A oposición atacará o proxecto "esgotado" de Feijóo no debate de política xeral

Os grupo da oposición consideran que estes dous anos de lexislatura só serviron para a proxeción do presidente da Xunta en Madrid. As propostas estarán marcadas pola última remodelación do Goberno da Xunta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2018 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A Cámara galega acollerá desde o martes o segundo debate de política xeral da X Lexislatura, unha cita que a oposición aproveitará para afear ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o seu proxecto "esgotado" e "sen impulso" para Galicia fronte a un Partido Popular que defenderá a "estabilidade" que a súa xestión achega á Comunidade.

Parlamento presentando iniciativa conxunta
Parlamento presentando iniciativa conxunta | Fonte: Europa Press

Este encontro político anual arrincará co discurso do máximo mandatario autonómico, que fará balance da súa xestión e debullará algunhas das prioridades para o futuro do seu recentemente remodelado Goberno, que conta cunha nova Consellería de Cultura e Turismo creada para impulsar este ámbito ante a celebración do próximo Xacobeo 2021. Ademais, o Executivo tamén conta con tres novas caras Fabiola García (á fronte de Política Social), José González (titular de Medio Rural) e Carmen Pomar (responsable de Educación, Universidades e Formación Profesional).

O voceiro de En Marea, Luís Villares, destacou que este será o primeiro Debate de Estado da Autonomía no que se poderá ver a un Feijóo "desenmascarado" logo do seu "fracasado intento de ocupar a cadeira de brazos de Mariano Rajoy". "Iso foi un verdadeiro fracaso para el, está fóra de toda dúbida; e entón, que se nos presenta? Un Feijóo que realmente non ten proxecto de país", manifestou Villares.

E é que, segundo considerou o voceiro rupturista, "estes dous anos de lexislatura simplemente serviron para a proxección política de Feijóo en Madrid" tendo en conta que "se comportou como un presidente manso" e "non se plantou" ante o Goberno de Rajoy para conseguir a transferencia da AP-9 ou un financiamento "xusto".

"Vas polo país e atópaste co desastre da súa xestión política, que son todos eses recortes, uns recortes que xa non son unha necesidade", expresou Villares, que avanzou que En Marea defenderá no debate "expandir o investimento público". "Pensamos que para asegurar dereitos hai que ter mellores orzamentos", sinalou.

Ademais, destacou que a súa formación buscará liderar unha "alternativa ao PP en Galicia". Con todo, considera que esta "alternativa ten que ser cooperativa" para o que buscará "acordos co PSOE e o BNG". "Parécenos que a xente ten dereito a ter esperanza e saber que se non é coa maioría do PP, os demais ímonos entender porque no fundamental, como a sanidade, estamos de acordo", apuntou.

"NINGÚN IMPULSO NOVO"

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considerou que a remodelación do Goberno da Xunta realizada por Núñez Feijóo a pasada semana é toda unha "declaración de intencións" para os próximos anos. Neste sentido, criticou que os cambios responden a "intereses puramente partidistas" e apostan pola "continuidade" sen introducir "ningún impulso novo". "O que fai Feijóo é incrementar o control directo sobre a Xunta... Está todo preparado para que sexa candidato en 2020", advertiu.

Fronte a este Executivo galego "sen impulso", Leiceaga avanzou que defenderán no debate que "Galicia necesita cambios de fondo", "un proxecto para darlle un futuro ao país, que invista a tendencia descendente da demografía, que favoreza a inclusión social, que reforce os servizos públicos". Ademais, tamén levarán ao debate propostas en materia económica tendo en conta que consideran que "o que pasa na economía galega nada ten que ver" co que fai a Xunta. "Ten que ver co que pasa en Inditex e no automóbil de Vigo", remarcou.

GOBERNO CON "SÍNDROME DO COCHE OFICIAL"

"Os galegos estamos ante un goberno coa 'síndrome do coche oficial': Pisa pouco a rúa e mira pouco aos ollos dos galegos", censurou a líder do BNG, Ana Pontón, quen tratará no seu discurso no debate de política xeral de demostrar que o Goberno está "esgotado" e "encastelado". "Un Goberno sen proxecto, sen iniciativa e un presidente aburrido de Galicia", sintetizou nunha valoración previa feita para Europa Press.

Os nacionalistas galegos levarán unha "aposta moi clara" por que o Goberno "confíe na potencialidade" de Galicia e implemente "un cambio de rumbo, tanto desde o punto de vista económico, como na defensa do idioma e da cultura". Ademais, o Bloque fará un repaso por todos os servizos públicos, nos que fará fincapé na sanidade, cada vez "máis escuálida" e que "están a provocar sufrimento".

Sobre os acordos do debate, Ana Pontón mostrouse "moi escéptica" e lamentou que os populares levan cun "debate pechado, sen capacidade de chegar a acordos que sirvan para cambiar a situación". "Sería positivo que tivese un mínimo de autocrítica para poder avanzar", sentenciou.

DEFENSA DA XESTIÓN DA XUNTA

Enfronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, avanzou que o PP "defenderá o que está a facer a Xunta". "Estamos a ter unha estabilidade política que permite crecementos económicos e incrementos do benestar no país", destacou en declaracións a Europa Press. Na súa intervención, o portavoz popular coincidiu en que a recente remodelación do seu Executivo anunciada por Feijóo "sinala cales son as prioridades para o futuro", no que o PP buscará dar "unha perspectiva ampla á súa acción política". "Queremos falar non de cuestións exclusivamente próximas ou problemas inmediatos, senón darlle proxección ás políticas para continuar co crecemento do benestar", explicou.

Así, nos próximos anos de lexislatura, os populares "darán máis peso" a unha política integral de medio ambiente e vivenda así como ás políticas culturais e de turismo con motivo da celebración do próximo Xacobeo 2021, cita que Pedro Puy ve como unha "oportunidade" que "non termina cando se celebre".

Ademais, avanzou que buscarán dar un impulso ás políticas sociais e á educación, coa formación profesional como "un elemento crave" de empleabilidad que o portavoz parlamentario do PPdeG considera que "hai que continuar reforzando". Pedro Puy tamén destacou que os populares van "con ánimo construtivo" a este debate no que espera alcanzar acordos cos grupos da oposición ao considerar positivos os "acordos de país". Con todo, considera que "moitas veces" as mensaxes da oposición non buscan "apoiar cuestións concretas da acción de goberno", senón que supoñen unha "emenda á totalidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta