A crise oculta do marisqueo en Galicia: menos capturas e menos vendas

Investigadores galegos debullan a caída na produción e venda do sector marisqueiro galego nos últimos anos. O número de embarcacións diminuíu un 13% e as persoas que traballan a pé reduciuse un 56%. A sobrepesca, a pesca furtiva, a introdución de especies non autóctonas ou invasoras, a destrución de hábitats claves, a contaminación, as mareas vermellas e o cambio climático, factores claves no declive do sector.

Por Alberto Quian | Madrid | 18/10/2018 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

O sector marisqueiro galego está en claro declive. A capacidade de capturas caeu considerablemente nos últimos anos, o número de embarcacións diminuíu un 13% e as persoas que traballan a pé se reduciron en máis da metade. A isto hai que sumar as drásticas caídas nos desembarques, que minguaron un 16%, e do valor de venda das especies de mariscos, que baixou un 13%. A crise do sector marisqueiro galego —un dos máis potentes no mundo— pálpase nos portos, nos mercados e nos fogares, mais apenas se conta. Agora, científicos galegos presentan un estudo que evidencia a "crise oculta" do marisqueo en Galicia. 

Mariscadoras galegas
Mariscadoras galegas | Fonte: Gabriel González en Flickr.

Os datos demostran que nos últimos anos —entre 2004 e 2016— a lonxitude dos buques, a súa capacidade e a potencia do motor diminuíron nun 10%, 7% e 3%, respectivamente. Paralelamente, houbo unha redución no número de barcos do 13% no mesmo período e unha caída do 56% dos mariscadores que traballan a pé ente 1998 e 2017.

Os desembarques e o valor de venda das especies de mariscos diminuíron nun 16% e un 13% nos últimos anos.

Ao mesmo tempo, as mulleres, que inicialmente representaban o 90% dos mariscadores nunha actividade non controlada e marxinada, convertéronse en pescadoras profesionais e tiveron que empezar a pagar impostos para garantir os beneficios do sistema da Seguridade Social, o cal, segundo os autores do estudo, afectou particularmente o seu nivel de emprego.

A todo isto hai que sumar que os desembarques e o valor de venda das especies de mariscos diminuíron un 16% e un 13%, respectivamente, entre 2003 e 2015. Unha caída que chegou logo dun período de recuperación desde mediados da década de 1980, cando a xestión da pesca costeira foi transferida do Goberno español ao autonómico.

En resumo, a importancia socioeconómica do marisqueo en Galicia diminuíu co tempo, o que probablemente explica, segundo os investigadores, por que aumentaron as licenzas e o comercio de novas especies para consumo humano como as algas e anemones, ou de poliquetos para satisfacer a demanda de cebos dos pescadores recreativos.

A pregunta que se fan os científicos é se as capturas e comercio de marisco caeu debido a reducións previas no esforzo de pesca (é dicir, cambios inducidos socioeconomicamente) ou como resultado do empobrecemento progresivo dos recursos mariños (é dicir, cambios inducidos ecoloxicamente).

As fortes presións do mercado nacional e internacional están a empurrar aos mariscadores á captura da ameixa xaponesa contra a autóctona.

MENOS AMEIXA AUTÓCTONA, PERCEBE E BERBERECHO

Os autores do estudo describen as capturas de ameixa autóctona como paradigmáticas, xa que a produción deste molusco bivalvo se foi abandonando progresivamente en favor da ameixa xaponesa Ruditapes philippinarum, o cal, din, conleva perdas no valor das vendas e aumenta os riscos do mercado.

Máis detalladamente, aínda que o rendemento económico a longo prazo é mellor para as especies de ameixas locais, constátase que as fortes presións do mercado debido á alta demanda nacional e internacional de produtos pesqueiros están a empurrar aos mariscadores á captura da especie xaponesa, que mostra mellor rendemento biolóxico a curto prazo. Como consecuencia, a produción de ameixas autóctonas se foi reducindo e abandonando progresivamente, coa consecuente perda de cota de mercado.

A todo isto hai que sumar o feito de que os produtores locais da especie xaponesa deben competir nun mercado global moito máis competitivo e volátil, e por tanto, deben enfrontar un maior risco potencial de quebra.

As confrarías situadas no sur de Galicia —a área co maior número de licenzas de pesca de ameixas— experimentaron, en consecuencia, as maiores perdas de emprego.

Os científicos obervan un descenso significativo nas capturas e do valor de venda do percebe, e unha caída do emprego relacionado con este crustáceo.

Tamén destacan o caso do percebe, xa que se constatou unha diminución significativa nas capturas e o valor de venda deste crustáceo, un marisco de gran demanda e co valor de venda máis alto no mercado. Segundo os investigadores, é evidente que existe certo grao de esgotamento dos recursos, o que podería explicar as tendencias negativas das vendas da lonxa da Coruña que é, con moito, o mercado máis importante para o percebe galego e a significativa caída do emprego relacionado con este marisco.

Os científicos sinalan a sobrepesca, a pesca furtiva, a degradación de hábitats, a contaminación, os brotes de enfermidades e o quecemento do mar como posibles responsables da caída das capturas e do valor de venda de especies como o berberecho ou o percebe.

O estudo destaca o alto impacto da actividade humana nos ecosistemas costeiros de Galicia e o aumento da incidencia das enfermidades dos mariscos nos últimos anos. En concreto, pon como exemplo o caso do berberecho común, unha especie clave para a economía galega e que foi perdendo relevancia no mercado nos últimos anos debido a un brote de parasitos que os está exterminando nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, o que provocou que a lonxa de Noia reforzase o seu liderado en vendas deste molusco.

Constátanse perdas no acceso ao mercado para as especies e produtores galegos nos mercados nacionais e internacionais pola crecente demanda de mariscos máis baratos.

A todo isto hai que engadir os efectos do quecemento global, cun impacto directo nas especies de mariscos, o cal agrava as consecuencias negativas da contaminación e tamén das mareas vermellas e os eventos epizoóticos (enfermidades contaxiosas que afectan un número elevado e inusual de animais ao mesmo tempo nun lugar e que se propaga con rapidez).

Por tanto, os científicos conclúen que unha mellor vixilancia e control da contaminación nas rías de Galicia é clave para garantir a saúde das poboacións de mariscos naturais, a seguridade alimentaria e a venda de mariscos.

O certo é que os ecosistemas costeiros de Galicia se viron gravemente afectados por unha combinación de sobrepesca, pesca furtiva e introdución de especies non autóctonas ou invasoras, a degradación a longo prazo e destrución de hábitats claves, a contaminación e as frecuentes mareas vermellas, así como o cambio climático.

Este escenario agrávase coa crecente demanda mundial de mariscos asequibles economicamente e a competencia local e estranxeira, nun mundo progresivamente globalizado, causando algunhas perdas no acceso ao mercado para as especies e produtores de Galicia. Debido a que os mariscadores galegos están xa altamente profesionalizados e os seus ingresos anuais dependen en gran medida desta actividade económica, as perdas potenciais na rendibilidade das especies explotadas teñen un impacto directo no emprego e no número de embarcacións.

RECOMENDACIÓNS

Ante este declive e as súas implicacións socioecolóxicas, os científicos avisan á Xunta de Galicia de que a sustentabilidade deste sector require que o Executivo desenvolva políticas de apoio á investigación e a vixilancia do sector, aumente o control sobre a contaminación e a pesca furtiva e promocione un maior enfoque na produción de especies nativas e o fortalecemento dos marcos de xestión conxunta.

Independentemente de se os recentes cambios no sector marisqueiro galego resultan das tendencias do mercado ou do esgotamento dos recursos, as implicacións socioecolóxicas para a sociedade galega son, segundo os expertos, severas, xa que se trata dun sector relacionado tradicionalmente co desenvolvemento económico do país.

Por esta razón, consideran difícil de comprender por que estes cambios aínda non se identificaron e analizaron en profundidade anteriormente, especialmente considerando o número de institucións de investigación mariña de alta calidade con sede en Galicia.

Os científicos recomendan fomentar máis a produción e explotadción de especies autóctonas e a apertura de novos mercados para as especies menos establecidas.

Os investigadores cuestionan que as políticas pesqueiras e a investigación científica se centraron tradicionalmente na pesca industrial, de xeito que o coñecemento sobre os aspectos socioeconómicos, de xestión e de política das pesqueiras é aínda moi limitado, especialmente no sector do marisco, onde os aspectos humanos están moi relacionados coa forma na que se implementa a xestión.

Por todo isto, reiteran a necesidade de fomentar a produción e explotación de especies nativas, ben adaptadas ás condicións ambientais locais e con nichos de mercado ben establecidos, así como a apertura de novos mercados para especies menos establecidas.

Tamén consideran prioritario realizar investigacións adicionais sobre a sobrepesca e a pesca furtiva, as verteduras contaminantes no mar e as consecuencias do cambio climático, ademais de seguir investigando as posibles interaccións negativas con actividades que presentan un alto risco ecolóxico, como a colleita de algas e o uso de sementes de mexillón mediterráneo para a acuicultura, por exemplo.

Os resultados do estudo, titulado 'Socioecological changes in data-poor S-fisheries: A hidden shellfisheries crisis in Galicia (NW Spain)', publícanse na revista científica internacional Marine Policy e está asinado por Pablo Pita e Sebastián Villasante —investigadores da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Campus do Mar—, Diana Fernández Márquez —Consellería do Mar—, Manel Antelo —Campus do Mar e Facultade de Económicas e Empresariais da USC— e  Gonzalo Macho —Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo—.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta