O BNG quere que se convoque un referendo para decidir o futuro dos portos

Pontón acusa a Feijóo de "xogar ao oportunismo" co porto coruñés e de "mover só o cu" cano se fan públicas "as súas vergoñas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2018 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "xogar ao oportunismo" coa demanda para que se condone a débeda ao porto coruñés, e pedíu que se permita realizar un referendo popular sobre o futuro dos peiraos.

Rueda de prensa en A Coruña este viernes 7 de septiembre
Rueda de prensa en A Coruña este viernes 7 de septiembre | Fonte: Europa Press

Nunha comparecencia xunto ao candidato do BNG á Alcaldía da Coruña nas próximas eleccións municipais, Francisco Jorquera, e a concelleira nacionalista Avia Veira, Pontón reprochou a Feijóo "mover só o cu" cando se fan públicas "as súas vergoñas", sinalou sobre o cambio do PP ao pedir agora a condonación da débeda.

Fronte aos "bandazos" de PP e PSOE, defendeu a "coherencia" do BNG, partido que presentou unha iniciativa sobre este asunto e que se debaterá a próxima semana no Parlamento galego. Dela, lembrou que a súa demanda pasa porque o Estado financie "o 100%" do custo da dársena exterior "e que sexan devoltos" os peiraos que quedan desafectados polo traslado de actividade a Punta Langosteira.

Por outra banda, volveu denunciar "a discriminación" do porto da Coruña en relación a outras cidades. Así, cifrou en 700 millóns a cantidade recibida polo de Xixón; en 1.000 millóns o de Valencia, o de 1.300 millóns o de Barcelona ou 2.000 millóns o de Bilbao. "Ante este 'regueiro' de discriminación, Feijóo non moveu un dedo", insistiu.

CONSULTA POPULAR

Mentres, tanto Francisco Jorquera como Avia Veira reclamaron ao goberno local da Coruña que convoque a consulta popular sobre o futuro dos peiraos interiores, solicitada pola Comisión Aberta en Defensa do Común.

Jorquera instou ao goberno local "a deixar de improvisar" e exercer "o liderado" ante o Estado para reclamar a devolución dos peiraos de maneira gratuíta e a condonación da débeda do porto. Tamén criticou as "declaracións ambigüas" do alcalde, ao que pediu que emprace a Xunta e Estado a "negociar".

"Que o concello mova ficha para realizar a consulta popular prometida", expuxo, á súa vez, Avia Veira, quen avanzou que no pleno do luns o BNG presentará a moción proposta pola Comisión Aberta en Defensa do Común.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta