Nova agresión machista en Vigo un día despois do Día Internacional da Violencia de xénero

Un home agrede á súa parella e deixaa tirada na porta do domicilio.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/11/2018 | Actualizada ás 10:48

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, J.A.C.D., de 43 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras propinar puñadas e patadas á súa parella, unha muller de 27 anos.

A Policía Local acode a un accidente
A Policía Local acode a un accidente | Fonte: PL Vigo

Segundo informaron fontes policiais, unha dotación do 092 e outra da Policía Nacional desprazáronse ao lugar dos feitos, un domicilio na rúa Santa Tegra, despois de que un viandante alertou dun posible episodio de malos tratos á primeira hora do luns. Esta testemuña ía camiñando pola rúa e escoitou os berros dunha muller procedentes dese domicilio, e puido ver a través dunha porta acristalada como alguén golpeaba a outra persoa.

Unha vez no lugar, os axentes observaron, na porta de entrada á vivenda, como un home propinaba unha patada no estómago a unha muller que estaba tirada no chan. A continuación, tras decatarse da presenza dos policías, o home empuxou coa porta á muller, que quedou tirada no chan, mentres el pechaba dita porta e quedaba dentro da vivenda.

Tras axudar á vítima a incorporarse, os axentes chamaron ao domicilio pero o presunto agresor negouse a abrirlles. Tras insistir, o home accedeu a abrir a porta, e relatou que botara da vivenda á muller porque fora ela quen lle agrediu a el.

A Policía comprobou que o sospeitoso non presentaba ningunha lesión, mentres que a muller refería dor no abdome e na boca. Ademais, a moza explicou que mantén unha relación con J.A.C.D. desde hai 7 meses e que, poucos meses despois de iniciala, o home comezou a agredila, primeiro con labazadas e logo os golpes foron a máis.

A muller declinou ser asistida no lugar polos sanitarios, alegando que ela mesma acudiría a un centro médico se se atopaba mal, mentres que a súa parella foi detida alí mesmo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lela

Foi uu1 machista de libro! Ollo, entre nós está agochada a besta!