A saúde como negocio

O sistema sanitario é un elemento clave do estado do benestar.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 15/05/2011

Comparte esta noticia

En España, ademais, os servizos sanitarios son moi eficientes: a porcentaxe do PIB dedicada á saúde é das máis baixas da contorna mentras que os indicadores sanitarios son dos mellores do mundo. Sitúase tamén como un sector importante da economía, xerador de emprego e de tecnoloxía. Pero hai unha estratexia global, impulsada por potentes grupos empresariais, que tenta desviar cara ó sector privado aquelas parcelas da sanidade que teñen capacidade de producir ganancias. Hai unha intensa presión para abrir a porta e que a banca e as construtoras poidan facer negocio co diñeiro público.
Os gobernantes teñen a obriga de protexer o sistema público. Pero en Madrid e Valencia, onde goberna o PP desde hai anos, hai unha crecente tendencia á introdución dos intereses privados na sanidade. Os espazos de negocio estanse a xerar, de maneira principal, na construción dos novos hospitais a través dun sistema de concesión (PFI: Iniciativas de Financiamento Privado). A empresa concesionaria constrúe o hospital que despois xestiona durante 20 anos, e a administración deberá pagar un canon polo alugueiro das instalacións e polos servizos de mantemento.

Trátase dun negocio seguro: unha vez construído o hospital, a compañía privada ten garantido un fluxo de ingresos procedentes do sector público durante dúas décadas. Este sistema comezou a utilizarse no Reino Unido, en tempos de John Major. A economista Sally Ruane asegura que a PFI resulta máis cara que os modelos convencionais e, ademais, distorsiona as prioridades de planificación xa que subordina as necesidades sanitarias aos intereses do capital privado. Afirma rotunda: "Este modelo está deixando nas arcas públicas inglesas deudas millonarias. Está calculado que a construcción de cada hospital pola vía PFI custa tres veces máis que polo modelo tradicional. Os hospitais saen máis caros, as condicións de traballo empeoraron terriblemente, reducíronse os postos de traballo, hai menos servizos para a poboación...Coa privatización, baixa a calidade asistencial”.

Hai uns días estivo na Coruña o pediatra madrileño Marciano Sánchez Bayle, un home admirable que leva anos traballando pola sanidade pública. Os novos hospitais de Madrid están xestionados polo sistema de PFI. As súas conclusións tamén son contundentes: os centros sanitarios construídos deste xeito son máis caros, reducen camas e servizos e empeoran a calidade do emprego. Neste negocio só gañan as empresas adxudicatarias; o sector público, os traballadores e os usuarios saen perdedores. Entende Marciano que "a xestión pública da sanidade garante que a atención sexa un dereito, pois a presenza do mercado e dos intereses privados fomenta que pase a considerarse mercancía". Pero hai quen busca precisamente iso: poñer o negocio por diante do dereito á saúde das persoas.

A experiencia indica que este sistema produce incremento do gasto e deterioro da calidade asistencial. Pero, ademáis, a administración pública fica como refén das empresas adxudicatarias. Se non consiguen o beneficio agardado as arcas públicas serán de novo saqueadas. Así acontece agora en Madrid. As empresas que xestionan os sete novos hospitais, que Esperanza Aguirre inaugurou na lexislatura, reclámanlle 80 millóns de euros máis a o incremento do canon anual en outros 9,2 millóns. Advirten que, do contrario, producirase un “colapso” non funcionamento dos hospitais. A chantaxe é clara. Pretenden, outravolta, desviar diñeiro público para garantir o beneficio privado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.