Breogán Connection en Deadwood

Nesta décimo terceira entrega de Viaxes sen Lee, o explorador emocional Gabriel Rei-Doval atopa unha inesperada conexión espiritual nas terras dos Black Hills coa inestimable intercesión de Breogán.

Por Gabriel Rei-Doval | Deadwood (South Dakota, USA) | 06/12/2018 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

Trala frustrada éxtase mística puxen camiño a Rochford. Alí á miña chegada o mundo semellaba volver atrás nun improvisado concerto rural que me conectaba cun país case extinto. Avanzado o serán, e malia as moitas cousas para ver en tan pouco espazo, debía aínda asegura-lo repouso nocturno en Deadwood, sobre todo despois das extenuantes incursións nos mundos da gravidade e maila mística estadounidense.

Desigual competición (moto)ciclista en Deadwood
Desigual competición (moto)ciclista en Deadwood

Así que, tralo retorno da cobertura móbil, dirixinme á prometedora vila dos Black Hills no que había se-lo meu último serán en Dakota do Sur. Sen opoñer resistencia, deixeime levar por Google Maps ata o centro de Deadwood, onde disque se combinaban a partes iguais o interese polo xogo e a vida regalada dunha vila coqueta e con encanto. 

E na contemplación de tanto encanto estaba eu cando o GPS se detivo sen acción nin aviso previos en Lee Street, o que inexorablemente me devolveu a reminiscencias unicórnicas que coidaba pluscuamperfectas. Sen dúbida, os camiños da vida eran misteriosos e parecían ás veces retar á mantenta a rectitude ecuánime da miña mente, o que nun primeiro momento estaban a conseguir.

Mais mirei por todas partes e decateime de que os temores unicórnicos eran infundados, se cadra espellismo de tempos pretéritos e, en todo caso, de inxustificada credibilidade presente. Así que avancei por Main Street, xa na salvaxe compaña de Dahon, á procura dun lugar onde, desencantado do alimento místico, entregarme ó simple sustento físico da distinguida restauración local. Deixeime seducir pola recomendada hamburguesa de bisonte, en harmonía coa fauna rexional, e así batín con Pete e José, parella moteira holandesa casada en segundas nupcias en Las Vegas e en feliz celebración do seu aniversario en formato itinerante. Ela mestra na reserva e el estivador nos peiraos de Rotterdam, seica deran atopado a felicidade plena e serodia  -bolboretas no estómago incluídaslogo de senllas zozobras maritais. Tras algunha pinta adicional, a conversa tornouse tan persoal como o anonimato de Dakota do Sur podía permitir, mesmo chegando a confesa-la importancia de atopa-lo soulmate a calquera idade. Afeito a ser requirido como terapeuta de balde nas noites estadounidenses, suxerinlles continuármo-la conversa no imprescindible Saloon No 10 da vila e así pescuda-la consistencia do seu relato cupidesco. Porén, o convite debeulles esperta-lo temor ás posibles consecuencias de tanta sinceridade ante un xamán mugardés en adestramento permanente e, nunha especie de acto reflexo, acabaron escusando a súa ausencia co gallo de retirárense á privacidade nocturna do hotel.

Pareceume aquel sinal obvio de que os tempos eran chegados de emigrar en solitario ó histórico Saloon No 10 da vila. Un encontro empático con moteiros Harley, neste caso xenuínos e locais, semellaba indicio abondo de que a noite non fixera máis ca comezar. Entrei no local, que quería ser enxebre en formato estadounidense, e sentei na barra. De contado cativou a miña atención o ollar, inicialmente distante, de Tosha, a loira camareira de orixes irlandesas e presenza magnética que enchía coa súa intensa personalidade a zona máis común do Saloon.

O espellismo Lee en Deadwood
O espellismo Lee en Deadwood

Con aqueles seus ollos tan azuis e intensos, en lugar de estereotipo de comedia romántica norteamericana, en realidade Tosha agachaba un misticismo celta de ocultas raíces espirituais. Convencida trala nosa conversa da relevancia certa da conexión galego-irlandesa e axiña fascinada pola lenda intercéltica do Lebor Gabhala, Tosha acabou confiándome os intereses terapéutico-espirituais da súa familia política nos Black Hills, coa que abertamente quería conectarme. Non sabía eu se estaba atopando o final do meu camiño de curación en tan remotas latitudes ou se a vía irlandesa era a arelada conexión estadounidense co mundo místico-espiritual que coidara perdido tralo fracaso previo naquel mesmo día

Abraiada con tanto misticismo intercéltico, a miña aventura roadtrip estadounidense e mailas correspondentes Viaxes sen Lee, Tosha sentiuse urxida a conectarme con Tesla e o seu mundo espiritual en Lead, e así agromou unha Breogán Connection que o tempo dirá cara a onde se dirixe.

Como Tosha escribiría despois, o universo quería conectarnos: a ela, a Tesla e mais a min. Mais o único que existe é o presente -o futuro mantense sempre ignoto. Velaí o misterioso engado que as viaxes galego-americanas nalgún momento, Breogán mediante, se cadra acaben revelando.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA