".

"A Xunta tivo unha actitude absolutamente cobarde sobre o asunto"

Advertiron: caerían tolos de toda Europa buscando ao animal, horas e horas “escoitando pacientemente tonterías”. Ao día seguinte chamadas de Alemaña, de Francia, de distintos sitios. Querían saber onde se atopaba. Pero “nós non queríamos desvelar onde estaba en cada momento para evitar que houbera aglomeracións ou historias raras”. Porque a xente de Francia, sinala Alfredo López, contou “todo tipo de barbaridades que se che poidan ocorrer, ritos que facían alí diante del, cousas rarísimas”.

Gaspar en Ribeira con Alfredo López
Gaspar en Ribeira con Alfredo López | Fonte: CEMMA

Así que entregaron o informe ás autoridades para que difundiran información pública e que a xente non se metera na auga con el, porque un arroaz “mide tres metros e pesa 200 quilos e pode facer dano”. Pero a Xunta desentendeuse, tivo “unha actitude absolutamente cobarde sobre o asunto”. Porque tendo que informar á cidadanía do que había que facer, non fixo nada. Porque sendo Gaspar un animal salvaxe, non era el a quen había que sacar do mar. E é que os seus movementos non se podían frear, movíase moito e moi rápido. E non tiña respostas agresivas pero tiña respostas, interactuaba. Procuraba contacto, xogaba, acompañaba barcos. 

GOLFIÑO EMBAIXADOR

Alfredo López relata chamadas. De como había un home querendo desatracar a súa embarcación e non podía porque aí estaba Gaspar, durmindo ao carón do barco. De como un día o arroaz leaba un cabo con outro. De como outro collía a un piragüista despistado e tiráballe da pala e volcaba. Cousas que facía, cousas das que se queixaban, mais simplemente cousas. E comezaron os problemas, as crispacións; as multas. Situacións que na súa meirande parte eran "produto de irresponsabilidades". 

"Gaspar ás veces interrompía as cousas, porque se puñan a xogar con el e logo cando se puñan a traballar no mar el dicía 'pero é que eu non terminei de xogar'"

Porque cando Gaspar rompía os raños todos do porto de Ribeira, os pescadores queixábanse e había que explicar que eses aparellos non podían estar saíndo por fóra da embarcación. Porque cando a Garda Civil multou a uns mergulladores no porto de Ribadeo por "esa reiterada manía de meterse co animal", xa foran advertidos varias veces. E sobre o mediático caso do señor ao que rompera un brazo no Porto da Coruña, Alfredo López recorda que non debía estar na auga porque hai unha lexislación que o prohíbe. 

E lembra, tamén, cando chamaron os mergulladores da navalla porque Gaspar non lles deixaba traballar: "Gaspar miraba como collían as navallas e tamén as collía". Mesmo problema tiñan as granxas mariñas de Sada, que chamaban preguntando que podían facer porque non daban feito nada. "Gaspar ás veces interrompía as cousas, porque se puñan a xogar con el e logo cando se puñan a traballar no mar el dicía 'pero é que eu non terminei de xogar'", sinala.

"Así todos os días", di. E explica que non había capacidade para dar resposta sempre, polo que houbo algunhas persoas que tiveron acceso aos medios de comunicación "dicindo bobadas": "Saíu un dicindo que era un golfiño entrenado por militares, que xa falara co capitán xeral das Forzas Armadas dos Estados Unidos… En fin, unha serie de bobadas impresionantes que o único que facían era dano ao animal". Porque a xente chegou a terlle medo e, cando o golfiño estaba na Ría de Vigo, había xente que non se bañaba na praia de Samil porque había un "golfiño militar". 

"MIRA, APARECEU GASPAR"

Pero o paso do tempo fixo que a presenza de Gaspar comezase a ser "normal" e esa normalidade evitou que a xente lle fixese caso. Esa normalidade traduciuse en indiferenza. Así que "Gaspar empezou a ser un pouquiño menos achegado á xente" e xa no 2010 foi visto por última vez. "Estaba nas Illas Lobeiras, alá en Corcubión, e a partir de aí xa non tivemos máis noticias del", sinala Alfredo López. Non tiveron noticias, pero cada semana alguén dicía "mira, apareceu Gaspar". Porque "todos os golfiños que aparecían varados eran Gaspar", xa que na cabeza da xente estaba a idea de que podían facerlle dano. 

"Gaspar era un arroaz solitario que rexeitaba o contacto co resto dos arroaces, por iso se metía nos portos e navegaba entre os barcos, para evitar que o localizasen e lle pegaran"

Así que Gaspar non apareceu morto. "Se morrese eu penso que aparecería, porque a probablilidade de que aparecese é alta, dun 80% ou así", explica. Non apareceu en Corcubión, nin en Portugal, nin en Biscaia, nin en Francia. En ningún sitio volveu aparecer un arroaz solitario nese tempo e con esas características. "O lóxico é que a partir desa indiferenza el se fose afastando desa relación humana, dese labor de embaixador, entón era máis proclive a aceptar a calquera arroaz que lle fixese caso", conclúe.

De feito, se Gaspar durmía nos portos era para evitar o contacto co resto de golfiños: "Era un arroaz solitario que rexeitaba o contacto co resto dos arroaces, por iso se metía nos portos e navegaba entre os barcos, para evitar que o localizasen e lle pegaran". Porque Gaspar, Jean Floc'h, intentaba integrarse nas mandas e rexeitábano. Alfredo López explica que se trata dunha circunstancia social: "Os machos, a partir dos tres anos, son expulsados da manda e fan grupos de adolescentes, pero algúns lévanse mal porque non queren marchar con outros adolescentes e abandonar a nai, e iso fai que a manda o expulse continuamente e o terminen odiando os arroaces todos".

UN ANIMAL SALVAXE

En definitiva, aínda que os rumores alimenten un final tráxico o máis probable é que Gaspar marchase cun grupo de iguais. De Francia por medo e de Galicia por indiferenza, costeando chegou e costeando marcharía. E son xa dez anos dende que o arroaz pasou o seu primeiro verán aquí. Dende a CEMMA lembráno "co seu inconfundible xesto e as súas tolerías", pois "enchía as rías de anécdotas e encontros, a maioría inesquecibles". 

Hai unha idea que Alfredo López repite: "Nestes casos o que se ten que facer é respectar aos animais, porque se hai un intruso no mar somos nós, diso temos que ser conscientes". Que pode ser difícil de xestionar pero non ten sentido dicir "moléstame este animal, que mo saquen de aquí", porque "un arroaz é un animal salvaxe e está aí porque lle dá a gana e achégase porque quere".

A esa última idea súmase, ao tempo, outra: "Se volvese aparecer, poderiamos recoñecelo pola boca". Porque por moitos cambios que puidese ter, esa marca vaille durar sempre. Unha marca que xa tiña no ano 2004, cando apareceu en Francia. "É algo raro, coma se tivese mordido un cabo e o danara...", di. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta