Santiago participa no primeiro curso mundial de microbioloxía de acceso aberto en liña

A USC forma parte da rede de institucións académicas de todo o mundo que participan nesta iniciativa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/10/2018 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia

As universidades de Santiago (USC) e Oxford, o Instituto Pasteur de París, a Universidade de Stanford e o CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas) son algunhas das dezaoito institucións de todo o mundo que colaboran no primeiro curso mundial de microbioloxía de acceso aberto en liña a través de Twitter. Un total de 21 profesores e investigadores utilizarán esta rede social como ferramenta para ensinar e comunicar o coñecemento científico. 

Microbioloxía.
Microbioloxía.

Cunha frecuencia de tres clases por semana, cada lección abordará un tema diferente. Entre outros, o profesor da USC Jesús L. Romalde falará sobre patoxenicidade e virulencia bacteriana; Marta Cortesao, do Centro Aeroespacial Alemán-DLR sobre microbioloxía espacial; ou Jorge García-Lara, da Universidade de Central Lancashire (Reino Unido) sobre a ruta microbiana cara o cancro. Vacinas e antivacinas, resistencia aos antimicrobianos, microbiota intestinal, patóxenos ou guerra microbiolóxica son tamén algúns dos temas que se discutirán durante o curso.

METODOLOXÍA 

Usando unha linguaxe simple e concisa, o obxectivo é comunicar a ciencia a unha audiencia xeral fóra da contorna académica usando unha rede social como Twitter. As conferencias consistirán entre 30 e 40 declaracións axustadas ao tamaño de tuits con enlaces asociados, páxinas web relacionadas, blogs, noticias e especialmente imaxes e vídeos.

O curso levarase a cabo durante sete semanas (entre o 2 de outubro e o 15 de novembro) con clases programadas todos os martes, mércores e xoves a partir das 17:00 horas (UCT / GMT +2). Os chíos partirán da conta @SEMicrobiologia e programaranse para publicarse cunha frecuencia dun chío por minuto. Non é necesario un rexistro previo ao curso.

O alumnado pode seguir facilmente este curso aberto masivo en liña a través dos seus dispositivos móbiles ou ordenadores, xa sexa vivo en directo á hora programada ou máis tarde, sempre buscando o hashtag #EUROmicroMOOC. Este mesmo será o que deberán utilizar os estudantes para interactuar cos conferenciantes. Todas as clases serán en inglés e compilaransen e almacenarán en liña usando a ferramenta aberta Wakelet. 

Esta iniciativa está organizada e coordinada polo grupo de Ensino e Difusión de Microbioloxía da Sociedade Española de Microbioloxía (SEM) coa colaboración da Federación de Sociedades Europeas de Microbioloxía (FEMS). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta