Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2018 | Actualizada ás 15:36
O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, censurou que desde a vaga de incendios de 2017 Galicia perdeu " un ano" nesta materia e reclamou "un verdadeiro pacto nacional polo territorio" que poña, dixo, medidas encima da mesa: "Non é un problema forestal, é un problema de todo o territorio". Villares visitou o terreo o día en que se cumpre un ano da vaga de incendios de 2017, que afectou gravemente o sur da provincia de Pontevedra. Así, incidiu en que "a cultura do lume prevense" e en que "non serve só con apagar os lumes".
O líder de En Marea propuxo, entre outras cuestións, a creación dun sistema público de loita contra incendios forestais e que "non estea sometido aos intereses das empresas privadas". "Non pode ser que sigan lucrándose cos incendios, mentres siga así, seguirá habendo a quen lle compense queimar o monte", sinalou. Villares tamén fixo fincapé na necesidade de ter en conta o cambio climático como "unha realidade" e na necesidade de "revitalizar a contorna rural", coa creación de áreas útiles e creación de postos de traballo.
Ademais, entre as propostas debulladas, o portavoz da formación 'rupturista' sinalou que hai que diversificar o monte, fronte ao "monocultivo" de eucalipto. "Mentres sigan sendo preeminentes, a que vai quedar postergada é o resto da cidadanía", salientou.
"ABANDONO, INCOMPETENCIA E MANIPULACIÓN"
Para Villares, tres palabras describen o último ano do Goberno de Alberto Núñez Feijóo nesta materia: "abandono, incompetencia e manipulación". Así, denunciou que "onde ardeu" o pasado ano "non se fixo nada, nin a nivel ambiental" para a súa recuperación. Sobre "incompetencia", o portavoz de En Marea reprochou a "incapacidade de crear un mando único operativo durante este ano" que fose capaz de "coordinar os servizos dispoñibles" e "sobre todo, manipulación" porque "das 30 medidas famosas" que se ían pór en marcha, dixo, "15 son mentiras" e "non están implementadas".
Neste capítulo de "manipulación", tamén denunciou que se creou unha comisión de investigación que "non serviu absolutamente para nada", só para "blanquear a conciencia calcinada de quen o ano pasado non souberon xestionar os recursos de todos". E, dixo sobre os incendios que afectaron hai unha semana a Mondariz, "os medios públicos non cumpriron e resultou máis fácil informarse polos privados".
TESTEMUÑOS DE CARGOS LOCAIS
Xunto a Villares, compareceu Carla Pérez, concelleira de Medio Ambiente de Salceda de Caselas, un dos municipios máis afectados na vaga de incendios de 2017. Así, narrou a situación vivida, cos momentos "máis preocupantes" vinculados á situación dos veciños, e como se tiveron que "coordinar" entre todos sen ter formación para iso; á marxe do que reprochou unha falta de concreción para as axudas aos veciños. Pola súa banda, a tenente de alcalde de Mondariz, Mónica Peralba, explicou as dificultades xurdidas co que foi o quinto lume forestal nunha mesma semana. Pasaron, dixo, "momentos angustiosos", aínda que celebrou que non houbo que lamentar danos en vivendas nin de persoas.
Asegurou que o conselleiro, José González, púxose en contacto "rápido" con ela, pero dixo que lle "sorprendeu" que o hidroavión dispoñible estivese en Salamanca, cunha hora de voo de ida e outra de volta. Aínda que logo, dixo, cónstalle que estiveron "todos os medios de Galicia" na zona. Para ela, unha das "queixas" que se repite desde o ano pasado é a "comunicación". Neste sentido, pide coordinación para a loita contra incendios: "Hai cousas que hai que activar que non están na man de ningún político nin conselleiro; hai un protocolo de incendios que ten que funcionar por si só". Doutra banda, indicou que o "dano é reparable" nos petróglifos afectados e apuntou que xa se puxeron en contacto coa Consellería de Cultura para poder recuperalos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.