Feijóo asegura que en Galicia hai unha oposición "centrada en destruír" e un Goberno "obsesionado con construír"

O presidente do PPdeG acode á presentación dos candidatos populares ás alcaldías da zona de Ortegal

Por E.P. | Ferrol | 13/10/2018 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

O presidente do Partido Popular de Galicia e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que na Comunidade hai "unha oposición centrada en destruír e un Goberno obsesionado con construír", afirmación que destacou este sábado como resumo tras o Debate sobre o Estado da Autonomía celebrado no Parlamento galego ao longo da semana.

Feijóo presenta aos candidatos ás alcaldías da zona de Ortegal. PP
Feijóo presenta aos candidatos ás alcaldías da zona de Ortegal. PP | Fonte: Europa Press

Neste contexto, Feijóo engadiu que a oposición está "dividida" e "enfrontada", mentres que "os de En Marea dun sitio critican aos de En Marea doutro lugar". Así mesmo, o líder do PPdeG cualificou a situación actual do BNG como de "empequenecido", mentres que do PSOE destacou que "está sen norte e sen rumbo".

Ditas manifestacións realizounas no Teatro da Beneficencia, en Ortigueira (A Coruña), lugar seleccionado para, durante o mediodía deste sábado, presentar aos candidatos do PP ás alcaldías da zona de Ortegal, concretamente de Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche e o municipio anfitrión, nun espazo que se encheu de afiliados e simpatizantes e contou coa presenza do presidente do PP na provincia da Coruña, Diego Calvo.

Fronte aos cualificativos dos partidos da oposición, o tamén presidente da Xunta destacou que o PP é un "partido maioritario, que sabe a responsabilidade que ten de gobernar e de sacar a Galicia da peor situación económica en tempos".

Así mesmo, Feijóo destacou que o seu goberno "mantén unha comunidade afable, optimista e na que se vote a quen se vote, os galegos teñen un gran compromiso coa terra".

"CATRO COMPROMISOS"

O presidente do PPdeG asegurou a todos os presentes que nas próximas eleccións municipais "non só está en xogo quen será o alcalde de cada municipio, senón tamén o rumbo que tomará a Comunidade nos próximos anos e mesmo o noso país, nunha nación na que ten que estar claro que todos somos españois", reclamando por iso aos seus candidatos "catro compromisos": "Traballo, humildade, equipo e ilusión".

Feijóo volveu apelar tamén á pluralidade do PP e así trasladou que "sería imposible gañar sempre se non fose porque son o partido que máis se parece a Galicia". Ademais, realizou un percorrido pola situación de cada un dos candidatos populares na zona de Ortegal.

"Cando miro para vós vexo futuros alcaldes de grandes concellos de Galicia", asegurou o presidente autonómico, quen tamén valorou que ao PP se lle esixe "moito máis que a calquera", xa que, continúa, teñen que "gañar por maioría para chegar ao goberno".

CANDIDATOS

Pola súa banda, o presidente do PP na provincia da Coruña, Diego Calvo, foi o encargado de dar a coñecer os nomes dos candidatos. En concreto, Ana López Fernández será cabeza de lista en Cariño; Luís Rubido Ramonde, en Cedeira; Alberto Rey Paz, en Cerdido; Alfonso Emilio Balseiro Gómez, en Mañón; María Méndez Vilela, en Moeche; e Valentín Calvín Fondevila, en Ortigueira.

Calvo tamén destacou a importancia de "conseguir maiorías suficientes" e emprazou aos candidatos a "saír a gañar pola maioría": "A nós non nos valen vitorias polas mínima, necesitamos golear e estou convencido de que o conseguiremos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta