Pechada a admisión a 92 carreiras universitarias en Galicia, mentres 77 aínda permanecen abertas

A admisión a 92 graos universitarios --o 54 por cento-- quedou pechada para o curso 2018/19, tras a publicación este martes da quinta lista de admitidos pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG). No entanto, outras 77 carreiras aínda contan con prazas vacantes.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2018 | Actualizada ás 17:00 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A admisión a 92 graos universitarios --o 54 por cento-- quedou pechada para o curso 2018/19, tras a publicación este martes da quinta lista de admitidos pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG). No entanto, outras 77 carreiras aínda contan con prazas vacantes.

De igual modo, os estudantes que fosen admitidos nesta convocatoria, poderán matricularse desde este mércores, día 5, até o venres, día 7. Aqueles que aínda non conten cunha praza para o próximo curso poderán ser convocados en futuras listas que serán publicadas o 10 de setembro, o 4 de outubro e o 11.

Segundo o informe da CiUG, recollido por Europa Press, as carreiras que pecharon coas notas de corte máis altas correspóndense cos dobres graos. Figuran ente estas ofertas formativas a simultaneidade de estudos en Matemáticas e Física, que pechou cunha nota de 13,330, e en Enxeñaría Informática e Matemáticas, cun 13,184.

Seguen a estas o dobre grao en Comunicación Audiovisual e Xornalismo, cuxo último alumno admitido obtivo un 12,785 na Avaliación de Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU), e en Física e Química, cun 12,292. Todas elas na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Entre as carreiras convencionais, figuran tamén pechadas Medicina, Biotecnoloxía, Odontoloxía, Veterinaria, Xornalismo e Dereito --nas tres universidades galegas--, así como as enxeñarías Biomédica, Mecánica, de Tecnoloxías de Telecomunicación, de Electrónica Industrial e Automática, de Organización Industrial e de Tecnoloxías Industriais, todas elas na Universidade de Vigo (UVigo).

No entanto, aínda quedan prazas para os graos en Turismo, Química, Enxeñaría da Enerxía e Fisioterapia na UVigo, entre outros. Na USC permanecen abertas Ciencia Política, Pedagoxía e Xeografía e Ordenación do Territorio, mentres que na Universidade da Coruña (UDC) aínda non pecharon Arquitectura, Economía nin Socioloxía, entre outras.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta