Acordo unánime na Cámara para evitar que colexios con uniforme obriguen ás nenas a usar saia

Todas as forzas apoian unha petición que parte de En Marea e que se porá en marcha no próximo curso escolar

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2018 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

Todos os grupos do Parlamento de Galicia chegaron a un acordo para que, a partir do próximo curso escolar, a Xunta implante "todas as medidas pertinentes" para evitar que os colexios con uniforme obriguen ás nenas a usar saia de forma que esta sexa unha opción que as propias alumnas elixan.

Estudantes dun colexio vestidas con uniforme
Estudantes dun colexio vestidas con uniforme

As catro forzas da Cámara galega sumáronse a unha iniciativa proposta por En Marea, que pedía instar á Xunta a impedir que os colexios que contemplan o uniforme contemplen esta peza como unha obrigación para as nenas e que estas poidan decidir con "liberdade" se a usan ou optan polo pantalón para acudir ao centro escolar.

"A eliminación de obstáculos para alcanzar a igualdade tamén pasa pola eliminación da vestimenta diferenciada nos centros escolares", manifestou a deputada Luca Chao durante a defensa da iniciativa o martes, xornada na que asegurou que o uso da saia pode condicionar a "liberdade de movemento" das nenas.

Neste sentido, aínda que recoñeceu que a mellor opción sería un "uniforme único", pediu que a Xunta impida que os colexios poidan incluír un código de vestimenta diferenciado por razón de sexo. "Estamos a ensinar ás nosas fillas nos colexios a ser guapas antes que felices, queremos nenas felices que xoguen nos patios, que sexan libres e donas de si mesmas", expresou.

APOIO DE SOCIALISTAS E NACIONALISTAS

Á proposta de En Marea avanzaran xa o martes o seu apoio tanto o BNG como o PSdeG. Así, en primeiro lugar, a deputada nacionalista Olalla Rodil mostrou o seu respaldo a esta petición e considerou, ademais, que o primeiro para "promover a igualdade real e efectiva" na educación é "acabar co financiamento público dos centros que segregan ao alumnado por sexo".

Pola súa banda, o socialista Luís Álvarez advertiu que este non é un debate sobre o uso do uniforme senón sobre unha obrigación que impide que as alumnas "poidan elixir libremente" que peza usan. E, ademais, censurou que o Goberno galego pretendese eludir as súas responsabilidades nesta materia a pesar de "ter todas as competencias" ao pedirlle ao Executivo central que sexa o que lexisle sobre a materia.

POSTURA DO PPDEG

Estas afirmacións do socialista tiñan lugar xusto despois de que o deputado do PP César Fernández Gil defendese unha emenda da bancada popular que pedía trasladar ao Executivo central a necesidade de regular en materia de vestimenta nos centros escolares.

Ademais, a emenda dos populares propuña instar á Xunta a lembrar aos centros escolares a necesidade de incluír normas de vestimenta que non discriminen por razón de sexo e lembraba que son os consellos escolares os que deben aprobalas.

Con todo, na sesión deste mércores, na que se votaron as proposicións non de lei debatidas no pleno, o PPdeG permitiu, coa súa maioría, que esta iniciativa saíse adiante a pesar de que En Marea non aceptou a súa emenda.

Este acordo foi alcanzado nun pleno no que o debates sobre a violencia de xénero e a necesidade de alcanzar unha maior igualdade marcaron a orde do día ante a celebración, o vindeiro domingo, do Día Internacional contra a Violencia Machista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta