Javier Losada pide unidade e tempo para atopar un comprador para Alcoa

UGT destaca que o Goberno central mantén contactos con investidores para ambas as plantas e non unicamente para unha.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/11/2018 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, pediu "tempo" co obxectivo de "atopar investidores" para Alcoa, á vez que reclamou "unidade" para evitar que pechen as factorías da multinacional na Coruña e Avilés (Asturias), que suman case setecentos empregos directos.

Reunión de Javier Losada cunha delegación de Alcoa
Reunión de Javier Losada cunha delegación de Alcoa | Fonte: DELEGACIÓN DEL GOBIERNO

Nunha entrevista á Cadea Ser, Losada defendeu a actuación do Goberno neste caso, pois "colleu o touro polos cornos" co "obxectivo" de que "Alcoa retire o ERE, negocie e se busque unha solución". "É un problema da empresa Alcoa e creo que debemos pór o foco na empresa, que é a que decide o peche, a que decidiu non investir", insistiu.

Neste sentido, confía en que todos os implicados actúen "unidos" neste caso. Desexa, ademais, obter un "tempo prudencial que permita, con acougo, atopar eses investidores" que aposten por facer rendibles as factorías.

Pola súa banda, o delegado de UGT en Alcoa A Coruña, Juan Paseiro, precisou, en declaracións á Radio Galega recollidas por Europa Press, que o Goberno mantén contactos con investidores para ambas as plantas e non unicamente para unha, como este mércores trasladou o presidente do comité de empresa de Alcoa Avilés.

O Goberno, destacou Paseiro, considera que tanto A Coruña como Avilés "son viables" e que se están establecendo contactos con "posibles investidores", fronte ao que o máis complicado é que Alcoa se decida a vendelas, dado o seu control do mercado do aluminio en España.

Na mesma liña, o portavoz da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, tamén considerou a decisión de vender a planta como o maior escollo para esta decisión, dado que a Alcoa "non lle interesa ter competencia".

Fontenla desvelou, en declaracións á Radio Galega, que hai "un investidor galego" interesado na compra das plantas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O de non querer ter competencia faime moita gracia... Non vexo eu que aos empresarios galegos lles guste ter competencia... especialmente cando arriman ao poder público para vivir das concesións a 50 anos SEN COMPETENCIA !!! https://i.gal/VigoDenuncia Tranquilos está Javier Losada no tema... que é tan fenómeno coma inútil !!!