Anulados polo xulgado 160 nomeamentos por comisión de servizo no Concello da Coruña

Admite a demanda da CIG, que precisa que corresponden ao actual mandato de Marea Atlántica, ao do PP e ao do bipartito.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 06/11/2018 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña anulou uns 160 nomeamentos por comisión de servizo no Concello da Coruña, que corresponden ao actual mandato de Marea Atlántica, a etapa do PP e a do bipartito. Así o precisou o representante da sección sindical da CIG no Concello herculino, José María Calatayud, que explicou que "polo menos 33" corresponden ao actual mandato. Uns 54 foron nomeamentos realizados durante o PP e outros 37 co goberno bipartito, de acordo cos datos achegados pola central sindical.

Casa do Concello da Coruña
Casa do Concello da Coruña | Fonte: Galipedia

"Para que sexan ilegais, teñen que renovarse", expuxo o dirixente sindical sobre a renovación das comisións de servizo máis aló dos dous anos establecidos como máximo polo regulamento existente. "E a Marea renovou os anteriores", expuxo sobre os nomeamentos aprobados en anteriores mandatos e agora anulados.

Este feito levou á CIG, en maio deste ano, a presentar unha demanda reclamando a anulación do mantemento das comisións de servizos por máis de dous anos e o cesamento inmediato dos funcionarios que as ocupan.

Sobre a situación no Concello da Coruña, o representante da CIG denunciou que só en 2017 a Marea Atlántica realizou "39 nomeamentos en comisión de servizo". "E este ano levan cinco máis", subliñou sobre designacións que supoñen "máis responsabilidade e máis remuneración". No entanto, lembrou que unha comisión de servizo, de acordo co regulamento existente, "é por un ano" coa posibilidade de prórroga só de "un ano máis".

ETAPA DE FRANCISCO VÁZQUEZ

Sobre o número de funcionarios en comisión de servizo, cuestionou o recurso a este tipo de designación, pero sinalou que isto se mantén no Concello herculino "desde que gobernaba Paco Vázquez", aseverou sobre o ex rexedor socialista. "Dábanse comisións de servizo como repartir lambetadas", pero apuntou que entón non había "nin unha Relación de Postos de Traballo".

"Ao marchar Francisco Vázquez, houbo tres gobernos distintos, pero actuaron igual", sentenciou. Mentres, explicou que, coa chegada de Marea Atlántica, desde a CIG déronlles "un tempo" para abordar esta situación. "Validaron as que había e aumentaron as comisións de servizo", sinalan.

"Vestírono dándolle forma de concurso, pero elixiron eles a dedo", engadiu ao cuestionar os requisitos fixados. De feito, cando presentaron a demanda, a CIG acusou ao actual goberno local de levar ao "extremo" o uso da figura da comisión de servizos. Sobre o que ocorrerá agora con eses funcionarios, explicou que deberán volver ao seu anterior posto.

No fallo, o xulgado sostén que o concello "non articula motivo fundado" de oposición á demanda recoñecendo que as comisións de servizos "prolongáronse máis aló da limitación temporal" que establece o regulamento. Tamén manifestou, recolle o fallo, que se atopaba en "vías de negociación" para regularizar a situación.

Con todo, o xuíz engade que estas manifestacións "non poden alterar un feito certo que impón a estimación da demanda,a ilegalidade do mantemento das comisións de servizos referidas máis aló dos dous anos". Contra o fallo cabe recurso ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta