O sindicato MAS di que a negociación do convenio único de Navantia se fai "sen luz nin taquígrafos"

Pensan que os sindicatos estatais, maioritarios na mesa, están a pechar pactos coa parte empresarial ás agachadas do resto.

Por E.P. | SANTIAGO | 04/10/2018 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

O sindicato Movemento Alternativo Sindical (MAIS), con representación nos estaleiros públicos de Navantia na ría de Ferrol, estimou que o convenio colectivo único que están negociando integrantes da dirección da compañía estatal e representantes sindicais está "moi verde", e onde ademais criticaron que "non temos acceso a esas mesas de negociación sen luz nin taquígrafos, onde seguramente o avance sexa moito maior". Así o aseguraron nun comunicado que se difundiu polo estaleiro de Ferrol.

Navantia en Ferrol
Navantia en Ferrol

Dende MAS lémbrase que na última reunión da negociación do Plan Industrial 2018-2020, celebrada o 19 de setembro, a parte patronal trasladoulles que o obxectivo era pechar este documento e o que sería o primeiro convenio colectivo único "antes de que finalice o ano 2018" e que mesmo algúns representantes das federacións sindicais incidiron en que as negociacións "estaban a piques de caramelo" ou "a falta dun empuxonciño", cando segundo o comunicado de MAS "de todos os artigos do convenio colectivo único apenas unha ducia están apalabrados e a maioría pendentes de acordos", o que lles valeu para preguntarse "onde ven estes representantes dos traballadores o empuxonciño que falta?".

NEGOCIACIÓN ENCUBERTA

Dende Movemento Alternativo Sindical inciden en que calquera negociación que se poida dar ás agachadas desta organización "terá que pasar pola mesa oficial" e que "aí é onde poremos branco sobre negro ao que nos traten de impor", alertando sobre "a composición da mesa", onde os sindicatos estatais, como son CC.OO. e UGT son maioría, onde MAS tamén lanza unha interpelación do tipo "atenderán novamente as ordes de equipo?", en alusión ao acontecido co IV Convenio colectivo de Navantia, incidindo en que "ten pinta que aqueles que defenderon o IV Convenio aprenderon a lección e tomaron cartas no asunto".

Dende MAS estiman que o novo convenio será "bastante similar ao IV", que foi derrogado por unha sentenza dunha sala do social do Tribunal Superior de Xustiza (TSX), "evitando aqueles puntos que provocaron o maior rexeitamento entre os traballadores", recollendo "un aumento nas táboas salariais e todos os asuntos máis delicados: Clasificación profesional, promocións e produtividade, derivados a negociación en comisións de traballo con data de finalización" e que "aqueles sindicatos que se neguen a asinar o convenio, non participarían nas devanditas comisións".

Tamén inciden dende esta organización que "estamos dispostos a participar, debater e construír, pero nunca a asumir o que veña imposto", xa que ao seu entender "os traballadores teñen a última palabra e nós estaremos con eles". Por último, MAS tamén rexeitou "os cambios na dirección ao compás dos cambios políticos" e que de novo sexa "unha persona allea á empresa a que dirixa o seu futuro", en alusión á chegada de Susana Sarriá como nova presidenta da empresa naval publica após o cambio de Mariano Rajoy por Pedro Sánchez como presidente do Goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta