Así foi o aniversario do 1-O: frustración e incertezas

Arredor de 180.000 persoas, segundo a Guardia Urbana, acoden á manifestación convocada pola ANC e Òmnium Cultural en Barcelona. O recordo da república frustrada, a violencia policial e os líderes políticos encarcerados marcan unha xornada na que conflúen manifestacións multitudinarias, actos nos colexios e as accións dos CDR en toda Cataluña. E algúns galegos estiveron alí para apoiar o "procés".

Por Martín Vaz | Barcelona | 01/10/2018 | Actualizada ás 23:00

Comparte esta noticia

Cúmprese un ano da celebración do referéndum de independencia e Cataluña preparábase xa para outra xornada de manifestacións, conmemoracións e outros actos agridulces que, se ben significaban o valor desta data para o independentismo, tamén desprendían un recordo amargo pola violencia policial do ano pasado e os políticos que hoxe están no cárcere.

Un galego acudiu a apoiar o proceso independentista en Catalunya no aniversario do 1-O
Un galego acudiu a apoiar o proceso independentista en Catalunya no aniversario do 1-O | Fonte: Martín Vaz

O ton da xornada marcárono os Comités de Defensa da República (CDR) ben cedo, ás sete e media da mañá, cortando carreteiras e autoestradas por todo o territorio catalán, deixando claro que este día non ía pasar desapercibido para ninguén.

"A REPÚBLICA HAI QUE GAÑALA"

Máis entrada a mañá, mentres aqueles que colaboraron na celebración do referéndum conmemoraban nos colexios as escenas vividas hai un ano, miles de estudantes protestaban na Praza de Cataluña de Barcelona a grito de 'in-inde-independencia'. Ao chegar á Praza Sant Jaume, sede da Generalitat e tamén do Concello de Barcelona, foron recibidos polo president Quim Torra, que recalcaba que 'a República hai que gañala'. O mesmo president, que intentou achegarse aos CDR dicindo que 'facían unha presión necesaria', foi respondido polos mesmos pedindo a súa dimisión ante a falta de acción do govern catalán.

Ás seis e media da tarde, comezan a repartirse as bandeiras independentistas e colle o relevo a manifestación convocada pola ANC e Òmnium Cultural, que levaría 180.000 persoas dende a Praza Cataluña ata o Parlament entre esteladas, pancartas cos retratos de Oriol Junqueras, os Jordis e outros líderes serigrafiados para sempre no nacionalismo catalán. A multitude de xente reunida nos arredores da praza dificultaba enormemente o tránsito, se cadra representando metafóricamente o estatismo actual da política catalana que criticaban os asistentes. 'A dignidade é o que mantén a chama viva', comenta Francesc e Mercé, dous barceloneses que din sentirse 'deprimidos pola situación que nos toca vivir'.

Pancartas cos presos políticos cataláns na manifestación do aniversario do 1 de outubro
Pancartas cos presos políticos cataláns na manifestación do aniversario do 1 de outubro | Fonte: Martín Vaz

"SENSACIÓNS ENFRONTADAS"

O ano pasado sabíase que o 1 de outubro sería unha data sinalada durante moito tempo no calendario catalán. Faltaba por decidir se esa data sería unha festa nacional ao estilo do 4 de xullo nos Estados Unidos ou pola contra deixaría un recordo turbulento no pobo catalán. Un ano despois, no aniversario do referéndum catalán, percibíanse 'sensacións enfrontadas', como di Magí, un dos asistentes á manifestación. 'Hai unha depresión colectiva pola violencia policial que vivimos o ano pasado, pero doutra banda creo que conseguimos moita empatía a nivel internacional. Viaxo moito por traballo, e cando lle digo á xente de fóra que son catalán sinto moita solidaridade pola súa parte', prosegue.

As dúbidas e as incertezas, como ven sucedendo dende hai un ano, tamén son protagonistas desta movilización. 'Non creo que cambie nada agora que está o PSOE no goberno, vexo moito inmobilismo polas dúas bandas', coinciden Mercé, Montse e Carmen, tres veteranas de Barcelona que baixaron hoxe ata a manifestación para 'homenaxear o acontecido o ano pasado'. Entre os estudantes que saíron a protestar durante a maña do luns, aínda quedan algúns coma Adrià, que di estar decepcionado que 'o PSOE achegou aos presos, pero iso non é o que nos queremos. Queremos que os liberen', afirma rotundamente.

Na protesta, tamén se deixaron ver algunhas bandeiras nacionalistas galegas, como a que portaba Gabriel Calvo, oriundo de Lugo e que chegou dende Girona ás 9 da mañá para participar da xornada. 'Creo que para atopar unha solución a este conflito tería que cambiar o Estado, o que temos agora non ofrece ningunha posibilidade' asegura. 'Aínda quedan anos ata que vexamos un cambio na situación catalana', conclúe mentres volve ondea-la bandeira.

Manifestación nas rúas de Barcelona durante o aniversario do referendo de independencia do 1 de outubro de 2017
Manifestación nas rúas de Barcelona durante o aniversario do referendo de independencia do 1 de outubro de 2017 | Fonte: Martín Vaz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta