As Brigadas Deseucaliptizadoras valoran en positivo o traballo que fixeron no 2018

A mesma organización apunta un aumento de persoas que se unen nos labores de deseucaliptización dos montes e terreos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As Brigadas Deseucaliptizadoras rematan o 2018 “cunha valoración moi positiva polo traballo desenvolvido”. Así, sinalan ademais que “o 8 de decembro, tivo lugar en Froxán (Lousame) a última xornada de traballo por este ano das Brigadas Deseucaliptizadoras organizadas por Verdegaia”.

Traballos de plantación de especies autóctonas en Froxán (Lousame)
Traballos de plantación de especies autóctonas en Froxán (Lousame) | Fonte: Coluna San Fins

Segundo unha nota de prensa enviada por Verdegaia “trinta persoas estiveron traballando para eliminar manualmente eucaliptos e outras especies arbóreas alóctonas do Campo de Lamas, pertencente á comunidade de montes en man común de Froxán”.

Tamén apuntan que “foi nesta Área Conservada pola Comunidade Veciñal recoñecida polas Nacións Unidas onde tivo lugar a primeira brigada deseucaliptizadora, e tamén onde se pechan as actividades deste ano de acordo co plano de xestión e adaptación ao cambio climático proposto”.

Para pechar a xornada “a Comunidade de Montes convidou ás brigadistas a un albaroque, ao final do cal fíxose balance das experiencias vividas ao longo deste ano de Brigadas”. As brigadistas destacaron que “o feito de que Verdegaia puxese en marcha estas brigadas propiciou a posibilidade de actuar de xeito proactivo fronte á degradación dos montes galegos inzados de eucaliptos e fronte os incendios forestais”.

Para as persoas que interviron nas brigadas, a súa actividade “ademais de contribuír á mellora do monte, contribúe a reducir a frustración que provoca ver o desleixo co que desde a administración se trata o noso patrimonio natural”. Moitas das persoas presentes sinalaron que “esta actividade reporta unha satisfacción persoal que non lles produciría una mera protesta contra a realidade forestal galega, xa que traballando no monte temos a sensación de estar facendo algo realmente válido de cara ao futuro”.

Segundo apuntan desde Verdegaia “durante o ano, o número de brigadistas foi aumentando paulatinamente, e mesmo hai brigadas que, aínda que contan coa cobertura de Verdegaia, actúan de maneira autoxestionada”. Como exemplo disto poñen o caso de Corcubión, onde o colectivo Boca de Sapo está traballando nun terreo de propiedade municipal.

Por outro lado, tamén apuntan desde o colectivo ecoloxista que hai “iniciativas doutras comunidades que están traballando cun modelo semellante ao das Brigadas, nos seus propios montes implicando a persoas da súa contorna”.

Por último queren resaltar que “este espallamento da iniciativa parécenos enormemente positivo. Verdegaia vai seguir procurando finanzamento para dar continuidade ás Brigadas, non só como un xeito de mellorar os montes, senón tamén para facilitar o coñecemento da realidade rural e forestal galega e propiciar o aprecio e coidado dun monte vivo e biodiverso”.

As actividades das brigadas retomaranse a partir do 12 de xaneiro no monte Amoedo en Pazos de Borbén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta