Denuncian a creación dun megaparque eólico en Ordes, Cerceda, Frades e Mesía con procedementos alegais

Sumarían un total de 51 muíños eólicos dun diámetro de 163m. Critican que se están “fragmentando intencionadamente” os proxectos para eludir a lei, algo que xa foi declarado ilegal polo TS.

Por Galicia Confidencial | Ordes | 13/11/2018 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

A Coordinadora contra a implantación de parque eólicos na comarca de Ordes denuncia a creación dun só megaparque eólico nos concellos de Ordes, Cerceda, Frades e Mesía tras a aparición de tres novos parques no rexistro eólico de Galicia que, segundo critica, están “fragmentados intencionadamente” para eludir a lei.

Parque eólico de Vestas
Parque eólico de Vestas | Fonte: Vestas

Estes parques reunirían un total de 33 novos muíños, repartidos nos de Legre (11 eólicos), Solpor (7 eólicos) e Meirama (15 eólicos). Aparecen no rexistro ademais con sendas subestacións eléctricas, salvo a de Meirama. “Calquera destes tres parques están extremadamente próximos ós núcleos rurais, moi lonxe dos 5 km de distancia que consideramos necesarios por seguridade e saúde entre os parques eólicos e as aldeas”, sinala a entidade nun comunicado.

Estes tres parques, sumados ós outros dous en tramitación (Monte Inxerio e a Gasalla), suman un total de 51 muíños eólicos dun diámetro de 163m. Para a súa aprobación, as compañías eléctricas utilizaron o procedemento da fragmentación de proxectos para eludir mellor os impactos no medioambiente e na sociedade, nunha tramitación separada, o que, din, “é completamente ilegal como xa declarou o Tribunal Supremo”.

Estas novas solicitudes de parques eólicos están nunha zona declarada de Interese Agrario pola Xunta de Galicia e no que se concentra moita poboación rural activa e espallada no territorio. “Ademáis, é moi rechamante que a maioría dos parques eólicos proxectados para a nosa comarca, non teñan xustificado, antes do seu proxecto, que exista recurso eólico, é dicir, que realmente haxa vento suficiente para xerar electricidade”, indica.

CONCELLOS LIBRES DE EÓLICOS

Os concellos de Ordes, Frades, Mesía e Oroso téñense declarado concellos libres de eólicos no pasado mes de maio. A Coordinadora contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes, esixe a estes concellos que manteñan a súa posición de rexeitamento ós muíños eólicos e que non concedan os permisos de actuación necesarios para o seu estudo e implementación.

Ademáis, esixe á Consellería de Economía, Emprego e Industria que escoite a declaración de concellos libres de éolicos que se manifestaron en contra dos parques nos plenos de cada municipio e que, polo tanto, se reforme con urxencia o Plan Eólico de Galicia, e se elimine a estesconcellos do citado Plan.

FALTA DE TRANSPARENCIA

“Unha vez máis, descubrimos a ameaza dos proxectos eólicos e liñas eléctrica grazas a unha constante investigación, e non por unha comunicación pública dos concellos afectados”, denuncia ao tempo que pide explicacións a cada un dos concellos afectados pola non exposición pública destes proxectos.

“Denunciamos a dificultade de acceso á información e a opacidade da Consellería de Industria, que non pon á disposición dos cidadáns os proxectos completos dos parques eólicos e as liñas eléctricas, bloqueando así o dereito á información a todos os veciños”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta