Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville, premios Xerais 2018

O Premio Xerais de Novela foi para «Besta do seu sangue». «Kusuma» obtivo o Premio Merlín de Literatura Infantil e «Aplicación instantánea» o Premio Jules Verne de Literatura Infantil.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/10/2018 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

Edicións Xerais de Galicia acacaba de facer públicos os premios Xerais do 2018. Uns galardóns que este ano recaen nos escritores Enma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville. A primeira recibe o Premio Xerais de Novela por «Besta do seu sangue». «Kusuma» de Héctor Cajaraville obtivo o Premio Merlín de Literatura Infantil e «Aplicación instantánea» de Carlos Negro, o Premio Jules Verne de Literatura Infantil. Os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.

Libros de Xerais
Libros de Xerais

Héctor Cajaraville

Héctor Cajaraville (Santiago de Compostela, 1974) estudou Xornalismo e desenvolveu a súa actividade profesional como responsable de prensa en diferentes entidades e institucións, como a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, a Universidade de Santiago de Compostela ou o Concello de Santiago, e tamén como redactor nos diarios La Voz de Galicia e De Luns a Venres. E

n 2015 gañou o Premio Xerais coa súa primeira novela, De remate, e foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Quen dá a quenda? (Xerais, 2016). Nese mesmo ano a súa obra A caixiña dos rancores (Xerais, 2016) recibiu o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña, e en 2016 gañou o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo con Once portas (Xerais, 2017) e o Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil con Denébola a Roxa. Publicou, ademais, as novelas O segredo da casa de Fromoso (2017) e Nova Nursia (Xerais, 2018).

No seu ditame, o xurado da XXXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil sinalou que Kusuma é “unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado”. A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo.

“O meu comezo na literatura en galego foi pola porta grande, non se pode pedir máis: a primeira novela que escribín, De remate, gañou o premio Xerais en 2015. E desde entón varios dos meus libros mereceron recoñecementos noutros certames, sobre todo ao comezo do meu percorrido como escritor”, dixo Cajaraville tras coñecer o fallo.

Carlos Negro

Carlos Negro (Lalín, 1970), autor de obras en Xerais como Far-West (Xerais 2001), Makinaria (Xerais 2009), Penúltimas tendencias (Xerais 2014, Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil) ou Masculino singular (Xerais 2016), iniciouse no xénero poético con as laranxas de alí babá (1998). Recibiu tamén o premio Johán Carballeira polo poemario Héleris (2003), o Victoriano Taibo por Cultivos transxénicos (2008) e o Fiz Vergara Vilariño por Tundra (2017).

Ensaiou o xénero satírico no dicionario Abelcebú (2010), de carácter burlesco. Nos últimos anos vén desempeñando un continuo labor de achegamento da poesía ao público xuvenil, a través de recitais e obradoiros por toda Galicia. En 2018 recibiu o Premio dos Clubs de Lectura que outorga a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia ao autor máis lido do ano 2017.

No seu ditame, o xurado da Xª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil valorou sobre “Aplicación Instantanea” a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas. “Tamén a crítica social e a visión por veces descarnada da realidade, a procura consciente da complicidade dunha lectora activa na construción dun discurso potente, apelativo e de intervención que non deixa a ninguén indiferente”, engadiu.

Pola súa banda, Carlos Negro explicou que recibir o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil confirma que existe un espazo lector para a poesía xuvenil en lingua galega, e que ese reto literario, a pesar dos seus riscos, “constitúe unha aposta por unha poesía mutante e transformadora, que nace dos espazos de socialización da mocidade, convertendo as redes sociais e as aplicacións móbiles nun campo de xogo da linguaxe literaria”.

Emma Pedreira

Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Filóloga, poeta e narradora. Membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. Forma parte da denominada Xeración Poética dos 90. Como poeta publicou Diario bautismal dunha anarquista morta, (1999, Premio Johán Carballeira), Grimorio (2000, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón), Corpo (2001, Premio Faustino Rey Romero), As posturas do día (2001), Velenarias (2001, Premio Johán Carballeira), Os cadernos d'amor e os velenos (2002, Premio Johán Carballeira), Casa de orfas (2006, Premio Fiz Vergara Vilariño), Xoguetes póstumos (2010), Antítese da ruína (2011, IX Premio de poesía Novacaixagalicia), Libro das mentiras (2012,

Certame de poesía Concello de Carral) e s/t (Xerais, 2015, Premio Gonzalo López Abente). 

Como narradora publicou Bestiario de silencios, (2001), As cinzas adentras (2004), Corazón e demais tripas (2016, Premio Narrativas Quentes ) e Bibliópatas e fobólogos (2017, Premio da Crítica de narrativa galega 2018).

No seu ditame, o xurado da XXXVª edición do Premio Xerais de Novela sinalou que Besta do seu sangue supón unha proposta de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros. Ao tempo, salienta o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade, unha historia inspirada na figura de Blanco Romasanta, co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega.

“Cústame moito asimilar os cambios. Entre as miñas moitas fobias e teimas a neofobia dirixe un pouco as miñas fases vitais. Se cadra por iso emprendo a través das liñas outros percorridos e mudo de pel. Así que asimilar este enorme Premio Xerais vaime levar o que a dixestión da boa que tragou o elefante”, indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta