Losada, sobre a declaración de Paramos en Tui como zona de emerxencia: "O Goberno escoita e resolve"

O delegado do Goberno en Galicia defende que o real decreto "recolle todas e cada unha das demandas" do Concello e dos afectados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2018 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, defendeu que o real decreto que declara a parroquia de Paramos, en Tui (Pontevedra), como zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil polo accidente pirotécnico do 23 de maio "recolle todas e cada unha das demandas" do Concello e dos afectados e mostra que "este Goberno escoita e resolve".

Javier Losada, delegado do Goberno. DELEGACIÓN DEL GOBIERNO
Javier Losada, delegado do Goberno. DELEGACIÓN DEL GOBIERNO | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa celebrada este sábado, ao día seguinte do acordo adoptado no Consello de Ministros, Losada subliñou o "compromiso" do Executivo socialista cos afectados da explosión pirotécnica, que tivo lugar o 23 de maio, e que deixou dous falecidos e 37 feridos, ademais de case unha vintena de casas destruídas.

"Este acordo é fiel reflexo do que vimos dicindo desde o Goberno de España e desde esta Delegación: palabras e feitos, compromisos cumpridos. Este acordo é a proba de que cumprimos os nosos compromisos", remarcou o delegado do Goberno, sobre un decreto que contempla exencións fiscais e axudas complementarias de 15.000 euros para as vivendas afectadas.

Javier Losada quixo ademais pór en valor as xestións que se realizaron desde a Delegación que encabeza, que "desde o primeiro día" trasladou o seu "compromiso", reflectido nunha "reunión de traballo" e na axilización do expediente.

O decreto aprobado no Consello de Ministros recolle, nas súas palabras, "punto por punto" as demandas expostas en xullo nesta reunión de traballo, coa declaración, en primeiro lugar, da zona como afectada gravemente por unha catástrofe e coa inclusión de diferentes axudas económicas para as familias afectadas.

Ademais, o acordo contempla a posibilidade de facer efectivos "todos os beneficios fiscais posibles", como a exención do IBI, a redución do IAE, a exención de taxas por baixa de vehículos, e que as axudas que reciban as familias quedan exentas do IRPF, unha das principais cuestións reclamadas polos afectados.

A maiores do que recolle o real decreto, Losada sinalou que se inclúen axudas extraordinarias para o desentulle. "Todo iso se recolle neste acordo. Un acordo de máximos", cualificou Javier Losada, sobre un decreto no que se implicaron nove Ministerios —Interior, Facenda, Fomento, Traballo, Industria, Agricultura, Transición Ecolóxica, Política Territorial e Economía— dando mostras "ás claras da envergadura do acordo e do compromiso total do Goberno", realizado con "un traballo sereno, silencioso, pero á vez intenso e constante".

De forma concreta, o decreto contempla axudas por destrución total da vivenda habitual até un máximo de 15.120 euros. Por danos que afecten á estrutura da vivenda habitual, referidos ás dependencias destinadas á vida familiar, concederanse até 10.320 euros. Por danos á marxe da estrutura da vivenda habitual os afectados poderán recibir até 5.160, e por danos en aveños domésticos da vivenda habitual, até 2.580. Os danos en elementos comúns de uso xeral dunha Comunidade de Propietarios estarán valorados até un máximo de 8.000 euros.

Javier Losada recoñeceu o traballo realizado tamén pola Subdelegación do Goberno e transmitiu unha mensaxe de apoio e solidariedade ás familias afectadas. "Agora imos seguir traballando ombreiro con ombreiro", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta