Unha Diada dun millón de persoas insiste na República catalá

Galicia Confidencial estivo no día nacional de Cataluña. A diagonal de Barcelona encheuse e os presos políticos foron protagonistas. "Dixéronse moitas cousas sobre nós, que éramos uns terroristas, que éramos violentos, pero como podes ver tan só intentamos reivindicar pacificamente aquelo no que creemos", apuntan participantes entre os que tamén houbo presencia galega.

Por Martín Vaz | Barcelona | 11/09/2018 | Actualizada ás 23:46

Comparte esta noticia

Chegou o 11 de setembro e os cataláns conmemoraron unha vez máis os eventos de 1714 onde a cidade de Barcelona sufriu a Guerra da Sucesión ante o exército dos Borbóns. Unha xornada na que tradicionalmente se reivindica o catalanismo e onde tamén o independentismo pondera a súa forza como movemento. Especialmente, nesta Diada.

Participantes na Diada cunha bandeira
Participantes na Diada cunha bandeira | Fonte: Martín Vaz

Moitas cousas cambiaron dende a última. Un 1 de outubro, un artigo 155 e demáis números marcaron un dos anos máis turbulentos na política nacional dende a Transición. 365 días despois, algúns dos líderes políticos que encabezaran as reivindicacións do indepentismo catalán están na cadea, e outros agardando un xuízo en diferentes países de Europa.

A xornada comezou co Parlament abrindo as súas portas ao público, recibido polo seu presidente Roger Torrent e personalidades políticas de todos os signos. Pola outra banda, o novo presidente da Generalitat, Quim Torra, inaugurou o día na ofrenda floral a Rafael Casanova, onde tamén acodeu, por separado, a alcaldesa Ada Colau.

Onde xa non asistiu a alcaldesa de Barcelona foi á macro-manifestación da tarde, programada un ano máis, pola ANC e Òmnium Cultural,  que xuntou arredor dun millón de persoas, segundo a Guardia Urbana, ao longo dos máis de 6 quilómetros da Avenida Diagonal de Barcelona.

Ás 17:00 da tarde, mentres centos de autocares (1500) fletados pola ANC dende diferentes puntos de Cataluña, ocupaban as rúas paralelas á Diagonal, milleiros de persoas cargadas de bandeiras, camisetas oficiais e cartelería, marchaban pola famosa avenida barcelonesa atando lazos amarelos e entoando reclamos de liberdade cuns anticipados protagonistas: os presos políticos.

Os participantes na Diada de Cataluña piden a liberdade dos presos políticos
Os participantes na Diada de Cataluña piden a liberdade dos presos políticos | Fonte: Martín Vaz

SEGUE A ILUSIÓN

'Se hai lazos amarelos é porque algúns políticos intentaron cumprir as súas promesas' comentan Vice, Núria e Rosa, que viñeron dende Girona para a Diada e que ao preguntarlles cómo se sinten con respecto do ano pasado, din que seguen igual de ilusionadas.

Ás 17:14 da tarde tivo lugar o evento estrela da Diada. Todas as persoas dos 37 tramos nos que se repartiu a manifestación da Diagonal gardaron silencio durante uns minutos antes de comezar unha 'onda de son'. Un berro progresivo, ao estilo das ondas nos partidos de fútbol, que tiña como obxectivo derrubar 3 muros que simbolizaban aos inimigos do independentismo.

Acto seguido comezaron os discursos das voces en diferido do procés. O avogado de Clara Ponsatí, Aamer Anwar, encendeu aos manifestantes coa frase 'Franco estaría orgulloso', e renomeando a festividade catalana como a 'Diada da República'.

'Este día, que era un día festivo, converteuse nun cabreo polo acontecido nos últimos tempos' comenta Gemma, que acodeu coa súa familia á Diada. 'Nos vimos da aldea onde está o cárcere de Lledoners, onde están presos os Jordis, Junqueras, Romeva, Rull, Turull e Forn; o meu fillo vai tocar a trompeta ca súa banda os domingos diante do cárcere' prosegue Gemma. 'Dixéronse moitas cousas sobre nós, que éramos uns terroristas, que éramos violentos, pero como podes ver tan só intentamos reivindicar pacificamente aquelo no que creemos' coinciden Jordi, Albert e Karina, acompañando a Gemma.

E TAMÉN GALEGOS

Tamén hai algúns galegos que participaron nesta Diada. Miguel Méndez, que leva xa varias edicións ás costas, di que hai máis xente este ano. 'É moi bonito ver ás familias cos nenos compartindo un día así. Teño envexa da fraternidade que se respira no ambiente', cóntame Miguel.

Yago Grela, chegou hai apenas uns días a Barcelona dende Vigo, e foi á manifestación por curiosidade. 'A verdade é que é sorprendente a cantidade de xente que se xunta por un mesmo motivo, estou impresionado por cómo son capaces de organizarse'. Cando lle pregunto se imaxina algo similar en Galicia respóndeme: 'Non sei se sería posible, creo que nese sentido nós temos máis dificultades para organizarnos, inda que fora por unha causa diferente'.

Cara ás oito da tarde xa se vai dispersando á xente, moitos deles volven cara aos seus autocares de volta á casa. Un grupo de señores maiores non ten sequera forzas para seguir respondendo.: 'A nós por hoxe xa nos chegou'.

Cataluña viviu unha reivindicación histórica na que os lazos amarelos foron os protagonistas
Cataluña viviu unha reivindicación histórica na que os lazos amarelos foron os protagonistas | Fonte: Martín Vaz
Manifestantes durante a Diada na que se corearon lemas a favor da independencia e da República
Manifestantes durante a Diada na que se corearon lemas a favor da independencia e da República | Fonte: Martín Vaz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

4 anonimo

Boeno, fai xa moito que Galicia deixou de ser proveedora de man de obra abondosa. Eso era antes. Ese papel hoxe os fan outros. Non sei por qué moita xente so fala do pasado. Hoxe ( por desgracia) é un país de xubilados, e ca poboación recuando.

1 Gamela

Precisamente se falamos do pasado é para comprender mellor o presente! No momento en que Cataluña recoñeza a súa Débeda Histórica estará en condicións de reclamar a súa INDEPENDENCIA ! Pero levarse as vantaxes e deixar que os demáis paguemos as débedas non fala moi ben do Procès deste Alta Burguesía acubillada en Montserrat !!! En canto a ser un país de xubilados (suponse que todos seremos algún día xubilados!) estamos a tempo de darlle SOLUCIÓN https://i.gal/gamela13

3 Edelmiro

É incríbel. Había ata xente normal. Da que se rasura, van ao trabalho, tenhen filhos, hipoteca, etc. Os de aquí son veganos, marxistas leninistas... e un sinfín de cousas que fan que os que só somos galeguistas parezamos ovelhas descarriadas. Pasámolas canutas por falaren en galego o 100% das veces e por riba aínda temos que aturar a estes...non é por nada. Aprecioos. Pero hai que ter mao esquerda para aturalos ás veces.

2 Leike

Pois claro que non defendemos axeitadamente o noso patrimonio:hoxe é un xacemento arqueolóxico convertido en vertedoiro ou aparcamento, mañá un cruceiro que molesta ao palco da orquesta, pasado... Iso non desbota responsabilidades dos explotadores (sexan cataláns, bascos, españois, alemáns... ou galegos). Ben o expresou Castelao:" En Galiza non se esixe, emígrase". Fronte a catalás e bascos que defenden ben o seu, o pobo galego é un pobo servil.

1 Gamela

Euskal Herria defendeu o seu patrimonio durante anos coa loita armada de ETA (seica algúns pagaban encantados!) mentras Catalunya facía os seus negocios á sombra da ditadura e levando o capital a bo recaudo en Andorra... O misales dos Pujol seguen sen aparecer !!! Pero as decisións importantes se tomaban en Montserrat para encher os petos da burguesía catalana con Oratorio Privado na basílica (e agora explotados e explotadores sentan xuntos na nova respública catalana?) Poden VENCER pero nunca Convencer !!! Pero négome a afirmar que o pobo galego sexa un "pobo servil" !!! Iso déixollo á UPG de Paco Rodríguez http://www.galiciaconfidencial.com/...

1 Gamela

Por que será que detrás deste millón de cataláns sempre vexo dous millóns de galegas e galegos traballando coma escravos na salazón, na conserva e nos astaleiros para engordar ao capital catalán durante máis de dous séculos ? Por que será que sempre vexo aos herdeiros da Nova República Catalana cargados cunha DÉBEDA ENORME con Galicia ?

1 Leike

Igual detrás dos podemitas deberías ver a Villa y Corte de Madrid, que sempre impediu o desenvolvemento do noso país para aproveitarse del. Coa colaboración sumisa e caladiña de caciques e criadiños galegos, naturalmente. A maior parte dos cataláns están orgullosos da sñúa lingua e do seu país e deféndeno; así sobrevive malia todos os ataques, policía e inquisidores.

2 Gamela

Pode ser, pode ser que todo sexa froito do autoodio e a autoexplotación dos propios galegos... Pero négome a considerar ao meu pobo dun xeito tan limitado !!! Durante a ditadura franquista Cataluña medrou exponencialmente ao amparo dos monopolios ofertados polo réxime e a industria catalana sempre soubo aproveitarse dos privilexios (aínda ca man de obra fose foránea!) // Hoxendía ninguén quere pedirlle explicacións á igresa catalana, mesmo cando envían os seus secuaces para transferir propiedades do bispado de Tui-Vigo ao arcebispado de Barcelona !!! https://flic.kr/p/RboG8y (tamén é iso unha cuestión dos galegos que non somos quen de defender o noso patrimonio?)

3 GrazasBeiras

Xa volo digo eu: para un galego, Castela e Aragó , a mesma cousa son! En troques de "cousa" debería ir algo máis escatolóxico e por Aragó, lede Cat. A cousa é coma sempre foi: o mediterráneo vs meseta vs atlçantico. Non hai máis. Non hai amigos nin inimigos para sempre: só os nosos intereses.