Temas: ENDESA GALEGO

Endesa négase a atender a un cliente en galego, pero si responde en catalán ou inglés

A compañía pide en Twitter a un usuario galego que remita a súa queixa en castelán ou lingua inglesa; un día antes respondía a outro cliente en catalán sen problema.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/10/2018 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

Outra empresa que se nega a atender os seus clientes galegos na súa lingua propia. Neste caso é Endesa. O problema é o agravio comparativo, xa que a multinacional, ademais do castelán, tamén usa o inglés e mesmo o catalán para comunicarse cos seus clientes, mais rexeita o galego.

Endesa négase a atender en galego, pero non en catalán
Endesa négase a atender en galego, pero non en catalán | Fonte: Galicia Confidencial.

Este claro caso de discriminación lingüística viviuno Pablo L. Orosa, cliente de Endesa que este pasado luns enviaba unha queixa a través de Twitter ao xestor de redes da compañía. E facíao en galego: "Amigos de Endesa, moito animarnos a contratar os vosos produtos por internet e cando dou un de baixa cobrádesme unha penalización de 135 euros sen avisar de nada. Así é como ides perder un cliente".

A resposta de Endesa, este martes, cinguiuse á cuestión lingüística: "Buenos días Pablo. Te informamos que para poder atender correctamente y sin errores tu solicitud, nos hagas llegar la misma en castellano o en inglés. Muchas gracias".

Sorprendente reacción, cando desde esa mesma conta se ten respondido mesmo en catalán. Por que non en galego, entón? A reacción de Endesa xerou críticas diversas de usuarios de Twitter. 

"Pero el inglés no es oficial en el territorio donde prestáis servicio y resulta que el gallego sí, aunque esto no sea de vuestro agrado. Endesa debería ser más respetuoso con sus clientes y con su diversidad", contestaba o usuario Pablo Leira.

"Buenos días Endesa. Para atender correctamente y sin errores una solicitud, aprenda y respete los idiomas oficiales del Estado español (el inglés no lo es). Moitas grazas", respondía tamén outro cidadán, Javi Gayoso

"En inglés. O en castellano. Pero respondéis en catalán a otros usuarios... Decidle a vuestra neurona que no se coja vacaciones, que os deja en evidencia", criticaba Jacobo Prado.

Miguel Grandío tamén lles Operades en Galicia e só atendedes en castelán ou en... inglés? Cracks!".

E usuario Choskar Pogavic daba no clavo: "En catalán sí repostades? Sodes uns putos clasistas".

A clave deste caso está nun chío que Endesa publicou este luns —o mesmo día que Pablo L. Orosa expresaba a súa queixa e un día antes da negativa da compañía a antedelo en galego—. Endesa demostrou non ter ningún problema en responder en catalán a outro usuario que utilizou esa lingua para comunicarse coa compañía en Twitter.

"Bona tarda. Series tant amable de contactar amb nosaltres mitjançant un MD? Procedirem a verificar la teva facturació. Gràcies", respondeu o xestor de redes de Endesa ás queixas do usuario @marcvior.

É por esta clara discriminación á lingua galega que Endesa se gañou as críticas de moitos usuarios. Porque atende en español, inglés e catalán, pero négase a facelo en galego.

VERSIÓN DE ENDESA

Pola súa banda, fontes da empresa informaron a GC que Endesa non ten un gran mercado doméstico en Galicia, ao igual que en Euskadi, e que por iso non usa o galego ou o vasco. “Utiliza o catalán porque o seu principal mercado está nesta comunidade, ademais de Andalucía, Balerares, Aragón e Canarias”, apuntaron estas fontes que xustifican o uso do inglés porque nalgunhas destas autonomías “viven moitos estranxeiros”.

Ademais, lamentan a resposta dada ao usuario galego e din que “non foi a máis adecuada”, pero insisten en que Endesa é importante en Galicia no mercado de xeneración de electricidade, pero non no mercado doméstico e por iso non se usa o galego.

Temas: ENDESA GALEGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Un de paso

Un cliente que usa o galego é tan respectable coma un que usa o castelán ou o catalán, á marxe de que o número de clientes galegos de Endesa sexa menor ca o de clientes de Cataluña. Non caben escusas para negar o mesmo servizo e o mesmo trato a todos os clientes. A única desculpa admisible é a corrección deste trato discriminatorio.