Emerxencias confirma que o Concello de Vigo non pediu medios para atender os feridos do Marisquiño

Afectados denuncian que son "ignorados" polas institucións e piden sinalar responsables "con nome e apelidos". O PSdeG cuestiona o "teórico" portavoz dos afectados e reitera que a comisión é unha "mascarada".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 22/11/2018 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, confirmou este xoves que nin o alcalde de Vigo nin o seu concelleiro delegado de Seguridade se puxeron en contacto co CIAE 112 para informar da situación ou para solicitar medios de emerxencias cando se produciu o accidente do Marisquiño, no que resultaron feridas máis de 460 persoas. Así o trasladou durante a súa comparecencia na comisión de investigación creada no Parlamento de Galicia sobre o accidente.

Accidente no Marisquiño en Vigo, con máis de 300 feridos
Accidente no Marisquiño en Vigo, con máis de 300 feridos | Fonte: Miguel Núñez

Durante a comparecencia, deuse a coñecer o despregamento de medios realizado polo 112 Galicia após ter coñecemento, por mor da chamada dun particular pouco antes da medianoite, de que se producira un afundimento no lugar onde se estaba realizando un concerto e que había persoas que caeran ao mar.

Marcos Araújo sinalou que "ninguén" do Concello de Vigo contactou coa central de emerxencias do 112, e explicou as dificultades que o centro de coordinación tivo para falar con algún responsable dos efectivos municipais de emerxencias. De feito, apuntou, Abel Caballero é "dos poucos alcaldes cos que o 112 non pode falar directamente" porque non facilitou un contacto telefónico para chamalo en caso de emerxencia, senón un teléfono do Concello "no que non hai ninguén polas noites".

Con respecto ao despregamento de medios, o xerente da Axega sinalou que, "indubidablemente", o goberno municipal de Vigo "non activou o PEMU (Plan de Emerxencias Municipal)" porque, de facelo, tería que notificalo ao CIAE 112, que activaría de forma automática o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia. Ademais, engadiu, o PEMU de Vigo está "sen actualizar desde 2007" e non contempla o festival O Marisquiño, a pesar de ser un evento multitudinario.

Marcos Araújo sinalou que, no caso deste accidente, "fallou a prevención" e lembrou que é o Concello o responsable de facer as inspeccións dos lugares onde se autorizan eventos, algo que "non se fixo de maneira adecuada".

En todo caso, defendeu que a Axega mobilizou tódolos recursos que se estimaron necesarios e que, en dúas horas e media, a intervención estaba canalizada e os feridos graves trasladados.

FALTA DE COORDINACIÓN

Pola súa banda, os representantes de BNG e En Marea referíronse á "falta de coordinación" nos servizos de emerxencia durante a intervención após o accidente e aludiron aos problemas que a Xunta ten na integración dos diferentes efectivos de emerxencias en Galicia.

O deputado do BNG Luís Bará sinalou que algúns traballadores referiron un "caos" tanto nos traslados de feridos, como na coordinación entre os diferentes servizos de emerxencia ou mesmo no sistema de comunicación entre eles. "Hai moito que mellorar para dar unha resposta máis áxil, eficaz, coordinada e con máis medios", engadiu.

Carmen Santos, de En Marea, expresou a súa sorpresa por que, ante unha "emerxencia extraordinaria" como foi o accidente do Marisquiño, non se activou o plan de emerxencias municipal en Vigo. Así mesmo, cuestionou que a Xunta non teña mecanismos para instar o goberno municipal vigués a actualizar e revisar o seu Plan de Emerxencias.

PLATAFORMA DE AFECTADOS

Mentres, a plataforma de afectados do accidente, cuxo representante tamén compareceu este xoves na comisión, lamentou que están a ser "ignorados" polas institucións, e reclamaron que se saiba "a verdade" sobre o sinistro, e "que se sinale o responsable ou responsables con nome e apelidos" para que "algo así non volva ocorrer".

O portavoz da plataforma, Julio López, apuntou que o único apoio que teñen, con asesoramento xurídico e asistencia psicolóxica, é a oficina posta en marcha pola Federación Veciñal Eduardo Chao de Vigo. "Onde está a calor prometida desde o Concello?", cuestionou, e engadiu que a oficina que se abriu, "tarde", desde a administración municipal, funcionou "unhas horas" e a única atención que recibiron foi para facilitar os seus datos e esperar unha chamada que nunca chegou.

"Pedimos que se nos escoite e se nos atenda, porque estamos a ser ignorados e vapuleados", sentenciou, á vez que valorou o "sensacional labor" dos equipos de emerxencia que atenderon os feridos e as súas familias no momento do accidente.

Julio López afirmou que as necesidades das vítimas son agora moi parecidas ás do momento do accidente, e que están a recibir a atención médica e psicolóxica que eles mesmos buscan, ben no ámbito público ou no privado. "Non hai un sitio concreto onde dirixirse, e hai un problema de custos de tratamentos, rehabilitación, etc", engadiu.

Con respecto á creación da comisión de investigación no Parlamento, e á posición do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do grupo parlamentario do PSdeG, Julio López confirmou que nin o grupo socialista nin o rexedor olívico contactaron coa plataforma nin se reuniron con eles. "Non entendemos a posición do PSdeG, non sabemos se prefiren mirar a outro lado, á espera da resolución dun xuíz", aseverou.

"RESPOSTA CONXUNTA"

O deputado nacionalista Luís Bará criticou, con respecto á atención ás vítimas, a ausencia dunha "resposta conxunta" por parte das tres administracións implicadas (concello, Xunta e Porto), e reclamou un "protocolo" para casos como o deste accidente, no que as institucións se coordinen para atender aos afectados, en lugar de "sacudirse" a responsabilidade.

Na mesma liña, Carmen Santos tachou de "inaceptable" que unha entidade veciñal teña que "substituír" a atención que deberían prestar as institucións públicas.

O representante do PP na comisión, Alberto Pazos, advertiu de que "sería inxusto xeneralizar" sobre as responsabilidades, xa que cada administración ten as súas. "Que cada pau aguante a súa vela. Hai que determinar o que tería que facer cada administración, e se o fixo", matizou.

Ademais, sinalou que os efectos dos accidentes foron "limitados" grazas a que existía un plan de autoprotección da organización do evento, aínda que este non foi rexistrado ante a Xunta.

PSdeG

O PSdeG cuestionou a representatividade do que cualificou como "téorico" portavoz dos afectados polo accidente do Marisquiño e insistiu en que non participará nunha "mascarada" que busca "réditos electorais".

O deputado autonómico e secretario xeral do PSOE en Vigo, Abel Losada, expresou a súa "absoluta sorpresa" pola representatividade que "se arroga" este portavoz e que "non está debidamente acreditada".

Losada foi máis aló e puntualizou que esa representatividade é "escasa", á vista dos testemuños gráficos nos que aparecen membros desa "presunta plataforma".

Por outra banda, tamén criticou que a comisión se poña en marcha con comparecentes, cando aínda non ten "ningunha documentación nin administrativa nin técnica", e cando a xuíza que instrúe a investigación está aínda solicitando informes específicos de "elevada complexidade". "Isto é un mero acto electoral, en mans da maioría do PP, e coa cooperación necesaria de En Marea e BNG", sentenciou Losada, que ratificou a negativa do seu grupo a participar na "mascarada".

"FALTA DE RESPECTO"

Tódolos grupos que si participan na comisión de investigación sobre O Marisquiño afearon este xoves a ausencia dos socialistas, e a súa "falta de respecto" cara ás vítimas do sinistro e cara ás institucións.

Así, o portavoz do PP, Alberto Pazos, tachou de "incualificable" e "un insulto" o feito de que o PSdeG "non tivese a deferencia" de acudir á comisión o día que comparecía un portavoz dos afectados, e lembrou que a investigación política sobre o accidente debería facerse no ámbito local. "Desgraciadamente non puido ser, pola negativa do goberno vigués a aclarar o sucedido", apostilou.

A representante de En Marea, Carmen Santos, tamén criticou que o goberno de Abel Caballero e o PSdeG "vetaron" unha comisión municipal, e denunciou a "actitude obstrucionista" e a "opacidade" do goberno vigués, por non achegar a documentación requirida sobre os permisos para o evento e as actuacións após o accidente.

O representante do BNG, Luís Bará, denunciou a posta en marcha dunha comisión "con precariedade" por falta de documentación, e criticou a "falta de respecto" do PSdeG por non acudir, xa que as vítimas "merecen a presenza de todas as forzas políticas".

"Esta comisión é un instrumento democrático para investigar un asunto que non é local, pola súa transcendencia merece a atención do Parlamento, para saber que pasou e corrixir os fallos", defendeu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta