As entidades transfronteirizas piden a España e Portugal que impulsen o Corredor Atlántico

A Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas defende a elaboración dun tratado bilateral España-Portugal actualizado.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 06/11/2018 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

Dirixentes municipais, empresariais e académicos da fronteira hispano portuguesa, integrados na RIET (Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas) reclamaron aos gobernos de España e de Portugal que impulsen o Corredor Atlántico. Foi durante a reunión da asemblea xeral deste organismo que tivo lugar na localidade portuguesa de Fundão na que analizaron as accións propostas a ambos os gobernos para ser debatidas na próxima Cimeira Ibérico, o 21 de novembro en Valladolid.

Asemblea Xeral da RIET (Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas)
Asemblea Xeral da RIET (Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas)

Durante a reunión a RIET aprobou unha moción na que solicita que se cree un grupo de traballo para impulsar o corredor do Atlántico e os investimentos e medidas complementarias en todos os ámbitos para garantir o desenvolvemento do Atlántico. Na moción aprobada, a RIET destaca que o espazo Atlántico representa a totalidade da fronteira máis longa de Europa, integrada por territorios de baixa densidade en alerta vermella demográfica. Por tanto, está en causa a cohesión da Península Ibérica e a súa competitividade económica e social no escenario europeo post crise. Entre estas propostas analizáronse tamén as medidas para combater os incendios, contidas nun documento elaborado polo Eixo Atlántico, membro da RIET.

FRONTEIRA

“España e Portugal manteñen a fronteira máis longa e estable de Europa, o que fai necesaria unha dobre diplomacia: a tradicional entre ambos os estados e unha específica de fronteira que contempla os problemas da poboación que viven neste territorio”, apunta nun comunicado o Eixo Atlántico.

Así, suliña que neste espazo existen problemas pero tamén oportunidades de colaboración, en asuntos relacionados co transporte, a planificación sanitaria conxunta, a compartición de recursos educativos ou o combate conxunto contra os incendios. Uns obxectivos de colaboración que para desenvolverse requiren da elaboración dun tratado bilateral adecuado aos tempos tal e como propón a RIET no documento que se fixo chegar á ambos os gobernos.

A RIET

A Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas de Cooperación (RIET) é un proxecto nado en 2009, constituído por organizacións municipais, empresariais e de educación próximas á fronteira de España e Portugal. A RIET foi creada co obxectivo de promover a cooperación transfronteiriza, o desenvolvemento socio-económico nos territorios fronteirizos e de establecerse como unha soa comunidade de interese ante os gobernos de España, Portugal e Unión Europea.

Actualmente, a RIET está formada por 8 asociacións empresariais, 8 entidades transfronteirizas e 10 universidades ao longo de toda a fronteira entre España e Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Que corredor atlântico? O que une Lisboa, Madrid, Barcelona com Europa? Ou estamos a falar do corredor para comunicar a Gallaecia com Europa? Perdão, a verba Gallaecia está proibida tanto na Espanha como em Portugal, não seja que tenhamos que ver a história de forma diferente. Porque a Espanha não é a Hispania romana, entendendo-a como dioceses não coma província (não existiu uma província chamada Hispania que abrangesse toda a península) com capital em Merida (capital da província da Lusitânia), e Portugal não é a Lusitânia romana, ademais de nascer dum retalho da província da Gallaecia romana.