A Volta Ciclista pola Ciencia parte de Galicia para reivindicar o valor da investigación científica para a sociedade

Os participantes, pertencentes a institucións científicas e clubs de ciclismo, partiron de Vigo para realizar cinco etapas que os levarán por Santiago de Compostela, Oviedo, León, Salamanca e Móstoles. En cada parada farán charlas divulgativas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/09/2018 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

Vigo acolleu este luns o inicio da Volta Ciclista pola Ciencia, unha iniciativa que ten o obxectivo de transmitir á sociedade o traballo que realizan as e os investigadores, así como introducir o pensamento científico na sociedade. 

A Vuelta Ciclista por la Ciencia pon rumbo a Madrid na procura do recoñecemento do labor investigador
A Vuelta Ciclista por la Ciencia pon rumbo a Madrid na procura do recoñecemento do labor investigador | Fonte: UVigo.

“Afortunadamente, estanos a desbordar a resposta e estase a apuntar xente a última hora. Pecamos de inxenuos e está a ter máis repercusión da que pensamos e iso é bo porque nos vale para mover a idea que queremos transmitir”. Así valoraba o docente, investigador e responsable do grupo Divulgare da Universidade de Vigo, Luis Navarro, a resposta que está a ter esta iniciativa entre a comunidade investigadora e os clubs ciclistas das cidades polas que, desde hoxe e ata o vindeiro venres, discorrerá esta iniciativa,

A marcha ciclista iniciouse ás nove e media da mañá deste luns desde a rúa Oporto de Vigo, cun grupo de investigadores do eido da ecoloxía, enfundados nos seus maillots de Divulgare: o propio Navarro e José María Sánchez, da Universidade de Vigo; Adrián Escudero, da Universidad Rey Juan Carlos; Fernando Valladares, do Museo Nacional de Ciencias Naturales, CSIC, e Pablo Vargas, do Real Jardín Botánico de Madrid, CSIC), xunto con tres corredores de equipos ciclistas da cidade.

Os ciclistas tomaban a saída, rumbo a Santiago de Compostela, na primeira das cinco etapas que conforman esta volta ciclista que chegará á localidade madrileña de Móstoles o vindeiro venres. Entre medias, os investigadores, acompañados por outras e outros compañeiros de profesión, cubrirán outras tres etapas duns 120 quilómetros cada unha, que unirán Santiago, Oviedo, León e Salamanca, onde, nas súas respectivas universidades, ofrecerán charlas sobre temas de actualidade en bioloxía, como o cambio climático, a nova clasificación dos seres vivos, interaccións biolóxicas, divulgación da ciencia, biodiversidade  e especies invasoras, o Antropoceno, microbios ou o solo.

“Son temas de actualidade, como o cambio climático; as especies invasoras que é un tema moi importante e moi urxente; algo máis docente como a clasificación dos seres vivos que cambiou bastante. Todo o mundo pensa cousas que xa non se deben de aceptar nas escolas e todo iso queremos que chegue á sociedade e imos provocar ao alumnado para que se anime a investigar que é un xeito moi bonito de ocupar a cabeza”, asegura Pablo Vargas, investigador en Sistemática molecular de plantas vasculares do Real Jardín Botánico (CSIC), en declaracións recollidas polo DUVI (xornal da Universidade de Vigo).

DIVULGACIÓN CIENTÍFICA

Os promotores da iniciativa reclaman tamén con esta Volta Ciclista pola Ciencia un recoñecemento para o labor de divulgación que realizan, que segundo Vargas, “non está valorado. Eu son divulgador desde hai moitos anos, case desde que empecei, por que un nace así e gústalle explicar que fai, pero ademais hai algo obrigatorio que é a débeda coa sociedade que nos está a pagar os nosos soldos”, explica o investigador do CSIC.

“Todos compartimos a afección polo ciclismo, uns imos máis preparados ca outros nesta aventura na que pretendemos unir, nun sentido metafórico, as universidades co deporte, porque hai un vinculo forte entre o deporte e o traballo que facemos”, explica Luis Navarro, que lembra que esta iniciativa xurdiu hai anos no seo de Divulgare, para fomentar a utilización do pensamento científico, “tanto nas discusión de bar, como na xestión”.

Durante os días que dure a volta, o grupo Divulgare realizará un seguimento audiovisual do evento a través das redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta