Policías cualifican de "impasible" a actitude do presunto parricida de Oza-Cesuras cando localizaron o seu fillo morto

Din que o cadáver apareceu "tirado" nunha zona boscosa e con evidencias de ser "arrastrado".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 26/09/2018 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

Policías que declararon no xuízo contra o veciño da Coruña Marcos Mirás, acusado do asasinato do seu fillo de 11 anos en Oza-Cesuras cualificaron de "impasible" a actitude que mantivo o día da súa detención, o 8 de maio de 2017, e cando lles acompañou ao lugar onde se atopou o cadáver do neno. "Era un cadáver tirado, arrastrado, non había agarimo", sinalou un dos axentes en relación a como se atopaba o corpo do menor, localizado nunha zona boscosa deste municipio coruñés, durante a súa declaración na vista que se celebra, con xurado, na Audiencia Provincial da Coruña.

Marcos Mirás, acusado do asasinato do seu fillo de 11 anos en Oza-Cesuras
Marcos Mirás, acusado do asasinato do seu fillo de 11 anos en Oza-Cesuras | Fonte: TVG.

Todos os axentes presentes ese día confirmaron que atoparon o corpo grazas a que o presunto parricida lles deu as indicacións. "Era unha zona á que non teriamos chegado en moito tempo", dixeron, a "un ou dous metros" dunha pista forestal, nun "monte de eucaliptos".

Ademais, coincidiron en que o acusado lles foi dando as indicacións para chegar en coche ata que, chegado un punto, un lugar onde se atoparon restos de sangue, segundo precisou un deles, deixou de achegarlles máis datos.

Nese momento, e unha vez que emprenderon o camiño a pé, explicaron que viron como miraba cara a un lugar e, seguindo esta mirada, localizaron o menor "semidesnudo" e apoiado contra unha árbore. Ademais, localizaron unha pa —coa que presuntamente lle propinou os golpes mortais— e unha zona na que se tentou escavar. "Pero o terreo era duro, era imposible", explicaron.

SEN "INMUTARSE"

"Nós sobresaltámonos ao atopar o cadáver, pero el non, tiña a mesma actitude impasible", dixo o primeiro axente que prestou declaración e que estivo co acusado o día da súa detención e no traslado a Oza-Cesuras.

"Nin se inmutou cando atopamos o cadáver", dixo outro dos policías. Preguntado pola defensa —que sostén que o seu cliente sofre problemas mentais como esquizofrenia e trastorno bipolar— sobre se lle pareceu unha reacción normal, dixo que non.

"Non se inmutaba para nada", expuxo. "Era como que non estaba, estaba impasible", sinalou, á súa vez, outra das policías, visiblemente emocionada ao explicar, a preguntas do Ministerio Público, o estado en que atoparon o cadáver.

"O acusado tiña unha actitude seria e fría", expuxo, á súa vez, un dos policías que participou no rexistro da habitación onde o acusado foi detido o 8 de maio de 2017, un día despois de, presuntamente, matar o seu fillo.

CONSUMO DE MEDICAMENTOS

Este axente dixo que na habitación, xunto a latas dun refresco e restos de tabaco, atoparon medicación, en concreto tranxilium. "Había dous blisters, un completamente baleiro e outro baleiro menos unha pastilla", relatou.

Na vista oral, axentes da Policía Científica confirmaron a presenza de restos de "manchas avermelladas" en tres portas do coche do acusado, en alusión á existencia de "salpicaduras de sangue".

Sobre os golpes recibidos polo menor, un dos policías explicou que presentaba "un golpe de dez centímetros na fronte e outro golpe considerable, de catro a cinco centímetros, encima dun ollo, no lateral esquerdo". A iso, sumaron "feridas abrasivas de arrastre" do corpo.

PENAS

Nas súas peticións iniciais, Fiscalía, letrada da Xunta, acusación particular e popular —exercida pola Asociación Clara Campoamor— reclaman a prisión permanente revisable.

A defensa alega que o home non lembra o sucedido e pide a absolución ou eximente completa con internamento nun centro psiquiátrico. De estimarse a eximente incompleta, solicita unha rebaixa das penas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta