Os traballadores dos medios públicos galegos esixen o "fin da manipulación informativa" nunha manifestación histórica

Os profesionais da CRTVG e RTVE uníronse nunha manifestación histórica en Santiago de Compostela pola dignidade dos medios públicos. Lúis Villares (En Marea), Gonzalo Caballero (PSdeG) e Ana Pontón (BNG) sumaron o seu apoio a esta loita.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2018 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

Máis de 200 traballadores dos medios públicos galegos mobilizáronse este sábado polas rúas de Santiago para pedir o "fin da manipulación" na información. Ao acto acudiron os líderes dos tres partidos da oposición no Parlamento.

Manifestación CRTVG
Manifestación CRTVG | Fonte: Europa Press

Nesta histórica manifestación, que arrincou desde San Marcos —onde se atopan as sedes de CRTVG e CRTVE— até o seu final na Praza de Praterías, os profesionais reclamaron "erradicar a manipulación", recuperar programas de produción propia e "contidos de servizo público", crear o consello de informativos e do estatuto profesional da CRTVG e garantir a información de proximidade.

Con esta protesta —convocada polo Comité Intercentros de CRTVG e comité de empresa de CRTVE— tamén se piden medidas que eviten a "precarización" do emprego e que busquen un "traballo de calidade" nos profesionais á marxe dos partidos políticos. Por iso, a pancarta que portaron desde o inicio da marcha demanda: "Pola dignidade dos medios públicos".

Así mesmo, acompañados dun cartel co lema "Sen medo a loitar", os traballadores corearon e berraron consignas como "aquí está, aquí se ve o xornalismo galego en pé" e "non, non, non á manipulación".

Consultada a Corporación de Radio Televisión de Galicia por Europa Press, fontes da entidade indicaron que "non se pronuncian sobre as protestas".

Manifestación en Santiago pola dignidade dos medios públicos
Manifestación en Santiago pola dignidade dos medios públicos | Fonte: Moncho Mariño.

EN MAREA PIDE UN "MEDIO LIBRE QUE CONTE O QUE PASA"

O portavoz de En Marea, Luís Villares, advertiu, tamén en apoio aos traballadores mobilizados, que os medios de comunicación deben ser "libres" para que exista "unha sociedade democrática" e "poder contar a verdade, toda a verdade e só a verdade do que está a pasar no noso país".

En declaracións á prensa, indicou que "esta manifestación demostra que os profesionais queren liberdade e independencia para poder contar o que pasa", e que "o conxunto da sociedade galega está farta da manipulación informativa".

"Esta é unha mensaxe moi clara a Núñez Feijóo: non estamos dispostos a aturar nin un minuto máis a manipulación e a mentira, sabemos o que pasa porque vivimos unha realidade, aínda que despois non se nos queira contar", aseverou Villares, e destacou que "estamos aquí para dicir que queremos uns medios de comunicación libres que poidan contar o que está a pasar".

O PSDEG ACUSA A FEIJÓO DE "POLÍTICA DE PURGAS"

Durante o acto, coa mobilización xa na Praza de Praterías de Santiago, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que sumou o seu apoio aos traballadores dos medios públicos galegos, criticou que "o Partido Popular está a seguir unha política de purga do persoal de TVG" e "Feijóo é responsable".

"O Partido Popular non pode falar de liberdade nin de independencia dos medios con Feijóo como referente", reivindicou Caballero, que asegurou que "Casado ten que tomar nota do que está a facer o PP en Galicia", xa que "a dereita impide a independencia dos medios públicos e a liberdade de expresión" nos mesmos.

Deste xeito, criticou que "a dereita busca escusas falsas para facer purgas por razóns ideolóxicas". Así, esixiu "liberdade de expresión dos medios públicos" e sumou "todo o apoio a aqueles traballadores da TVG que están a sufrir en primeira persoa estes ataques".

BNG DEMANDA A "DIMISIÓN" DO DIRECTOR DA CRTVG

Na mesma liña, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, prestou o seu apoio aos traballadores dos medios públicos que "defenden poder facer o seu traballo, denunciando a manipulación brutal que se está producindo, sobre todo na Compañía de Radio Televisión de Galicia" (CRTVG), porque "están, literalmente, sendo secuestrada polo Partido Popular".

Neste sentido, denunciou que "o xefe desa banda de secuestradores é o señor Feijóo, responsable de toda a manipulación". "O BNG cre que hoxe os medios públicos deben tomar nota, o director da CRTVG debe presentar a súa dimisión e, se non o fai nesta semana, pedirémola no Parlamento de Galicia", advertiu Pontón.

"É necesario algo máis, necesitamos que os nomeamentos da dirección deixen de facerse a dedo, por iso queremos un concurso público onde o resultado da dirección sexa mérito e capacidade", aseverou. "É fundamental que os cidadáns deste país poidan recuperar os seus dereitos, fronte aos secuestros do Partido Popular".

Manifestación en Santiago pola dignidade dos medios públicos
Manifestación en Santiago pola dignidade dos medios públicos | Fonte: Moncho Mariño.
Manifestación en Santiago pola dignidade dos medios públicos
Manifestación en Santiago pola dignidade dos medios públicos | Fonte: Moncho Mariño.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Villares: "queremos uns medios de comunicación libres que poidan contar o que está a pasar" Villares debera aplicarse o conto e dar exemplo ¿como pode ser que haxa membros de En Marea que bloqueen as contas de twitter da cidadanía que participa no debate político? Gonzalo Caballero ben podía falar co seu tío e convecelo para que nos explique de onde saen os cartos que pagan o seu show televisivo semanal "Vigo de cerca" e se pode ser que nos explique como tódalas las chamadas que entran en directo no programa son para felicitar a Abel Caballero pola súa magnífica xestión ? Por todo o demáis a ver cando temos un xornalismo profesional e INDEPENDENTE neste país de ananos...?