A Xunta reclamará 200.000 euros en gastos sanitarios polo accidente do Marisquiño

Rueda di que a Xunta "non soubo" prever que Vigo "autorizaba" eventos "alegremente". A investigación do Marisquiño no Parlamento sae adiante cos votos a favor de En Marea e BNG e a oposición do PSdeG. Abel Caballero advertiulle ao PP que Vigo pode reclamar investigar as súas amistades co narco Marcial Dorado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2018 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Goberno galego solicitará ser incorporada como parte na causa que leva o Xulgado de Instrución número 3 de Vigo sobre o accidente ocorrido na celebración do festival do Marisquiño, o pasado 12 de agosto, no que resultaron feridas 467 persoas.

Feridos no accidente do Marisquiño
Feridos no accidente do Marisquiño | Fonte: Miguel Núñez

Na súa comparecencia a petición propia no Parlamento de Galicia, Rueda explicou o dispositivo que se activou aquela noite, antes de abordar como tal da celebración do festival de acordo coa Lei de espectáculos públicos de Galicia (que entrou en vigor hai uns meses). Así, describiu o despregamento sanitario do 061 e indicou que o custo alcanza os 200.000 euros, para os que a Xunta comparecerá no xulgado co fin de reclamar unha indemnización por esta contía a quen corresponda.

O vicepresidente da Xunta, que destacou a "actuación impecable" dos efectivos sanitarios (alcanzaron o milleiro en total), tamén indicou que concedeu os reforzos solicitados polo xulgado para investigar esta causa. Así mesmo, avanzou que tamén responderá de forma positiva se se reclaman outros apoios durante a instrución da causa. O tamén máximo responsable das Emerxencias galegas, que manifestou a súa solidariedade coas vítimas do accidente e os seus familiares, lembrou o despregamento que se activou após a chamada dun particular á Central de Emerxencias 112 a "as 23,55 horas do 12 de agosto dicindo que se caeu unha varanda do club náutico e había xente na auga".

Nese momento, activáronse as comunicacións e "en menos de dous minutos" avisouse á Garda Civil, Autoridade Portuaria, Policía Nacional, 061 e outros equipos de emerxencias, dos cales algúns deles xa estaban informados, engadiu. Neste punto, Alfonso Rueda recriminou ao Concello de Vigo que "non activou o plan de emerxencia municipal", algo que ligou, máis tarde, con que tampouco se solicitaron medios da Axencia Galega de Emerxencias (Axega). "En Vigo non se fai (isto)", reprochou, para despois admitir que "agora saben que en Vigo non se autorizan os espectáculos" que se van a celebrar, o que motivou a pequena liorta política cos socialistas.

Sobre a cuestión sanitaria, informou o despregamento, que incluíu cinco UVIS móbiles, 24 ambulancias de apoio, dous equipos dos puntos de atención continuada e tres ambulancias da Cruz Vermella, entre outros. Instalouse un posto de triaxe no punto e atendéronse aos feridos máis graves (97 no punto), mentres que outros foron directamente aos centros sanitarios.

A COMPARECENCIA ANTICIPA A POLÉMICA

O deputado do PSdeG que actuou de portavoz, o vigués Abel Losada, acusou "os señores do PP de facer campaña electoral co Marisquiño", ante as eleccións locais de maio de 2019, e esgrimiu os votos que obtivo Abel Caballero para preguntarse se "hai 300.000 cidadáns imbéciles" na cidade. "E votan, volverán votar, e verémolo", advertiu, antes de sentenciar: "Están a facer campaña política de maneira indigna cun lamentable accidente".

A Losada respondeulle o deputado popular Alberto Pazos Couñago, quen chamou "matón" a Caballero comparándoo con Trump por "ameazar" aos demais partidos se se investiga o Marisquiño, tal e como os socialistas vigueses expoñen ao propor comisións de investigación no Concello de Vigo sobre a xestión de Feijóo con respecto á cidade e a relación do presidente da Xunta con Marcial Dorado. O cualificativo, que foi retirado por Miguel Santalices na Presidencia da Cámara, acaboulle valendo unha chamada á orde ao deputado popular, posto que se negou a rectificar el mesmo do diario de sesións o que dixera.

Entre ambos os parlamentarios e tamén co vicepresidente da Xunta houbo un intercambio de reproches sobre a documentación da que dispón cada un. Mentres Abel Losada defende que se entregaron todos os documentos, incluído o do seguro --á que, engadiu, a Xunta pode reclamar a indemnización sanitaria--, os populares negan que teñan todos os documentos, tampouco o seguro de responsabilidade civil.

SUPERVISIÓN DA XUNTA

Durante o debate, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, puxo o acento en que a Lei de Espectáculos de Galicia, sobre a cal Alfonso Rueda fixo recaer a responsabilidade da autorización do festival ao Concello de Vigo, tamén inclúe un artigo (o 24) no que se dota á Xunta da capacidade de actuar ante os espectáculos. "A pregunta é se fixo algo a Xunta de Galicia? Consta nalgún expediente se fixo algunha actuación?", expuxo Villares.

"Quen ía supor... a saber o que está a dicir!", replicoulle Rueda, quen agregou que Vigo é a cidade máis grande de Galicia e a que ten "máis medios" para controlar este tipo de eventos e que, por tanto, entendeuse que podía inspeccionar o lugar --como di a lei-- onde se celebrou o festival. Os informes do Concello de Vigo e as explicacións dadas por Losada aluden a que a administración local fixo inspeccións da zona da carreira ciclista e dos escenarios e postos móbiles, pero a Xunta alega que só foron "oculares" e que tiña que facer outro tipo de inspección, incluído o espazo onde se celebrou.

Rueda admitiu que "vendo o que pasou, si había que substituír o que non fixo o Concello de Vigo", en virtude desa normativa autonómica. "Que pena que non se nos iluminou algunha luz para saber que en Vigo non se autorizan os espectáculos, pero todo iso sabémolo agora!", manifestou o vicepresidente da Xunta, quen noutro momento acusou á administración local de "autorizar alegremente" os eventos. "Que pena non sabelo antes, agora non estariamos aquí e non habería 467 feridos", aseverou Rueda. Losada defendeu, en contraposición, que "non se pode autorizar" o que "non se pide".

No debate, o deputado do BNG Luís Bará pediu maior "coordinación" e "colaboración" entre as administracións. E ante as afirmacións de Rueda e populares de que "os socios" do PSOE na Deputación de Pontevedra agora queren investigar, o parlamentario nacionalista defendeu que ese goberno provincial "funciona moi ben", pero iso non lle "ata as mans" para tomar as súas "propias decisións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Un lío fenomenal, para que algúns se poñan as botas cobrando as asistencias á Comisión de Investigación e pouco máis... Como todos sabemos só o xulgado determinará as responsabilidades de cada administración, e condenará aos organizadores do Marisquiño e supoñemos que tamén serán as Compañías Aseguradoras as que poñan os cartos que determine o xuíz... Claro que iso ocorrerá cando pasen os DEZ ANOS de recursos que determinen os CONTRINCANTES !!! Lembremos que aínda non cobramos un peso polos daños do Prestige !!! Seica a aseguradora vive en London (Brexit) !!! Por outras cousas ninguén quere preguntar! https://i.gal/VigoDeCerca