A cidade desolada

Hai días que un desexaría borrar do calendario. Ben quixera non ter presenciado o sucedido na penúltima fin de semana do mes de maio.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 07/06/2011

Comparte esta noticia

 

 

Lendoiro fixo unha aposta de máximo risco coa que acadou os mellores resultados na historia do Deportivo; chegou a cimas que posiblemente nunca se alcanzarán. O Superdépor fixo soar moitas veces en Riazor a música da Champions (“música celestial”, decía Manolo Castelo). Pero agora o club deberá afrontar un tempo difícil, cunha enorme débeda que pon en risco o seu futuro. A entidade está agora mesmo ao borde do precipicio. E non se trata só dun fracaso deportivo: a cidade sofre un grave revés económico e social.

Na política prodúcese un cambio radical. A pesar de que o goberno bipartito fixo unha boa xestión é desprazado polo PP, que practicou unha oposición tramposa e ruín. Losada foi un alcalde pouco carismático pero estivo acompañado por concelleiros competentes, tanto no PsdeG (Longueira, Taboadela) como no BNG (Tello, López Rico): fixeron un excelente traballo que non foi recompensado polas urnas. Ben ao contrario, o castigo do electorado é incuestionable: 20.000 votos perdidos entre as dúas formacións. Agora Losada renuncia á acta de concelleiro mentres outros, tan responsables coma el do fracaso electoral (Moreda), pretenden permanecer ao mando desta nave á deriva. É xa hora de retirar os que foron actores principais durante tantos anos e facilitar a necesaria renovación de persoas e discursos. Tamén no BNG hai voces críticas (mardoorzán) que reclaman facer algo distinto e innovar.

A cidade queda baixo o mando de Carlos Negreira, quen aparcou na Coruña cumprindo unha estratexia deseñada polo PP para ocupar o poder público en todas as instancias. Non é un descoñecido: tivo responsabilidades nas consellerías de Economía e Sanidade, en Correos (cando foi privatizada), e foi presidente de Portos de Galicia (sendo investigado pola súa presunta relación coa trama Gürtel). É do sector máis conservador do PP, próximo a Romay; cualificou a Millán Astray como un "coruñés de pro, de toda la vida", e amosa un continuo desprezo polo galego. A súa política será copia da desenvolvida por Feijóo na Xunta. Afirmará que o bipartito deixou o concello sen diñeiro e procederá a facer recortes. Perderán os servizos sociais e os barrios, pero creará espazos de negocio para que os empresarios e grupos afíns poidan vivir dos orzamentos públicos. Estaremos atentos…

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.