A elite do xadrez cítase en Compostela

A Universidade de Santiago organiza o I Torneo Maxistral Cidade de Compostela.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/09/2018 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela acolle un evento único no que algúns dos mellores xadrecistas galegos terán a oportunidade de enfrontarse a destacadas figuras mundiais co obxectivo de acadar os títulos de Mestre e Gran Mestre Internacional. Será no I Torneo Maxistral Cidade de Compostela, que se celebra dende este mércores e ata o 13 de setembro.

O reitor da Universidade de Santiago xoga unha partida de xadrez co presidente da Federación Española
O reitor da Universidade de Santiago xoga unha partida de xadrez co presidente da Federación Española | Fonte: USC.

O evento ten vocación de converterse nunha cita de referencia no xadrez galego, que permita aos xogadores máis fortes do noso país medirse con figuras da elite mundial e así poder acadar as distincións de Mestre Internacional e Gran Mestre, o título de máis alto rango concedido pola Federación Internacional de Xadrez.

A competición celebrarase na Sala de Usos Múltples do Colexio de Fonseca (antigo comedor), con entrada habilitada para os espectadores dende os xardíns de Fonseca o día 5 a partir das 14.00 horas, do 6 ao 12 a partir das 16.30, e o día 13 a partir das 9.30 horas. Tamén retransmitirase en liña a través da páxina https://chess24.com/es cos comentarios en directo do Grande Mestre galego David Lariño.

O torneo está deseñado en formato pechado, no que dez xogadores loitarán entre eles en sistema liga, é dicir, todos contra todos. En relación aos xogadores galegos, os Mestres Internacionais Roi Reinaldo, Julio Suárez e o compostelán Diego Suárez competirán por acadar norma de Grande Mestre, para o que precisarán facer 6,5 puntos nas 9 partidas do torneo. Pola súa banda, os Mestre FIDE composteláns Luís Medarde e Fernando Sánchez farán o propio pola norma Mestre Internacional, o que lograrán sempre e cando cheguen aos 4,5 puntos.

Entre os xogadores convidados pola organización destacan catro Gran Mestres: o arxentino Sandro Mareco, situado entre os 100 mellores xogadores do mundo; o Gran Mestre Illmars Starotsis, campión absoluto de Letonia en 2002 e membro da selección olímpica letona; o rumano Marius Manolache e o arxentino Fernando Peralta, actual campión absoluto arxentino en 2018. A nómina de xogadores complétase co novo e talentoso xogador asturiano Carlos Suárez, que loitará tamén pola norma de Gran Mestre Internacional.

O Maxistral Cidade de Compostela que organiza a Universidade de Santiago conta co apoio do Concello de Compostela, de Galicia Calidade, da Caixa Rural e da Federación Galega de Xadrez. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta