Pilar de Lara desmantela unha rede acusada de branquear 10 millóns de euros do narcotráfico

A operación afecta a 24 persoas e 14 sociedades, homes de palla en Macao, Bahamas e Luxemburgo e empregados bancarios de Andorra, Suíza e Portugal

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2018 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

A Axencia Tributaria desmantelou unha rede acusada de blanquear 10 millóns de euros procedentes do narcotráfico e con sede en Galicia e Asturias, no marco da denominada operación 'Zebra'. As actuacións afectan a 24 persoas, incluíndo aos responsables e os asesores da organización, e a 14 sociedades.

Imaxe da droga incautada no operativo contra o narcotráfico. POLICÍA NACIONAL
Imaxe da droga incautada no operativo contra o narcotráfico. POLICÍA NACIONAL

En concreto, tal e como apuntou a organización estatal nun comunicado remitido este venres aos medios, despois de catro anos de investigacións, lográronse trabar máis de 40 inmobles, decenas de contas bancarias por un importe global de máis de 6 millóns de euros, varios vehículos de alta gama, xoias e diñeiro en efectivo.

Así mesmo, tal e como informaron fontes da Axencia Tributaria a Europa Press, os supostos delitos de contrabando de tabaco, delito fiscal e branqueo de capitais que, no marco da operación, levaron a comparecer ante o Xulgado de Instrución número 1 de Lugo ao ex alcalde de Ribadumia, Nené Barral, e á súa filla, "son tramas diferentes dunhas mesmas actuacións".

En concreto, esta rede desmantelada, dende Galicia e Asturias, chegou a construír un armazón de sociedades 'offshore' e de baixa tributación, e homes de palla con conexións en Bahamas, Luxemburgo e Macao, e coa colaboración de empregados de entidades bancarias de Andorra, Suíza e Portugal.

O armazón utilizaba diversos métodos de lavado de diñeiro procedente do narcotráfico, como a adquisición de máis de 370.000 euros en números de lotaría premiados. A operación foi dirixida pola titular do Xulgado de Instrución 1 de Lugo, Pilar de Lara, e contou coa colaboración das fiscalías de Xenebra, Lisboa e Andorra.

OPERACIÓN 'ZEBRA'

A operación 'Zebra' arrinca en xuño de 2014, cando os investigadores da Axencia Tributaria teñen coñecemento da existencia dunha organización adicada ao tráfico de drogas dirixida por unha parella --J.C.P., con antecedentes por narcotráfico, e N.I.R.--, con domicilio entre a localidade asturiana de Oviedo e a lucense de Quiroga.

En abril de 2015 procédese á detención destas dúas persoas pola súa presunta implicación en tráfico de drogas, branqueo de capitais, delitos contra a Facenda Pública e outros feitos delituosos conexos cos anteriores, así como á realización de oito rexistros en España e un en Suíza, en domicilios dos investigados e nas sedes sociais dos xestores que lles asesoraban.

O ARMAZÓN DE BRANQUEO

A partir deste momento, os investigadores de Vixilancia Aduaneira de Galicia da Axencia Tributaria, tal e como apuntou o propio organismo, comezan a desentrañar o armazón que urdira esta rede para blanquear o diñeiro que obtiñan das súas actividades de narcotráfico.

O principal investigado, J.C.P., ocultaba o seu importante patrimonio coa colaboración de varios dos seus familiares e mediante a creación dun armazón con sociedades radicadas en España, Bahamas e Luxemburgo, e unha serie de contas bancarias en territorios 'offshore' como Macao e as propias Bahamas.

Para a creación desta estrutura, o líder da rede contara co asesoramento dun fiduciario suízo e unha xestoría da localidade lucense de Monforte de Lemos, ademais de coa colaboración de varios empregados de entidades bancarias de Andorra, Suíza e Portugal.

O diñeiro de procedencia ilícita colocábase nas contas no estranxeiro e, posteriormente a rede devolvíao a España utilizando diversas técnicas de branqueo para o seu investimento en bens. De igual forma, a organización utilizaba tamén para o lavado o sistema de compra de números de lotaría premiados, método de ocultación que lle permitiu blanquear 370.000 euros de procedencia igualmente ilícita.

BENS INTERVIDOS

Durante a investigación foron trabados máis de 40 bens inmobles situados en Oviedo, Marbella, Lugo e as localidades tamén lucenses de Quiroga e Monforte, bens que se achaban nuns casos baixo a titularidade dos investigados e, noutros, a nome de diversas sociedades ou familiares utilizados como homes de palla.

Así mesmo, no marco da operación 'Zebra' foron intervidos ao principal investigado seis vehículos de alta gama (un 'Porsche', dous 'Audi' e tres 'Mercedes'), valorados en máis de 350.000 euros, algúns dos cales foran dotados de espazos ocultos ou 'caletas', dispostos para ocultar tanto diñeiro como sustancias estupefacientes.

Nos rexistros efectuados foron descubertas igualmente xoias e diñeiro en efectivo --máis de 468.400 euros, 2.380 dólares e 1.150 francos suízos--.

Por parte da Autoridade xudicial, ordenouse de igual forma o bloqueo de decenas de contas bancarias por un saldo global de máis de seis millóns de euros.

INTERVENCIÓNS EN ESPAÑA

Concretamente, en España foron intervidas 26 contas bancarias, depósitos e valores, tanto dos investigados como a nome de terceiras persoas, homes de palla e sociedades interpostas, cun saldo conxunto de case 1,7 millóns de euros.

En Suíza, bloqueouse unha conta bancaria e obrigacións por importe superior aos 1,9 millóns; en Andorra trabáronse catro contas bancarias, valores e activos por un importe de máis de 1,1 millóns; aos que se suma tamén o bloqueo de contas noutros territorios onde operaba a rede --1,2 millóns de euros en Macao e 300.000 euros tanto en Portugal como en Bahamas--.

Estes bloqueos de contas en diversos países foron posibles grazas á tramitación de comisións rogatorias internacionais a Andorra, Suíza, Portugal, Bahamas e Macao. As medidas cautelares foron tramitadas con urxencia mediante directa comunicación coas unidades de intelixencia financeira destes países para evitar a desaparición dos fondos.

Nestes momentos a operación 'Zebra' continúa aberta e estase analizando a documentación recibida a partir das distintas comisións rogatorias libradas polo Xulgado de Instrución 1 de Lugo, baixo a dirección do seu titular, Pilar de Lara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta