Facer república

A crise da corentena coma espello doutros ciclos do pasado histórico.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 12/12/2018

Comparte esta noticia

O 6 de novembro culminou o boato celebratorio da constitución de 1978. Se hai dez anos para o trinta aniversario o ton foi máis festivo, cos deputados reunidos no hemiciclo para escoitar ao coro de RTVE cantar “Libertad sin ira” ou as cancións dos anuncios televisivos da época, desta vez a nota foi solemne, militante. Daquela a crise aínda apenas empezara a tocar unha sociedade autosatisfeita e agora a realidade social e política é ben outra. Non é esaxerado dicir que neses eidos cambiaron máis cousas nestes dez anos que en boa parte do período desde o final da Transición.

Só uns días antes, o resultado das eleccións andaluzas amosa que a historia tende ao eterno retorno. Pero non porque as traxedias se repitan coma farsa, como se di habitualmente. O ascenso de Vox non é exactamente o retorno, 40 anos despois, de Blas Piñar, versión techno.

Vaiamos por partes. A constitución de 1978, sen ser aínda a máis lonxeva, título que mantén a da I Restauración borbónica de 1876, si ten o mérito de enmarcar un período de historicamente grande estabilidade, nada que ver esta II Restauración co seu convulso predecesor de hai un século.  Nin sequera o esmorecente turnismo PP-PSOE ten que ver co de Cánovas e Sagasta. No que si hai paralelismo é no esgotamento do ciclo, no caso da I Restauración rematou no 1923 e no caso actual hai xa anos que está en crise.  

Malia ter, coma as anteriores, a raíz no constitucionalismo Estado-National francés, é en boa parte herdeira da Lei Fundamental de Bonn e no territorial do Stato Regionale italiano para conformar un caso sui xeneris. Na súa flexibilidade está a súa forza: no esencial tanto vale para un estado centralizado coma para un altamente federalizado, unha das razóns polas que é difícil que se aglutine unha coalición ampla para a súa reforma.

Coma galego hai que recoñecerlle que, sen mencionalo, define por primeira vez na historia contemporánea a Galicia coma suxeito político e o galego coma lingua (co) oficial. Xunto co Estatuto legalizoume coma persoa cívica e falante. Por permitir ata permite que Galicia firme tratados internacionais. Outra cousa é o que os galegos fixemos coa nosa autonomía (lexislativa, que non só administrativa) nestas catro décadas. Por non falar do resto de autonomías, nacionalidades ou de café para todos, que tendo a oportunidade de crear unha cultura política e un marco institucional e de sociedade civil ex novo e propio decidiron imitar o que xa existía creando o que foron máis ben macrodeputacións rexionais cunha indolente administración funcionarial, unha clase política rentista e unha sociedade civil subvencionada.

Por suposto que a escolla tivo trampa: a suposta autonomía lexislativa non é tal na medida que (a diferencia por exemplo de Escocia ou Flandres) ao ser as competencias compartidas é Madrid quen ten sempre a última e primeira (Leis de Bases) palabra.  Tamén a autonomía revélase de papel cando o sistema electoral, deseñado conscientemente para evitar os horrores do parlamentarismo da I Restauración e das I e II Repúblicas, leva a partidos tremendamente xerarquizados na camarilla dirixente madrileña e no que os supostos baróns son no fundamental máis caladiños que o que pretenden para a galería. O poder do audiovisual e dos novos media, así coma a crise da outrora poderosa prensa territorial, fai o resto.

 

Logo está o manido tema do Xefe do Estado. Aquí vimos no último lustro un cambio radical, a vella deferencia ao liderado tradicional case de escala marroquí estourou completamente. Xa non hai que ler a prensa estranxeira se se quere enterar un de supostos escándalos. Mais na eterna tertulia de bar de se república ou monarquía non avanzou moito a cousa desde que Castelao editaba “El Barbero Municipal” en Rianxo. Obviamente o máis democrático é que unha sociedade escolla a un dos seus para a máis alta maxistratura (como se dicía en tempos de Franco).

Certamente a min encantaríame ter de Presidente a Marcelo Rebelo da Sousa, o hiperactivo e moi humano Xefe da República Portuguesa. Pero malia ser electo, ao igual có presidente finlandés, non ten os poderes que sí ten en teoría o Presidente francés ou estadounidense. Digo en teoría porque como ben se ve coas magras reformas e Macron e os chalecos amarelos e, afortunadamente, as poucas vitorias reais de Trump, o suposto poder carismático do Presidencialismo é limitado nesta época de capital privatizado e globalizado. As botas de De Gaulle non lle serven a calquera.  Peor aínda ter un presidente coma o portugués non deixa de xerar frustración, como cando na sempiterna crise financeira portuguesa a nación puxo as súas esperanzas no liderado taumatúrxico de Cavaco Silva, que obviamente nada puido facer coas escasas atribucións da función presidencial.

 Polo tanto, naqueles estados onde quen manda é o Primeiro Ministro/Presidente do Goberno poderíase abolir o rol de xefe de estado e que houbese un consello de rexencia do presidente do constitucional, consello do poder xudicial e dos lexislativos que se turnaran para acreditar embaixadores e ese tipo de cousas.

O monarca español, a diferencia do belga, non actúa coma verdadeiro moderador entre as diferentes familias políticas (aínda que como vimos en 2017 nada impide que nun sistema de partidos cada vez máis centro-norteeuropeo, acabe facéndoo). En todo caso a súa función foi outra, traer en base ao liderado tradicional e legal ás camadas criadas ao abeiro do franquismo. Durante moito tempo a figura paternal do monarca, regatas en Palma, recepción en Marivent, constituíase en pináculo dunha sociedade autosatisfeita no consumo aspiracional de náuticos, polo con bandeira e gomina. Nada hai que obxectar aos modos moito máis sobrios do sucesor aínda que cabe preguntarse polo bo xuízo en escoller reinar co nome de Felipe VI, sucesor directo do homónimo Borbón, o Anjou que tras unha cruenta guerra de sucesión trouxo o centralismo francés e a castelanización obrigada. Aínda hoxe hai sitios onde poñen o seu retrato do revés. O do nacionalismo catalán (entre outros) e a dinastía do actual monarca vén de moi atrás e por iso o famoso discurso de 2017 ten neses lugares moitas máis lecturas que a simple defensa do texto constitucional.  Emporiso que curiosa escolla de nome. Tamén os Austrias tiveron só dous Carlos, o primeiro e o último. Os videos coas chanzas de mal gusto cara o seu pai o outro día en Vigo non auguran a que o afianzamento popular da monarquía estea moito máis firmes que cando unha revolta dita gloriosa e unhas eleccións municipais levaron por diante en cuestión de días os ata daquela moi loados Isabel II e Afonso XII, bisavó do monarca actual.

Pero non podemos rematar sen falar da chegada á normalidade europea e global (Trump, Bolsonaro, Duterte, etc.) que supón a irrupción de Vox. Sorpréndese quen quere. Nesta mesma columna témonos feito eco dos comentarios que se escoitan en terrazas e consultorios galegos sobre o malos que son os cataláns e os fillos dos mouros ós que se lle dá preferencia nas garderías e axudas sociais. O outro día en Madrid vin un mulato e un árabe servíndolle cafés a un latino e a outro con cara de ruso. Que todos tivesen un inconfundible acento de Chamberí non resulta para certa xente un atenuante ao feito que nalgunhas zonas se teña producido un cambio radical na estrutura poboacional.  Chalecos amarelos en xerme (precariado, zonas en decadencia   poboacional ou de servizos, ou alta inmigración), hainos por tódolos sitios que non son capitais e centros do hipsterismo. A política da atmósfera e a volátil creación de frondas non é só propia das novas tecnoloxías coa radio e os panfletos facían o mesmo durante o período de entreguerras. Tal coma Nuit Debout, Touche pas mon porc, a Ecotaxa bretona, Occupy Wall Street ou o 15M non é tanto o moito ou pouco que duren senón a tendencia que marcan a que cada vez os conflitos se diriman na rúa e non nas institucións.

O potencial de Vox non é tanto que medre coma que arrastre o resto do discurso político, e non só nas dereitas. Coma galego supón o risco de que me volvan ilegalizar. Tamén normalizar que unha panda de exaltados che dean unhas hostias pola rúa por levar unha bandeira galega. Como dicimos nesta constitución que tantos queren reformar xa cabe todo, incluído o xacobinismo ultramontano. O suposto bloque de constitucionalidade Constitución+Estatuto é unha andrómena de constitucionalistas progres, os estatutos non son nada máis que Leis Orgánicas que se poden abolir parlamentariamente nuns días, se fai falta cambiando a composición do Tribunal Constitucional para lexitimalo.

 O curioso é que habería que preguntarlle aos de Vox cal é a suposta tradición que hai que recuperar, ao cabo ao propor a volta ao centralismo están a pedir que volte a relativamente recente ideoloxía dos gabachos, contra o que precisamente o Tradicionalismo (así coma o Provincialismo galego, antecesor do nacionalismo) denonadamente loitou. Resulta curioso desde esa perspectiva querer prohibir o galego: ós moitos galegofalantes que morreron afogados na Armada de Felipe II non lles pediron test de aptitude de castelán. Pedir o centralismo supón darlle o poder ás élites administrativas do Estado, e xa vimos canto mellor o fixeron as Avogadas do Estado Soraya e Cospedal que Urkullu e ata Feijóo. Os  vídeos promocionais e as súas mensaxes de Vox poden resultar unha chute de adrenalina e feromonas, como cando se vai ver unha película de acción, pero cabe preguntarse se logo se cren de verdade que os personaxes de John Wayne existiron realmente.   

Finalmente agradecer a tremenda contribución do independentismo catalán que lanza un farol de enormes proporcións sen sequera disimular que o era. Ou a suposta esquerda postmaterial que a falta de ser capaces de propor e executar alternativas á precarización e radicalización social quédase no discurso fácil de causas hiperdramatizadas e creacións de metalinguaxe (os e as, heteropatriarcado, etc.) coma substituto dun verdadeiro programa electoral. A Terceira Lei de Newton está a facer o resto. En vez de proclamas da próxima chegada da república (catalana ou española, xa non digamos galega) pouco esforzo se fai na práctica. A república, coma a democracia, non se proclama, exercítase nas asociación de veciños,  nas relacións sociais e mesmo na familia. Non só é cuestión de imposición de bandas presidenciais en parlamentos. Pero non, mellor a pancarta. Como dirían na China, daquí a 2036 avecíñanse tempos interesantes.

Manuel Fraga xura en presencia do rei Juan Carlos o cargo de vicepresidente e ministro de Gobernación do Goberno de Carlos Arias Navarro, en 1975.
Manuel Fraga xura en presencia do rei Juan Carlos o cargo de vicepresidente e ministro de Gobernación do Goberno de Carlos Arias Navarro, en 1975.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos