Galicia perdeu 3.850 habitantes na primeira metade do ano

Rexistra un saldo migratorio exterior positivo (5.481 persoas), mentres que o migratorio interior foi negativo (-138). No conxunto estatal, o saldo vexetativo negativo viuse compensado polo aumento de persoas estranxeiras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2018 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

Galicia perdeu 3.850 habitantes no primeiro semestre de 2018, ao pasar dos 2.703.149 de cidadáns a 1 de xaneiro de 2018 aos 2.699.299 que había o 1 de xullo deste ano. Este dato sitúa o crecemento poboacional en negativo, ao reducirse nun -0,14%.

Evolución da poboación en Galicia.. EPDATA
Evolución da poboación en Galicia.. EPDATA | Fonte: Europa Press

Así o reflicte a publicación de 'Cifras de Poboación (CP) a 1 de xullo de 2018' e a 'Estatística de Migracións (EM)' con datos provisionais referidos á primeira metade deste ano e feitos públicos este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En concreto, segundo os datos publicados polo INE que recolle Europa Press, o saldo vexetativo --nacementos menos mortes-- no primeiro semestre de 2018 situouse en -9.135 persoas en Galicia.

Pola súa banda, o saldo migratorio exterior situouse en 5.481 persoas, o que sitúa a Galicia como a sexta comunidade; mentres que o migratorio interior quedou nos -138.

DATOS ESTATAIS

En total, a poboación de España aumentou en 74.591 persoas durante a primeira metade do ano e situouse en 46.733.038 habitantes. Consolídase así o crecemento de poboación iniciado no segundo semestre do 2015 e que se debe, principalmente, ao aumento de estranxeiros, segundo se desprende dos datos provisionais das cifras de poboación correspondentes ao 1 de xullo de 2018, publicadas este 13 de decembro polo INE.

Estes datos continúan a tendencia que reflectía o Padrón Continuo en España a 1 de xaneiro de 2018. Daquela, contábanse 46.698.569 habitantes, o que supoñía un incremento de poboación de 126.437 persoas (un 0,3% máis), o segundo aumento consecutivo rexistrado que se producía. Nese caso debíase ao ascenso de estranxeiros, que subían por primeira vez en sete anos, desde 2011.

En canto aos datos provisionais da Estatística de Migracións deste primeiro semestre de 2018, o aumento poboacional do citado período foi froito dun saldo vexetativo negativo de 46.273 persoas (178.939 nacementos, fronte a 225.212 defuncións), que se viu compensado cun saldo migratorio positivo de 121.564 persoas. Concretamente, houbo 287.882 inmigracións procedentes do estranxeiro e 166.318 emigracións con destino ao estranxeiro.

Deste xeito, o crecemento poboacional do estado na primeira metade de 2018 debeuse en gran medida ao aumento do número de estranxeiros. En concreto, o incremento foi de 100.764 persoas até un total de 4.663.726 estranxeiros. Pola contra, a poboación de nacionalidade española reduciuse en 26.173 persoas.

Pola súa banda, a poboación de nacionalidade española presentou saldo vexetativo negativo (-67.788 persoas) e saldo migratorio tamén negativo (-1.690). A suma de ambos non se compensou coas adquisicións de nacionalidade española que, segundo datos provisionais, afectaron a 43.882 persoas.

No caso dos españois nados en España, a poboación reduciuse en 66.654 persoas na primeira metade de 2018. As comunidades autónomas con maior crecemento de poboación foron Illes Balears (0,83%), Comunidade de Madrid (0,58%) e Canarias (0,53%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta