Santalices fía o futuro de Feijóo ao Xacobeo 2021

Considera que o alcalde de Vilanova "está a tempo" de desculparse por chamar "chacha" á presidenta da Deputación de Pontevedra

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2018 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, cre que ao actual titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "non lle queda outra" que revalidar o seu mandato por unha cuarta lexislatura porque que esta, continúa, inclúe o Xacobeo, que "non é un asunto co que se poida xogar".

Miguel Santalices. EP/PARLAMENTO DE GALICIA - Archivo / Europa Press
Miguel Santalices. EP/PARLAMENTO DE GALICIA - Archivo / Europa Press

Nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser, o xefe do Pazo do Hórreo declarou que é "bo" que o presidente galego volva presentarse aos comicios autonómicos previstos para 2020 porque "sempre puxo a Galicia por diante de todo". "Se Galicia o vai necesitar, sempre vai dar o paso. E Galicia vaino a necesitar porque por diante temos o Xacobeo, que ten que estar ben organizado", manifestou.

Preguntado sobre o Debate polo Estado da Autonomía, celebrado esta semana no Lexislativo galego, Santalices valorouno como "dentro da normalidade" e con propostas "interesantes" por parte de "todos" os grupos con representación --PP, En Marea, PSdeG e BNG--.

Facendo balance dalgúns dos momentos máis tensos vividos no seo do debate parlamentario, Santalices admitiu que o que máis lle molestou foron as alusións ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, como abusador sexual por parte do portavoz de En Marea, Luís Villares. "Non se pode facer unha afirmación dese calibre en sede parlamentaria cando ademais esa afirmación non é certa (...) porque xa nin xuízo houbo. Houbo un arquivo polo fiscal e pola xuíza", censurou.

INMUNIDADE DOS DEPUTADOS

Neste sentido, o presidente do Parlamento galego abriu o debate sobre a inmunidade dos deputados no hemiciclo, ao que propuxo que a restrición deste dereito "sería desexable" porque así o quere tamén "a cidadanía", á que, tal e como afirmou, "non lle gusta que un deputado, amparándose na súa inmunidade parlamentaria, poida dicir cousas que non se axusten á realidade".

Así, Santalices propón unha confrontación política "aberta" e "sempre dentro duns parámetros preestablecidos", sen "insultos, alusións a algo que moleste nin vulneracións á dignidade".

DECLARACIÓNS DO ALCALDE DE VILANOVA

En relación con expresións malsonantes, o dirixente do Pazo do Hórreo condenou tamén as "desafortunadas" declaracións feitas esta semana polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán (PP), nas que chamou á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSOE), "chacha para todo" do "ancián" e "ditador" alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Tras a censura tamén do presidente da Xunta e dos populares galegos, Santalices empraza ao rexedor local a "pedir desculpas" porque "non hai nada máis digno no ser humano cando se equivoca". No entanto, o presidente do Parlamento galego cre que outras persoas, como o alcalde da cidade olívica, "debería pedilas tamén" por "determinadas expresións que utiliza con frecuencia".

En canto ao debate sobre a eliminación dos aforamentos dos deputados --a Cámara galega aprobou iniciativas neste sentido por unanimidade--, Santalices opina que isto está subordinado a que, "se a nivel estatal se acorda a súa supresión, non habería problema".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Logo haberá que cambiar o discurso: "Carmela Silva é a chica dos recados do Caudillo local Abel Caballero!" Ao mellor así a cousa queda máis clara e axústase á VERDADE! Aínda que sobre o tema dos aforamentos semella que no Concello de Vigo xa resolveron o problema: a cuñada de Carmela pode cobrar catro anos sen aparecer polo posto de traballo e as costas xudiciais páganas os cidadáns mentras as causas quedan ARQUIVADAS! (o mesmiño que sucede con Baltar Junior!) https://www.lavozdegalicia.es/notic...