O desmantelamento dunha economía

E agora Alcoa: Galicia leva décadas perdendo empresas transcendentes o que está a provocar a súa progresiva miniaturización económica e demográfica.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 22/10/2018

Comparte esta noticia
En 1982, Galicia perdía o seu principal referente en materia de investimento e innovación, FENOSA, adquirida por Unión Eléctrica Madrileña, unha compañía máis pequena e sen capacidade de xeración eléctrica; foi esta unha operación que marcou o devalo da Galicia económica e mostrou a súa falta incuestionable de poder político. Despois seguiron outras dolorosas perdas por diversos motivos en sectores clave coma o financeiro (Banco Pastor, Caixas de Aforros), telecomunicacións (R, Comunitel), tecnoloxía (Zeltia, Softgal, Blu:sens),  textil (Caramelo, Viriato, Toypes...) e mesmo en construción civil, así como a grave crise da única empresa galega presente entres as 25 máis innovadoras de España segundo o EU Industrial R&D Investment Scoreboard: Pescanova. 
 
Se ninguén o remedia, Alcoa unirase á tétrica relación de empresas transcendentes que perde Galicia. Ten o caso particularidades dignas de comentar: trátase dunha fábrica que o goberno Aznar vendeu en 1998 á multinacional norteamericana dentro do plan de privatizacións acometido naqueles anos polo executivo popular. Alcoa leva dende 2014 ameazando co peche ou a venda da factoría alegando, entre outros motivos, o custo da electricidade (a produción de aluminio require un consumo brutal de enerxía). Unha multinacional xestiónase dende a súa sede central co obxectivo de acadar o máximo beneficio para os seus accionistas. O que para eles é tan so unha medida empresarial máis, implica un golpe duro para case 400 familias galegas e para a propia economía do país. 
 
(Unha observación á marxe: a produción de enerxía eléctrica de Galicia excede folgadamente o seu consumo; Madrid é a principal receptora da enerxía excedentaria galega. Se Galicia fose un país independente, recibiría ingresos por esa transferencia de enerxía. Tamén tería autonomía para decidir as súas tarifas eléctricas, de acordo cos criterios xerais da UE). 
Galicia leva décadas de desmantelamento da súa industria e de estancamento do seu sector agrogandeiro o que está a provocar consecuencias tráxicas que os sucesivos gobernos da Xunta teiman en ignorar. Abonda con repasar a evolución da poboación de Galicia dende 1978 para concretar a dimensión da catástrofe.
 
Nos corenta anos da comparación, España aumentou un 26% a súa poboación mentres que Galicia decrecía un 3%, a terceira Comunidade cunha peor evolución. 
En números absolutos, Andalucía ou Madrid gañan máis de 2 millóns de habitantes, Cataluña case 1,7 millóns, Valencia 1,4 millóns; Galicia perde 82.000. 
 
En termos de peso relativo, en 1979 Galicia representaba un 7,5% do total español; en 2018 representa nada máis ca un 5,8%. 
 
Podemos matizar esta evolución a partir da renda per cápita das CC.AA. españolas, é dicir, a riqueza comparada de Galicia dentro de Estado español. Outrosí a análise nos ofrece malas novas: a media española é un 11% superior á renda por habitante de Galicia; a de Aragón é un 22% maior; a de Cataluña, un 33% superior; a do País Vasco está xa un 47% por enriba de Galicia, e Madrid un 50%. Cifras extremadamente folgadas para tratarse de territorios dentro dun mesmo Estado. 
 
Podemos continuar así? Sinceramente, eu coido que non. Habemos concienciarnos de que Galicia precisa unha revolución económica que lle dea un xiro á nefasta evolución das últimas décadas. Precisamos en primeiro lugar un goberno que goberne en clave de país e non como un apéndice de Madrid. Un goberno disposto a reverter a decadencia e non simplemente a xestionala. Requirimos unha estratexia económica de transformación a partir dos valores endóxenos e de acordo coas tendencias globais. No mundo cotiza “o valor da diferencia”, esa diferencia que en Galicia levamos décadas menoscabando. Estase xestando un novo modelo económico no mundo baseado en tecnoloxía e cooperación o cal ofrece posiblemente a derradeira oportunidade. Pero necesitamos un cambio interno total. Para que non se perdan máis empresas. E para captar proxectos novos con capacidade de creación de emprego e riqueza. 

Manifestación na Coruña contra o peche de Alcoa
Manifestación na Coruña contra o peche de Alcoa | Fonte: Xoaquin F. Leiceaga.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego