Na defensa dos servizos públicos

Hai uns días (17-06-11) La Voz de Galicia ocupaba a portada e as primeiras páxinas coa nova da transformación de Novacaixacalicia en banco.

Por Pablo Vaamonde | A Coruna | 01/07/2011

Comparte esta noticia

Os mandatarios do novo organismo aparecían sorrintes na foto. "Un día histórico", unha serena esperanza, o que Galicia precisa (Feijóo): todo eran parabéns e felicitacións. O novo líder da institución acepta o reto para prestar un servizo a Galicia. O mesmo xornal adicaba as seguintes páxinas a temas menos relevantes. Avisaba de que a Xunta obrigará aos mestres a dar catro horas máis de clase á semana, de que vai controlar o gasto do teléfono dos empregados públicos e reducir o número de liberados sindicais. Ademais reforzará o control das baixas laborais: dá por suposto que son fraudulentas.

Sorprendeume a coherencia do relato. Lido así, desde o principio, resulta que os responsables das entidades financeiras están a sacrificarse en beneficio do país mentres que os docentes, funcionarios e sindicalistas son os principais responsables das desgrazas colectivas: traballan poucas horas, faltan ao traballo sen motivo, non fan máis que falar por teléfono e están excesivamente liberados. A Xunta de Feijóo ten detectado o problema e sabe como afrontalo: aos banqueiros dálles vía libre pero aos traballadores públicos hai que atalos en curto. Segundo este relato os principais responsables da especulación inmobiliaria e da crise financeira aparecen retratados como heroes mentras que o dedo acusador sinala os funcionarios como culpables de todo. Este diario hai tempo que perdeu a compostura. Xa non está ao servizo da noticia senón da propaganda oficial. Triste destino para unha cabeceira que chegou a ser unha referencia no país.

Con esta intoxicación informativa non se pretende só ofender os funcionarios: búscase desprestixiar os servizos públicos. Nada é casual: hai unha estratexia ultraliberal que procura degradar o público e xerar espazos de negocio para os mesmos de sempre. Pero debemos mirar ao Norte. Hai que lembrar que España ten unha porcentaxe de 9,5% de empregados públicos, mentras que a UE ten un 16%. Cómpre saber que canto máis desenvolvido está o estado do benestar, cantos máis dereitos ten a poboación dun país (Suecia, Dinamarca,..), máis número de empregados públicos. O emprego público non é un lastre senón unha garantía para o estado do benestar. Pero a Xunta de Feijóo non acredita nos servizos públicos. A sanidade e a educación públicas están en risco: están a ser atacadas por quen ten a obriga de defendelas e potencialas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.