Traballadores da CRTVG e da CRTVE marcharán xuntos para pedir "dignidade" nos medios públicos

O Comité Intercentros da CRTVG e o Comité provincial de CRTVE na Coruña realizarán unha "marcha da dignidade" o vindeiro 8 de setembro para denunciar a situación tanto de precariedade laboral, manipulación informativa e o non cumprimento das leis aprobadas polo Parlamento galego sobre medios públicos e a lenta renovación de cadros directivos no caso da CRTVE en Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2018 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

Os e as traballadoras de CRTVG e CRTVE en Galicia, anunciaron de forma conxunta unha marcha “Pola dignidade dos medios públicospara o 8 de setembro, que partirá das sedes de de ambas corporacións en San Marcos ás 10:30 da mañá e rematará ás 12:30 na praza de Praterías en Santiago de Compostela, onde se lerá un comunicado conxunto que esporá a situación actual das dúas empresas.

Rolda de prensa comités CRTVG-CRTVE
Rolda de prensa comités CRTVG-CRTVE | Fonte: CUT

Manuel Ramos, presidente do Comité de Empresa de CRTVE na Coruña anunciou que “esta convocatoria faise en función das protestas e denuncias que sufriron os dous comités, ademais é a primeira vez desde a creación das dúas corporacións que nos xuntamos para facer unha marcha coma esta”. A continuación, Raimundo Méndez, presidente do comité intercentros da CRTVG explicou os motivos da marcha conxunta “porque é unha demanda dos dous comités e dos traballadores e traballadoras das dúas corporacións e por ser unha demanda da sociedade galega que pide uns medios públicos independentes e plurais, en definitiva unha democratización dos medios públicos”.

Sobre este punto, Méndez recordou que a Lei de Medios Públicos de Galicia, que sinala a independencia e pluralidade dos medios públicos galegos, “esa lei leva sete anos sen desenvolverse”. O presidente do Comité Intercentros CRTVG marcou especialmente “que as dúas corporacións viven nunha asfixia económica cunha baixada constante nos seus orzamentos”. No caso concreto dos medios autonómicos, Méndez sinala “no ano 2008 o orzamento da CRTVG eran 142 millóns de euros, no ano 2018 son 107 millóns, unha diferenza de 35 millóns de euros”. Tamén se denunciou a perda de poder adquisitivo salarial  “despois de que se nos rebaixara o 5% dos nosos salarios, non volvemos recuperalo e a día de hoxe cobramos menos que hai sete anos” sinalou Méndez.

“Queremos que cumpran as dúas leis, a xeral do Audiovisual e a dos medios públicos de Galicia baixo os principios de obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade e garantair a liberdade de expresión ” insistiu Méndez, lembrando despois “que os medios públicos son un servizo público, non son de ningún partido político”. Neste punto incidiu que nos últimos nove anos CRTVG estaría ao servizo do partido do goberno galego, neste caso o PP.

Sobre a presión que pode exercer o PP, Méndez enumerou “a manipulación, a fiscalización da información e con casos concretos como o da Mina de Touro, cando os organizadores demandaron nas redes sociais, cando a praza estaba ateigada da xente, e eses planos non saíron ou caso Gürtel que despacharon en 72 segundos, os incendios do ano pasado, outras Tvs fixeron especiais e nós entramos o domingo ás once da noite”.

Pola súa parte Manuel Ramos, do comité de empresa CRTVE Coruña dixo “nós apoiamos aos compañeiros e compañeiras da CRTVG ademais de que, aínda que temos unha nova dirección, seguimos insistimos en querer unha televisión plural e veraz” pero que aínda que cambiaran todas as direccións na TVE “iso non quere dicir que iso se cumpra, estaremos pendentes”.  Andrea de Francisco, da CUT sinalou “a precarización dos medios públicos galegos e a conversión de homes e mulleres orquestra dos compañeiros e compañeiras co mobile journalism, por tanto demandamos que sexan medios de calidade e con medios de calidade para formar e informar”. Suso Rivas, da CGT en CRTVE sinalou que “o que queren facer é dinamitar os medios públicos de comunicación, tal como queren coa sanidade e outros sectores”.

DENUNCIAS DIANTE DO PARLAMENTO EUROPEO

A eurodeputada por Esquerda Unida Europea-Esquerda Verde Nórdica, Lidia Senra, presentou unha denuncia por vulneración do principio ide obxectividade, pluralidade e imparcialidade da CRTVG. Fíxoo despois dunha reunión con representantes do Comité Intercentros da Corporación galega. A petición de Senra vai encamiñada a que se investigue esta vulneración e garantir o pluralismo nos medios públicos galegos. Unha segunda pregunta de Senra menciona o observatorio do pluralismo nos medios, dependente da Comisión Europea (CE), que analice a situación dos informativos na radio e televisión públicas galegas.  E xa por último, Lidia Senra pide o desenvolvemento da Lei de Medios Públicos de 2011, na que se está previsto a creación de consello de redacción e un estatuto profesional dos traballadores da CRTVG. Logo de sete anos sen desenvolver esta lei, isto vulnera a Directiva 2010/13/UE.

Por outra banda, a tamén eurodeputada Ana Miranda, dirixiu unha pregunta denunciando os “graves problemas de manipulación” dentro da CRTVG. Miranda denuncia tamén que tanto o goberno da Xunta de Galicia como o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, conculcan a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea. Esta Carta fai referencia á liberdade de opinión e de recibir ou comunicar informacións sen interferencias de autoridades públicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Para encabezar a manifa poden contactar con Gayoso / Roberto Vidal a ver se así logran sair nos medios públicos alomenos 5' antes de fundir a negro ... Estamos con vós e a xente debera saber que non hai democracia sen transparencia informativa !!! Estamos tan afeitos aos medios pagados que a xente nin siquera se decata do tema e o que é peor, non lle dan importancia algunha ! En Vigo temos un bo exemplo con LocaliaVigo e o Faro de Vigo !!! Así que ollo ao piollo, a tentación de manipular está desgraciadamente en tódolos partidos políticos (esqueda e dereita) A LIBERDADE DE EXPRESIÓN debera ser algo fundamental para TODAS !!!