Os Xulgados de Vilagarcía, invadidos por insectos ademais de acumular materiais perigosos

O sindicato AXG-CUT denuncia tamén a aparición de pragas de insectos nas oficinas ademais da masificiación dos arquivos e as pésimas condicións de traballo, tal e como se pode ver neste vídeo.

Por Galicia Confidencial | Vilagarcía | 28/11/2018 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

A central sindical emitiu unha nota onde denuncia que “o desprezo da Xunta de Galicia cara os xulgados de Vilagarcía non ten límites. Durante anos presentamos denuncias ante a inspección de traballo, a Dirección Xeral de Xustiza e nos propios medios de comunicación para lograr que a Xunta de Galicia tomara medidas para mellorar a situación dos arquivos xudiciais do edificio dos xulgados”.

Material acumulado nos calabozos do Xulgado de Vilagarcía
Material acumulado nos calabozos do Xulgado de Vilagarcía | Fonte: Alternativas na Xustiza

AXG-CUT recoñece no seu comunicado que a Xunta si tomou medidas, aínda que sinala que foron “as xustas” para ir “tirando”. Non obstante, esas medidas non tiveron continuidade, isto provocou “unha volta atrás na situación dos arquivos”.

O sindicato sinala que logo de que no  mes de agosto “presentamos na Dirección  Xeral de Xustiza informe fotográfico da situación de abandono dos arquivos, case 4 meses despois as cousas lonxe de mellorar, empeoraron”.  Pero ademais disto, segundo AXG “a maiores de todo o anterior, os traballadores e os cidadáns tiveron que soportar unha praga de formigas que aínda non está solucionada”.


Os xulgados de Vilagarcía  “están nunha situación límite e ao bordo do colapso en canto á capacidade dos seus arquivos” sinala AXG, que tamén denuncia que “en moitos deles se incumpre a normativa de prevención de riscos laborais, poñendo en situación de risco a saúde dos traballadores”.

Entre outras circunstancias,  “no Xulgado de Vilagarcía nº 1 víronse obrigados a facer transferencias informáticas dos expedientes para deixar oco para o arquivo. Non se expurgaron as pezas, polo que segue sen haber sitio. Teñen o arquivo dende o ano 1983 ata o ano 1987”.

MATERIAIS PERIGOSOS

AXG-CUT tamén chama a atención sobre o  “almacenamento de materiais perigosos -bombonas de butano, garrafas de gasolina, sobres en cuxo interior se encontran xiringas, toda clase de armas brancas, latas contendo líquidos inflamables”. Estes materíais “poñen en grave risco, non só, aos funcionarios, senón ao resto que traballan nos edificios xudiciais así como ós cidadáns que acoden a estes”.

Por último denuncian que “só se toma medidas temporais para paliar o que leva a retormar a unha situación igual ou peor”. Todo isto demostra que “no relativo ao estado no que se encontran as dependencias que albergan os arquivos xudiciais, se incumpren gravemente normas básicas en materia de prevención de riscos laborais”. Así, apunta que o responsable do devandito incumprimento é “a Administración de Xusticia da Xunta de Galicia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta