Consideran probados a "estrutura" sectaria dos 'Miguelianos' e os delitos de "abusos" do líder

A causa quedará este martes vista para sentenza que deberá ser ditada antes do 11 de decembro ou o acusado principal sairá en liberdade provisional.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 27/11/2018 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

Na trixésima sesión do xuízo coñecido como dos 'Miguelianos' chega a quenda dos informes finais das partes. O Ministerio Fiscal considera probada a "estrutura" sectaria do grupo e os delitos de abusos cometidos por Miguel Rosendo que se desprenden de varias testificales. Pola súa banda, a acusación particular mantén que o líder e fundador da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo tivo unha "conduta criminal" cos que eran os seus acólitos.

Miguel Rosendo entrando na Audiencia de Pontevedra.
Miguel Rosendo entrando na Audiencia de Pontevedra. | Fonte: Europa Press

A falta da intervención das defensas, a causa quedará este martes vista para sentenza, que o tribunal terá que ditar antes do día 11 de decembro --data na que se cumpren os catro anos de prisión preventiva do líder do grupo, Miguel Rosendo-- ou o acusado principal sairá en liberdade provisional pois xa non caben prórrogas.

O xuízo dos 'Miguelianos' foi un procedemento longo con trinta sesións na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e "118" testificales entre os peritos e as testemuñas, un número elevado a pesar de que se renunciou a uns "50" testemuños dos propostos inicialmente.

INFORME DA FISCALÍA

O fiscal da causa, Juan Pablo Martínez, sostivo que tras a proba practicada considera probada a "estrutura" de "secta" da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo con Miguel Rosendo "na cúspide" e que das diferentes testificales despréndese que "non se facía nada sen o consentimento" do líder.

O fiscal manifestou que nos 'Miguelianos' produciuse unha "despersonalización" dos membros propia dunha "estrutura" de "asociación ilícita" e describiu como o líder foi "fraguando a docilidade das vítimas" en base a unha técnica de "premios" e "castigos", así como que varios testemuños recoñeceron que Rosendo se converteu en alguén "imprescindible" para eles.

A Fiscalía tamén se referiu á limitación da capacidade intelectiva dos membros da Orde e exemplificouno coa testemuña da irmá do número dous de Rosendo, quen explicou que "tes a sensación de que as decisións as tomas ti", un extremo que segundo o fiscal quedou referendado polos peritos que realizaron a avaliación psicolóxica dalgúns 'Miguelianos'.

O Ministerio Fiscal asegurou que "debe defender a dignidade humana aínda que a vítima non o recoñeza" respecto dos delitos de abuso e de agresión sexual. "Non podemos mirar para outro lado", aseverou antes de relatar episodios que proban a "falta de capacidade crítica" dos membros da Orde debida ao seu "nivel de sugestión".

O fiscal relatou exemplos das "técnicas de persuasión coercitiva" como "rifas" e "batallas" por parte de Miguel Rosendo, así como "humillacións", "insultos" e "agresións" físicas. Martínez chegou a afirmar que as dúas mozas que eran "bastóns" do líder estaban nunha situación "flagrante" que chega a rozar a "escravitude".

66 ANOS DE PRISIÓN

Por todo isto, o Ministerio Fiscal pide de 66 anos de prisión para Miguel Rosendo por un delito de asociación ilícita, 12 contra a integridade moral, cinco de coaccións e tres contra a liberdade sexual --un de agresión sexual continuado e dúas de abuso sexual continuado--. O fiscal ratificouse nas súas peticións para os outros seis membros da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo acusado. Mantén que Ivana Lima, Belén Esmerodes, José Carlos Acevedo e Iria Quiñones sexan condenados a dous anos de prisión por asociación ilícita.

No entanto, para os acusados --e tamén considerados vítimas-- Esteban Riobó e Dores Espiñeira o Ministerio Fiscal reduciu a petición de pena a 11 meses de prisión e 12 meses de multa a razón de seis euros cada día, un total de 2.160 euros. Así mesmo, o fiscal pide que se aplique a "liberdade vixiada" como medida de seguridade e "tratamentos externos" para que sexan asistidos psiquiátricamente xa que aprecia neles "eximentes incompletas de afectación da capacidade intelectiva e volictiva", é dicir, que ve comprometidas a súa capacidade de decisión e a súa vontade.

"PASIVIDADE" DA IGREXA

Respecto da responsabilidade civil subsidiaria do Bispado de Tui-Vigo, que se fundamentou en que "a constitución e funcionamento da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo estivo amparada e actuaba ao servizo e baixo a dependencia do Bispado", o fiscal engadiu que houbo unha "actitude pasiva" por parte da Igrexa ao non reaccionar en 2006 cando a nai dun membro da Orde alertou ao bispo Luís Quinteiro Fiuza de "comportamentos raros" no grupo.

INFORME DA ACUSACIÓN PARTICULAR

A avogada da acusación, Ana Reguera, que representa a familiares e exmembros da Orde, manifestou que Rosendo se "apropiou" das mentes dos membros do grupo a través do "engano espiritual" e dunha sucesión de "episodios fantasmagóricos" asumidos polas presuntas vítimas "sen cuestionarllos". A acusación particular, pola súa banda, solicita un total de "82 anos" de prisión para o líder da Orde, ao que considera autor dunha vintena de infraccións penais, incluídos delitos de agresión sexual continuada, coaccións, lesións psíquicas, contra a integridade moral, estafa ou subsidiariamente de apropiación indebida e contra os dereitos dos traballadores.

Ana Reguera sinalou que Rosendo tiña unha "conduta criminal" e vinculou a "persuasión coercitiva" que supostamente exercía sobre os membros da Orde co concepto de "coacción" no ámbito xurídico-penal e afirmou que o líder "atacou" a "liberdade de actuar en xeral" dos mesmos cun "engano espiritual". Agresións, ameazas, rifas monumentais, illamento... a avogada da acusación referiuse a diferentes episodios revividos durante o xuízo oral e optou por non repetir os "actos monstruosos" relatados en sala, en referencia aos abusos sexuais. Reguera considera probada a "credibilidade e veracidade" dos testemuños de abusos e agresión sexual por parte dos peritos da Garda Civil que avaliaron psiquiátricamente aos 'Miguelianos' e destacou que o "auténtico inferno" vivido por estas consagradas "esixe unha durísima resposta penal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta