Piden sete anos de cadea para un home acusado de agresión sexual a unha menor embarazada

Será xulgado o mércores na sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo.

Por E.P. | Lugo | 08/12/2018 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

Os feitos remóntanse a marzo de 2011 e ocorreron no partido xudicial de Monforte de Lemos. Segundo o escrito de acusación pública, a menor, que estaba embarazada de cinco meses, estaba na casa do acusado porque acudira alí en compañía do seu noivo, que ía axudar ao fillo do procesado a cortar leña.

Xulgados
Xulgados

A moza e o acusado quedaron a soas na casa e este ofreceu á menor levala en coche ao lugar onde o seu fillo e o noivo dela estaban a cortar a leña. A menor accedeu pero o acusado, en lugar de levala até alí, dirixiu o seu coche a un camiño apartado, nunha zona cuberta por árbores. Alí sacou a carteira e ofreceu á moza 50 euros por manter relacións sexuais con el e, aínda que a moza se negou, o acusado comezou a tocarlle o peito e a bicala, mentres ela lle pedía que parase.

A menor logrou saír do coche correndo, pero o acusado foi detrás dela ata que conseguiu arrastrala de novo ao coche, chegando mesmo a romperlle a camiseta. Finalmente, após ameazar á moza con que ela e o seu noivo terían problemas se contaba algo, accedeu a levala onde os outros dous mozos estaban a cortar a leña.

A menor, que acabou cunha contusión no abdome, tivo un aborto unha semana despois destes feitos, aínda que a Fiscalía sostén que non se pode determinar que fóra por esa causa. En todo caso, o ministerio público considera ao acusado autor dun delito de agresión sexual e pide para el sete anos de cárcere, ademais do pago dunha indemnización de 30 euros á vítima e de 340,46 euros ao Sergas. Tamén reclama que se lle impoña unha medida de afastamento da moza por nove anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta