Denuncian á Xunta ante a Fiscalía por permitir a contaminación de Coren na Limia

A SGHN considera que as sucesivas consellerías con competencia en medio ambiente non poden alegar descoñecemento das consecuencias que tería a autorización de novas granxas desta empresa ou ampliación das existentes e poderían ter incorrido en “neglixencia, deixamento de funcións ou prevaricación”.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 06/11/2018 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

A contaminación por xurro e lodos de extensas zonas da Limia chegou xa á Fiscalía. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) presentou o pasado venres un escrito ante a Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense para que investigue quen permitiu – se é que se permitiu-- e por qué este tipo de contaminación por empresas cárnicas, nomeadamente, por Coren.

eurodiputada Lidia senra, o deputado David Rodriguez, o científico e presidente da Asociación Galega de Historia Natural, Serafín González, con membtros do MEL diante dun camión de Coren que descarga xurro nunha finca da Limia
eurodiputada Lidia senra, o deputado David Rodriguez, o científico e presidente da Asociación Galega de Historia Natural, Serafín González, con membtros do MEL diante dun camión de Coren que descarga xurro nunha finca da Limia | Fonte: L.S

A SGHN quere que se investiguen estes feitos denunciados para dilucidar se existen ou non responsabilidades penais por parte dos funcionarios ou cargos de libre designación da Consellería de Medio Ambiente que asinaron as autorizacións de novas granxas ou ampliación das existentes na cabeceira do río Limia.

A eurodiputada Lidia senra, o deputado David Rodriguez, o científico e presidente da SGHN, Serafín González, entre outros ambientalistas, foron testemuñas directas, tal e como publicou o GC, precisamente o pasado venres, de coma un camión da empresa Coren realizaba un verquido de xurro nun descampado da Limia. Unha situación que podería ser cómica pero que tivo lugar, curiosamente, mentres un nutrido grupo de persoas era guiado por representantes do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) aos puntos críticos destes verquidos ilegais na provincia.

PROBLEMA QUE VÉN DE LONXE

Nos últimos 10 anos SGHN dirixiu 33 escritos ás sucesivas consellerías “competentes” en medio ambiente, tamén a algúns concellos e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. En todos eles alertábase que os datos oficiais reflictían unha saturación de instalacións gandeiras industriais na cabeceira do río Limia e que a ampla maioría das granxas industriais están vencelladas ou impulsadas polo conglomerado de empresas de Coren.

Protesta de ambientalistas e políticos de En Marea e AGE Europa diante dun monte de xurro na Limia descargado por Coren
Protesta de ambientalistas e políticos de En Marea e AGE Europa diante dun monte de xurro na Limia descargado por Coren | Fonte: LS

“Isto suxire a existencia dun plan empresarial de intensificación gandeira na chaira da Limia nos últimos 20 anos”, apuntan desde esta entidade que destaca que os datos recollidos polas estacións de calidade das augas (SAICA) indican que a calidade química das augas na chaira limiá incumpre a Directiva 2006/44/CE.

Por iso, a SGHN pediulle varias veces á Xunta de Galicia unha moratoria na autorización de novas granxas industriais (ou ampliacións) na bacía do río Limia e unha avaliación dos efectos sinérxicos e acumulativos das granxas existentes sobre o auga, a flora e a fauna da Limia. “As sucesivas consellerías competentes en medio ambiente teñen ignorado sistemáticamente as alegacións e advertencias de SGHN”, indica ao criticar que unha e outra vez están a emitir informes ou declaracións de impacto ambiental para os proxectos de novas granxas ou ampliacións na cabeceira do río Limia afirmando que “non é previsible que xere efectos significativos sobre o medio ambiente”

AUGA CONTAMINADA

Con todo, as análises oficiais das augas subterráneas que SGHN ven de obter da Confederación Hidrográfica correspondentes a 19 puntos de mostraxe (surxencias, pozos ou sondeos) desminten os informes da consellería porque os datos apuntan que a a calidade das augas é só moi boa en seis puntos analizados (o 1/3 do total) e que a concentración media de nitratos aumentou globalmente un 39% entre 2014 e 2017 ata situarse nos 16,3 miligramos/litro. Nalgúns puntos analizados, ademais, acadáronse ata 174 miligramos/litro de nitratos disoltos, tres veces e media máis do admisible para augas potables.

Por iso, a  SGHN considera que as sucesivas consellerías con competencia en medio ambiente non poden alegar descoñecemento das consecuencias que tería a autorización de novas granxas ou ampliación das existentes e poderían ter incorrido en “neglixencia, deixamento de funcións ou prevaricación”.

MÁIS DENUNCIAS

Non é a primeira vez que se denuncia esta situación. Hai agora xusto tres anos, a SGHN “axudoulle” á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a averiguar a orixe dun dos puntos da Limia máis contaminados por nitratos. “Estaba á vista de quen quixera ver dende había máis de 10 anos: unha esterqueira xigantesca o aire libre no concello de Sandiás”, apunta esta entidade que lembra que logo de que se fixera pública a súa denuncia nos medios “autoridades competentes” tomaron nota.  

Con todo, e a pesar de actuar nese punto, tres anos despois volve haber novos vertidos, nesta ocasión, hai outro de 70 m de longo por 3,5-4 m de alto e 6-7 m de largura e con entre 600 e 800 metros cúbicos de esterco de galiña. Este novo punto está á intemperie, directamente sobre a terra e xusto no límite da ZEPA de A Limia, na paraxe da Coutada (concello de Vilar de Santos), entre os ríos Limia e emisario de Antela, nunha zona asolagable.

GRAVE PROBLEMA

Precisamente, os ecoloxistas do MEL denunciaban este venres que a produción agrogandeira intensiva xera na Limia residuos contaminantes sen depurar equivalentes ao asentamento nesta comarca ourensá de 1,5 millóns de habitantes. Uns residuos que foron vertidos directamente á contorna sen depurar tal e como puideron comprobar en vivo e en directo.

E gran parte da responsabilidade é, din, de Coren que "non é quen de resolver o grave problema dos perigosos residuos que xera". Esta empresa cárnica suministra ó granxeiro a tecnoloxía máis moderna para instalar a súa industria; instalacións con sistemas automáticos de alimentación, medicamentos, suplementos de engorde, piensos transxénicos e mesmo modernos matadeiros onde dar saída a toda esa produción. Sen embargo deixa nas súas mans a enorme responsabilidade de eliminar os residuos que produce a granxa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta