Denuncian que se vaia desafiuzar unha vítima de violencia de xénero con tres fillos menores en Vigo

A Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec) solicita un informe que reflicta a situación "vulnerable" desta muller, que está a punto de quedar sen fogar por non pagar o aluguer durante un ano. Pretenden paralizar o desaloxo e buscar alternativas.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 11/12/2018 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Aicha E.F. está a piques de ser desafiuzada do piso no que reside en Vigo, xa que leva un ano sen abonarlle o aluguer ao propietario. Esta muller ten tres fillos menores de idade e unha exparella con orde de afastamento por un suposto delito de violencia de xénero. Se todo segue segundo o previsto, o vindeiro 18 de decembro quedará sen fogar.

Aicha, con representantes da Favec e da oposición
Aicha, con representantes da Favec e da oposición | Fonte: Europa Press

Así o denunciou a Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec), que convocou este martes un acto para dar a coñecer este desafiuzamento. "Fomos ao xulgado para tentar que se parase e, segundo nos dixeron, os servizos sociais non presentaron ningún escrito sobre a vulnerabilidade desta familia", sostivo a presidenta da Favec, María Pérez.

Aicha ten tres fillos de once, dez e sete anos. Un deles ten unha minusvalía e os tres están a recibir atención psicolóxica, do mesmo xeito que a súa proxenitora. Esta muller de orixe marroquí chegou a Vigo no ano 2006 e actualmente ten un policía asignado como presunta vítima de violencia de xénero. 

"É unha vergoña o que está a pasar nesta cidade. En Vigo non hai desafiuzamentos? Mirade se non os hai...", aseverou a presidenta da  Favec, que estivo acompañada por representantes do PP, BNG e Marea de Vigo.

BONO SOCIAL DA XUNTA

Polo de agora, a Xunta de Galicia concedeulle o 'bono social' que lle garante uns ingresos mensuais de 200 euros, segundo confirmou a Favec. Dende a asociación, solicitaron á Xunta un informe que probe a concesión deste "bono social" para tratar de frear o desafiuzamento.

Malia estar buscando traballo, non o atopa, segundo manifestou ela mesma. Apuntou que os servizos sociais lle trasladaron que "busque piso". "Pídenme unha nómina e máis dun ano de antigüidade de contrato", engadiu sobre a dificultade de conseguir outra vivenda en aluguer. "O Concello ten pisos pechados para vítimas de violencia de xénero. Queremos un piso para Aicha", salientou Pérez. "Temos unha semana, non pararemos e plantarémonos onde sexa", agregou. 

Aicha explicou que a súa traballadora social lle dixo que se enviara un informe ao xulgado sobre a súa situación, pero no xulgado confirmáronlles que non o teñen. "Co informe, o xuíz podería paralizar a execución outro mes", indicou Pérez.

A Favec pide o apoio da cidadanía de Vigo e recoñeceron que o propietario da vivenda actual de Aicha tamén é outra vítima, pois leva un ano sen percibir o aluguer. Por todo isto, Pérez fixo un chamamento a quen teña un piso que lle poida alugar a esta familia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta